A filosofía a debate: Primeiro encontro galego de novas e novos pensadores

Facultade de Filosofía © USC

A Facultade de Filosofía da USC acolle entre o 6 e o 8 de xullo o I Encontro galego de novas e novos pensadores, organizado pola asociación cultural para a promoción da filosofía contemporánea en galego Proxecto Derriba e o proxecto europeo campUSCulturae. As xornadas tratarán as estratexias de visibilización das culturas minorizadas. A inscrición e asistencia son libres e gratuítas.

O encontro quere pensar a peculiar situación da filosofía en Galicia, situada nunha dialéctica entre a asunción acrítica do foráneo e a reivindicación dalgunhas figuras autóctonas que non sempre eran merecedoras do excesivo recoñecemento que recibiron

Por unha banda, o encontro quere pensar a peculiar situación da filosofía en Galicia, situada nunha dialéctica entre a asunción acrítica do foráneo —as grandes figuras do pensamento filosófico europeo que destacaban en cada época— e a reivindicación dalgunhas figuras autóctonas que non sempre eran merecedoras do excesivo recoñecemento que recibiron. Pola outra, nas sesións búscase trasladar esta situación a un campo máis xeral para pensar como operan outras disciplinas e sobre todo outros grupos minoritarios para acadar representatividade nunha situación inicial claramente de inferioridade.

O obxectivo final é pensar como funcionan os grupos culturais e lingüísticos minoritarios na súa interacción coas correntes e linguas predominantes e tamén investigar que tácticas de resistencia se poden poñer en marcha para facerlle fronte a unha situación de colonización cultural; en definitiva, traballar por unha interacción máis xusta coas correntes e grupos hexemónicos sen abandonar aquelas características que definen as minorías como formas de vida orixinais e peculiares. O encontro divídese en sete mesas: Comunidade, Periferia, (Post) colonialismo cultural, Empoderamento, Subalternidade, Minoría e Precariedade, nocións que estarán de xeito transversal no centro do debate ao longo dos tres días.

O encontro divídese en sete mesas: Comunidade, Periferia, (Post) colonialismo cultural, Empoderamento, Subalternidade, Minoría e Precariedade, nocións que estarán de xeito transversal no centro do debate ao longo dos tres días

O tratamento da feminidade nas prácticas discursivas contemporáneas será estudado pola filóloga Lara Rozados e pola filósofa Adela Díaz, o obradoiro sobre a situación da filosofía dentro e fóra da institución contará entre outras coas achegas do profesor de filosofía da USC Óscar Horta e a reflexión sobre as novas prácticas culturais cooperativas con membros da Universidade invisíbel da Coruña (Antón Fernández Rota), da Universidade Cromática das virtudes (Mon Búa Soneira), o Proxecto Deriba (Abraham Rubín) ou os proxectos Montenoso (Fran Quiroga) e o laboratorio de software Algalab (Manu Cebral).

A profesora da USC Comba Campoy pensará o teatro de títeres como medio de comunicación e resistencia popular, mentres que o xornalista Óscar Iglesias ofrecerá unha valoración crítica do panorama cultural galego e Isaac Lourido reflexionará sobre o sistema literario galego centrándose na súa peculiar situación de conflito coa literatura en lingua castelá.

Reflexionarase sobre o tratamento da feminidade nas prácticas discursivas contemporáneas ou sobre as novas prácticas culturais cooperativas

Entre os relatores atópanse membros de diferentes editoriais libres cun longo percorrido de traballo a favor da cultura en galego, como as editoras Axoúxere e Estaleiro, de asociacións culturais como o Cineclube Compostela ou o coordinador do ciclo cultural Escrit(a)s, o poeta e carteiro Claudio Pato, entre outros.

Durante o encontro actuarán ademais o actor e director teatral Carlos Santiago cun monólogo título “As cinzas de Pasolini” e proxectarase a película “Equí y n’otru tiempo” do director asturiano Ramón Lluís Bande. A conferencia inaugural será impartida pola antropóloga da universidade nova de Lisboa Paula Godinho, quen reflexionará acerca do celtismo como política de creación de identidade e práctica cultural.

Facultade de Filosofía © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.