'Sicixia': Un filme para 'ver' a Costa da Morte a través dos seus sons

Ignacio Vilar, na Costa da Morte © Vía Láctea

"Sicixia é unha historia para escoitar a vida na Costa da Morte". Así describe Ignacio Vilar o seu sexto filme, que estes días comeza a rodar na Rapa das Bestas de Sabucedo, na Estrada. Porén, é a Costa da Morte o escenario principal e mesmo o protagonista xenuino dunha historia na que o son é un elemento clave. O filme, protagonizada por Monti Castiñeiras, Marta Lado, Sonia Castelo e Tamara Canosa, rodarase ao longo de oito semanas esparexidas entre mes de xullo e o de abril de 2016 e podería estar rematado en setembro dese ano.

Xiao é un enxeñeiro de son que traballa para o Arquivo Sonoro de Galicia percorre as vilas e lugares máis recónditos de Galicia na procura dos sons, das xentes e a natureza. Nesta viaxe coñecerá a Olalla, quen traballa na colleita de algas, e que espertará en Xiao a paixón pola vida, a terra e o salvaxe da Costa da Morte. Unha historia de amor e desamor na Costa da Morte que toma como título este termo da Astronomía que se refire ao momento no que os centros do Sol, da Terra e da Lúa coinciden en liña recta.

O filme, protagonizada por Monti Castiñeiras, Marta Lado, Sonia Castelo e Tamara Canosa, rodarase ao longo de oito semanas esparexidas entre mes de xullo e o de abril de 2016 e podería estar rematado en setembro dese ano

"É unha historia para escoitar a vida na Costa da Morte, para ver a Costa da Morte a través dos sons" -explica Vilar- "Hai tempo que quería facer unha película neste lugar, dende hai 25 anos, cando percorrera a pé todo o litoral e quedei moi impresionado". A actividade de Xiao como enxeñeiro de son é o enganche perfecto para poñer o foco nos ruídos, rumores, melodías e sotaques destas comarcas, dende a súa propia lingua e usos que "o cine ten a obriga de recoller e axudar a protexer e a potenciar", sinala Vilar. Pero tamén, destaca, "o da Pedra de Abalar de Muxía", ou o do mar "que nesas treboadas impresionantes se escoita a quilómetros", ou o son da Cova da Xoana no Monte Pindo.

O filme será gravado en formato dixital. "Neste momento quero experimentar coa linguaxe. O cinema dixital dános instrumentos para contar historias de forma diferente", explica Vilar. "Nesta rodaxe omos ser un equipo técnico moi reducido. Non hai maquillaxe, non vai haber luces...", di. "Nas miñas películas, o que manda é a historia, e é a historia a que me manda experimentar na linguaxe", engade. "Adaptámonos á historia. Unha cousa da industria cinematográfica que non me gusta é que tes que adaptarte ás esixencias de produción. E onde queda a historia? Temos que adaptarnos á historia, non ao revés", salienta.

Ignacio Vilar, este mércores, preparando a rodaxe do filme Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.