“Os 80 foron como a segunda parte da Transición, un tempo de apertura no que todo cambiou”

Antonio Piñeiro Dominio Público Praza Pública

O escritor Antonio Piñeiro, creador da colección Bourel, vén de editar un novo libro con Galaxia, A identidade fascinada. Un ollar ao mundo universitario compostelán dos 80 que vai moito máis alá do memorístico. Que se alía co ensaio para indagar sobre a construción da identidade galega. Que volve celebrar, como as súas anteriores novelas, a capa máis dinámica da sociedade.

Defines A identidade fascinada como un “texto patchwork”. E é diferente dos teus libros anteriores, máis encaixables nun xénero determinado.

Habitualmente fago unha literatura de búsqueda, de indagación. Entendo a literatura como un proceso de exploración constante. E esa é a forza que lle percibo, e non tanto a relación do feito literario coa contorna. Este libro indada nunha línea mixta, híbrida, que permite evocar e ao mesmo tempo contar. O máis importante é o clima, e non o argumento. Historias do Santiago universitario dos 80 hai un feixe delas. Pero a min interesábame a sensación que tiñamos…

"O máis importante é o clima, e non o argumento. Historias do Santiago universitario dos 80 hai un feixe delas. Pero a min interesábame a sensación que tiñamos…"

Mais o libro vai alén do relato memorístico. É como un ensaio sobre a identidade. Por que?

Eu son da idea de que na década dos 80 foi onde se plasmou unha identidade revivida, retomada, mutada. Unha transformación, un despegue identitario. A identidade é dinámica. E nos 80 tivo un importante momentum, con elementos como a apertura, a autonomía, a administración galega, a capitalidade de Santiago, o baby-boom, a chegada da idea de Europa, o retorno dos últimos emigrantes, a chegada masiva de mozos á universidade, o clima da “movida” importado de Vigo e cambiado en Santiago, os efectos residuais da transición…

"Na década dos 80 foi onde se plasmou unha identidade revivida, retomada, mutada"

Esa identidade relaciónase, segundo explicas, co “hedonismo do instante”. Como é iso?

Todos os seres humanos temos unha necesidade natural de lecer, de desfrute. Pero é que ademais nos 80 a sociedade aceptaba isto como algo positivo e non como un desinterese polas cousas importantes. Visualizaba esa identidade hedónica, practicante de todos os eidos da vida, como algo bo. “A cidade da alegría”, chamábanlle a Santiago.

Prestas moita atención aos lugares: desde o cuarto ata os bares. Como espazos de liberdade, de procura…

Santiago viviu nos 80 unha explosión hosteleira. Multiplicáronse os locais, que ademais nesta cidade foran ademais sempre un referente cultural de primeira orde. Nos anos 30, o café Español. Nos 20, o Derby, que continúa aberto. Nos 40-50, o Quiqui-bar, no edificio Castromil. Ou as tardes de orquestra do hotel Compostela. Pois nos 80 foron o Número K, que exhibía arte, a Ofissina, onde ían os xornalistas…, ou o Duplex, a Bolera…

"Aprendemos a entender a política como unha obriga do cidadán, como unha implicación que non debe ser casual nin oportunista"

Tamén era tempo de asembleas, folgas, partidos, sindicatos… Mais non te centras moito niso.

Por Santiago andaban xa moitos dos que despois foron protagonistas da política: Pilar Candocia ou Néstor Rego, por exemplo. Había moita chispa. As asembleas eran animadas, nas manifestacións cantabamos moito… Era unha época de gran implicación política. E creo que foi algo que aprendemos naquela época os que agora andamos polos 50 anos: o compromiso, a valoración da política… Aprendemos a entender a política como unha obriga do cidadán, como unha implicación que non debe ser casual nin oportunista.

E por que é unha identidade “fascinada”? Un descubrirse nos outros, segundo dis. Un deixarse levar polo mito: a mocidade, a música, o cinema, a política, a literatura, a rebeldía…

Un autor francés, Pascal Quignard, di que toda identidade está precedida de fascinación. A idea é que toda identidade procede dalgún tipo de fascinación. E daquela o que houbo foi unha macedonia de acontecementos cun gran potencial de fascinación.

"A arte sempre ten unha mira máis universal. É un aspecto da vida que tende a saltar fronteiras, horizontes. Nos anos 80, ademais, a mocidade quería probalo. E non me refiro a substancias artificiais. Senón a vida"

O Grupo Atlántica ou os comezos da sala Nasa. Son dous exemplos que pos de como se entendía a arte. A procura da innovación, da apertura…

Eclecticismo. Creo que é a palabra que define o que facían. A arte sempre ten unha mira máis universal. É un aspecto da vida que tende a saltar fronteiras, horizontes. Nos anos 80, ademais, a mocidade quería probalo. E non me refiro a substancias artificiais. Senón a vida.

En relación con iso comentas que a droga foi parte do signo dos tempos. O hedonismo que tamén se devora a si mesmo.

Eu creo que o problema que houbo nese aspecto foi o descoñecemento. Pasouse en pouco tempo dun réxime político pechado a un aberto. E ese repentino acceso á apertura causou algúns problemas, como o descoñecemento arredor das drogas.

O tráfico de drogas foi o motivo aducido polos que puxeron unha bomba en Clangor. A túa opinión é que foi a reacción do animal acurralado. Dun movemento armado que non tiña cabida na sociedade.

É que non entendían nada. A droga era só unha excusa. Quedaran cegados, nese contexto de repentina apertura da sociedade. Unha sociedade práctica, pacifista, intelixente, que quería que as cousas fosen cambiando a modo e sen violencia. E a resposta que lles deu a sociedade galega, tras o de Clangor, foi o rexeitamento total a esa vía, que aquí non encaixaba.

"A resposta que lles deu a sociedade galega, tras o de Clangor, foi o rexeitamento total a esa vía, que aquí non encaixaba"

A lírica dos 80 é, ao teu ver, decadentista, contraditoria, novísima e vintage.

Non son un crítico experto. Só un observador practicante. É unha literatura ecléctica, cun certo barroquismo e colorismo. Con espontaneidade, argot da rúa, aire festivo… Diversos ingredientes do neorromántico.

A túa tese, ademais, é que os 80 revelan parte da identidade social, política e cultural da Galicia actual.

A sociedade galega daquel tempo forma parte do corpo activo da sociedade de hoxe. É un grupo moi numeroso, que tivo fillos e formou grupos e familias. Espallou os elementos da súa identidade, trasladándoos á sociedade galega.

"A sociedade galega daquel tempo forma parte do corpo activo da sociedade de hoxe. É un grupo moi numeroso, que tivo fillos e formou grupos e familias. Espallou os elementos da súa identidade, trasladándoos á sociedade galega"

Cando se está a revisar a transición e os seus efectos, e cuestionando as xeracións que os sostiveron, ti reivindicas os 80.

É que eu creo que lle debemos moito á transición. O que veu despois foi unha sociedade modernizada. O cambio entre antes e despois é innegable. En dereitos, en educación, en sanidade, en maneira de vivir. Os 80 foron como a segunda parte da transición, un tempo de apertura no que todo cambiou.

Es o responsable da colección Bourel. Cal era o teu obxectivo cando a creaches?

Meterme dentro da carne do libro, implicarme en todo o proceso de creación. E tamén pelexar contra a destrución do libro en papel.

"Interésame o dinamismo. Non a quietude. Miro a historia e as persoas que decidiron xuntarse, colaborar, tirar para adiante"

Algunha relación hai entre As fiandeiras, A dama fulxente e A identidade fascinada. A ollada ás persoas que queren o cambio.

Interésame o dinamismo. Non a quietude. Miro a historia e as persoas que decidiron xuntarse, colaborar, tirar para adiante. A dama era unha muller implicada nun proceso revolucionario. As fiandeiras querían facer os seus propios tecidos sen ser explotadas.

Capa do libro © Editorial Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.