“As artes escénicas están nunha situación límite, precisamos unha refundación”

Belén Pichel, presidenta de Escena Galega Dominio Público Praza Pública

Belén Pichel é a nova presidenta de Escena Galega, asociación que aglutina gran parte das compañías profesionais teatrais dende que o pasado mes de xuño se anunciase a nova incorporación dun bo número de formacións. Chévere, Voadora, ilMaquinario Teatro, Redrum ou A Panadaría son algunhas das catorce compañías  que protagonizaron un proceso de confluencia dentro da escena do país.  A intención deste movemento é reimpulsar Escena Galega, crear novas dinámicas de traballo nun momento de extrema gravidade para o sector e converter a asociación nunha ferramenta institucional que sexa realmente representativa do rico tecido empresarial das artes vivas galegas. Praza Pública fala coa nova presidenta dunha entidade que durante a Mostra de Ribadavia recibiu o premio de honra.

A intención é reimpulsar Escena Galega, crear novas dinámicas de traballo nun momento de extrema gravidade para o sector e converter a asociación nunha ferramenta institucional que sexa representativa do rico tecido empresarial das artes vivas galegas

Por que se dá este proceso de unidade dentro do teatro nestes momentos?

Responde un pouco ao que está acontecendo na sociedade. A miña teima, cando entrei hai un ano en Escena Galega, era acadar unha unidade, que estivésemos todos xuntos. Estaba convencida de que todos atoparíamos máis puntos que nos unen que os que nos separan. As compañías somos moi diversas en ideas e en estilos, mais fundamentalmente compartimos unha serie de intereses comúns. E nestes momentos, se miramos ao redor, vemos unha serie de procesos, de movementos socias que se están a producir. O teatro non podía quedar á marxe. Cumpría organizarse de forma masiva diante dunha situación que describimos en moitas ocasións como terminal. Estamos nunha situación límite, corremos o risco de que desapareza gran parte das compañías; precisamos cambios, unha refundación.

"O traballo das últimas directivas foi moi intenso. A época de Salvador del Río, que levou todo isto, foi unha época moi complicada. Estou convencida de que se Escena Galega non estivese alí, a día de hoxe as axudas, as redes... Todo estaría liquidado"

A situación leva tempo sendo moi complicada, fai un par de anos vivíronse intensas mobilizacións, protestas. A situación moito non cambiou ou foi a peor, dá a sensación de que as mobilizacións non serviron...

Se cadra produciuse un gran nivel de cansazo, de desgaste... Pero o traballo das últimas directivas foi moi intenso. A época de Salvador del Río, que levou todo isto, foi unha época moi complicada. Estou convencida de que se Escena Galega non estivese alí, a día de hoxe as axudas, as redes... Todo estaría liquidado.

Como se organiza Escena Galega nesta nova etapa?

Formulamos traballar dun xeito diferente. Até o de agora, todo recaía na xunta directiva, fóra dunha serie de asembleas que se facían. Iso produce un desgaste terrible. Agora optarmos por unha serie de comisións de traballos para que a xunta directiva poida tamén atender outro tipo de temas. A xunta directiva non pode abranguer todo o esforzo. Por iso creamos unha serie de grupos de traballo para analizar as redes profesionais de distribución, para o tema da feira das artes escénicas, para o Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico...

A danza regresa a Escena Galega.

A danza estivo representada en Escena Galega até que se creou unha asociación propia, Danesga, que xa non existe. Entón, agora, está representada cunha vogalía específica, igual que a hai para os títeres e estamos en conversas para que entren os do circo. Así, todas as compañías das artes escénicas poderán estar representadas nunha única asociación que teña forza.

"A administración debe velar por que as compañías que están nas redes profesionais sexan, loxicamente, profesionais. Hai un convenio que cumprir"

Fala dunha situación terminal, dunha situación límite. Cales son os síntomas?

Para poñer un exemplo gráfico: Pedímoslle a Agadic que nos digan, segundo os seus rexistros, cantas compañías profesionais hai en Galicia. A resposta foi cen compañías. Iso é imposible. Nun sitio como Galicia, con dous millóns e medio de habitantes, non pode haber cen compañías. É unha anomalía. Que quere dicir isto? Que eu fago un espectáculo, doume de alta un día e até a próxima. Iso non é profesionalidade nin é serio. A administración debe velar por que as compañías que están nas redes profesionais sexan, loxicamente, profesionais. Hai un convenio que cumprir.

Hai que distinguir, nas redes, a actividade verdadeiramente profesional da afeccionada. Iso tamén é responsabilidade da administración. Volvendo aos rexistros, Agadic di que na última rede participaron cen compañías e houbo, en total, 250 representacións. Iso dá un promedio de 2,5 funcións por compañía. Iso é inviable. Insisto en que aí temos un problema. Esa mestura de afeccionado e profesional, non hai unha fronteira clara. Nas redes da Deputación pasa exactamente o mesmo. Tamén temos un problema da visibilidade exterior do noso traballo. Non atopamos apoio por parte da administración. Non estamos presentes en ningunha feira do estado. Nunca. O sistema de axudas está formulado, pero xa non ten ningún sentido. Hai que refacelo todo...

"Quen se supón que tiña que encargarse dos grandes formatos, non o fan. Refírome ao Centro Dramático Galego (CDG). Non está cumprindo coas súas funcións"

Unha emenda á totalidade?

Si, a totalidade. Directamente. Vemos que compañías que levan moitos anos, como Chévere ou Sarabela, teñen grandes dificultades agora mesmo...

Que son as compañías que están a facer montaxes de mediano formato...

Si, pero xa están pensando que non poden manter esa fórmula. De feito buscan alternativas. E as montaxes que eles fan, con seis, sete ou oito actores, xa lles chamamos gran formato. E temos que chamarlles xa gran formato porque quen se supón que tiña que encargarse dos grandes formatos, non o fan. Refírome ao Centro Dramático Galego (CDG). Non está cumprindo coas súas funcións. Está copando, en realidade, un nicho que nos corresponde a nós. O seu último espectáculo era de seis actores. A ver, non dicimos que de cando en vez non poidan facer un espectáculo desas dimensións, pero non debe ser a norma. Porque iso han de facelo as compañías privadas. O que non pode ser é que Chévere, Sarabela ou Voadora teñan máis actores en escena que o propio CDG.

Falan de refundar o Centro Dramático Galego, que na actualidade se atopa descabezado tras a dimisión de Guede. En que consistiría esa “refundación”?

A primeira medida a tomar, que non quixo asumir nin este goberno nin o bipartito, é o cambio de forma xurídico do CDG. Actualmente depende da Agadic e ao non ser unha entidade autónoma, atopamos con serios problemas na contratación dos elencos. A lei obriga a que os actores e as actrices sexan contratadas por concurso-oposición. Que quero dicir? Que se precisas unha actriz de vinte anos, pero preséntase unha con cincuenta anos e moita experiencia, por puntos has de coller a maior. E iso non ten sentido neste oficio, precísanse actores cun determinado perfil. Iso é absurdo.

"A primeira medida a tomar, que non quixo asumir nin este goberno nin o bipartito, é o cambio de forma xurídico do CDG. Actualmente depende da Agadic e ao non ser unha entidade autónoma, atopamos con serios problemas na contratación dos elencos"

Até agora non se fixo así.

Non se fixo, porque se fixeron os despistados, pero realmente se hai unha denuncia ou un actor presentase unha reclamación, si que se podería revocar a contratación dos elencos. A única forma de solucionar isto é que o CDG teña unha estrutura de fundación, padroado, instituto. Neste sentido, Cristina Domínguez presentara unha proposta ao bipartito. Mesmo Manuel Guede loitou para que se dese ese paso. Pero están enrocados en dicir que non é o momento de crear máis chiringuitos. Enrócanse niso e non ven que é cuestión de legalidade e operatividade. Despois, parece ser que vai haber un axuste de persoal dentro do CDG. Hai persoal laboral non fixo e sabemos que vai haber despedimentos. A verdade, non sei cal é a intención. Se é deixar simplemente a estrutura baixo mínimos porque non se atreven a pechalo directamente. Quedaría feo.

Se o sistema de axudas non funciona, que propoñen?

As cousas teñen que ir evolucionando. Non podo adiantar o que propón Escena Galega neste momento. Levamos menos dun mes traballando.

"As axudas non van acompañadas por un plan de distribución. Non pode ser que dean unha axuda, ti montes o teu espectáculo e que a distribución sexa tan penosa"

Pois dígame daquela cales son as eivas deste sistema.

O primeiro, a cantidade orzamentaria. É ridícula. Despois, as axudas non van acompañadas por un plan de distribución. Non pode ser que dean unha axuda, ti montes o teu espectáculo e que a distribución sexa tan penosa. Hoxe considérase un éxito chegar a 25 funcións. Non pode ser. Os espectáculos teñen que saír con funcións. O xeito? Non o podo adiantar. Se cadra hai que fomentar máis a distribución, pero descoidar a produción tampouco se pode. En calquera caso, o gran problema é a distribución. As redes de teatro e auditorios, por exemplo, foron diminuíndo paulatinamente. E despois, hai concellos que nin sequera teñen a obriga de contratar un número mínimo de funcións. En 2014, o Concello de Vigo só contratou tres funcións pola Rede de Teatros. Tres funcións en Vigo! Monforte ten os seus problemas e hai concellos que, como Cangas, marcharon da rede. Nós instamos dende Escena Galega para que aumentasen o número de concellos, démoslles unhas listaxe de espazos que poden entrar na rede. Porque en Galicia, hai que dicilo, temos máis infraestruturas ca nunca. Toda vila ten o seu auditorio. Pero que pasa: temos continentes, mais deixámolos sen contidos. Non ten sentido. E sabemos de concellos que intentaron entrar na rede, pero puxéronlles atrancos. Hai lugares como Baiona, Rianxo, A Illa de Arousa que teñen auditorios marabillosos, pero non temos constancia de que houbese ningunha xestión para facilitarlles o acceso. Para nós iso demostra unha falta de vontade política. Tanto da Consellería coma dos Concellos. Por todo isto, temos unha Rede mínima: só inclúe trinta concellos.

"Sabemos de concellos que intentaron entrar na rede, pero puxéronlles atrancos. Hai lugares como Baiona, Rianxo, A Illa de Arousa que teñen auditorios marabillosos, pero non temos constancia de que houbese ningunha xestión para facilitarlles o acceso"

En Ribadavia, tal como recolleu Praza Pública, falábase da necesidade dunha Lei das Artes Escénicas.

Por suposto que é necesario e si que se comentou esa necesidade, sobre todo a raíz de que o importante é falar dunha refundación. A partir de aí, falouse dunha lei. Resulta fundamental. Tamén temos a intención, se atopamos os medios, de realizar un gran congreso que convoque a administración, a programadores, a asociacións, en definitiva, a toda a profesión e sacar unha serie de conclusións que vallan para esa refundación.

Hai uns anos cambiouse o modelo da Feira das Artes Escénicas por un formato novo chamado Galicia Escena Pro. Esta fórmula cumpre coas súas funcións?

Para nada. Este é o tema que temos máis avanzado dentro de Escena Galega porque resulta, quizais, o máis inmediato. Xa lles transmitimos a Anxo Lorenzo e a Jacobo Sutil que este modelo a nós non nos serve para nada. Que non veñan programadores de fóra é absolutamente inaudito. A Feira é para ter unha proxección. Despois, o sistema de showcase, do que eles están tan orgullosos, é un sistema que non serve para contratar, senón para o descarte. Tampouco hai un sistema articulado de encontros con programadores ou de mesas... E o contacto cos programadores é fundamental.

"Nós agora propoñemos un modelo distinto, como o modelo que hai no País Vasco. Alí asinan un convenio coas principais feiras do estado para garantir a presenza dun ou dous espectáculos vascos nas feiras"

E o sistema de Feira anterior funcionaba?

A ver, hai que pensar que a Feira pasou dun orzamento de 180.000 euros a 50.000. Entón, ese é un dato importante. Antes viñan programadores de fóra. Non é que servise moitísimo, pero era outra cousa. Nós agora propoñemos un modelo distinto, como o modelo que hai no País Vasco. Alí asinan un convenio coas principais feiras do estado para garantir a presenza dun ou dous espectáculos vascos nas feiras. Esa é unha solicitude que lle facemos a Agadic, que asinen convenios deste tipo para garantir a nosa presenza. En calquera caso, dende a Agadic comprométense a traballar en conxunto, a facer unha mesa de traballo con nós. Até que se demostre o contrario, cremos que hai unha boa predisposición.

Por outra banda, tamén cremos que o número de espectáculos que se pode ver agora en Galicia Escena Pro é insuficiente. Once espectáculos non serve para representar o teatro que se fai en Galicia, sobre todo se falamos que só en Escena Galega reúnense case corenta formacións. Por iso cremos que é necesario ampliar o número de espectáculos, quizais a 24. Sabemos que non podemos ir todos, pero once son poucos. Pensa que nese tipo de feiras ten que poder verse circo, danza, maxia, teatro, tanto familiar como para adultos...

"Por que montamos tantas compañías? Porque as tradicionais non teñen capacidade de contratación. A xente daquela crea autoemprego. Se non me contratan, creo a miña compañía e traballo"

Volvendo ao número de compañías, hai unha sobredimensión daquela?

Por que montamos tantas compañías? Porque as tradicionais non teñen capacidade de contratación. Se non temos capacidade xa de distribución, malamente poderemos contratar, non? A xente daquela crea autoemprego. Se non me contratan, creo a miña compañía e traballo. Despois temos unha Escola Superior de Arte Dramática que está xerando profesionais moi preparados, pero que non atopan espazo. Non hai nicho para eles. Como saen de aí? Se cadra hai que facer un plan, darlles un tempo de axudas para poder despegar profesionalmente, porque o que se está a facer agora mesmo é moi precario. Isto non pode ser. Montamos unha escola para que esta xente non saia e que non teña maneira de montar un espectáculo de xeito digno? Isto é moi grave.

E Escena Galega controlará dalgún xeito se as compañías cumpren convenios?

A nosa idea é elaborar un código ético que as compañías de Escena van asinar e cumprir. Somos unha asociación de empresas, de compañías profesionais. Agora ben, nós tampouco imos exercer de policías nin perseguir a ninguén, a xente ten que ser consciente. E en calquera caso, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia ten que cumprir ese papel. Interésanos a todos ter un convenio. A nós e a eles tamén. Temos conversas entre as dúas asociacións para ver que se pode facer neste sentido. O que si está claro é que resulta moi importante a concienciación, a xente ha de ser consciente de que non se pode traballar en determinadas condicións. Se queremos unha profesión digna, hai que cumprir cunhas condicións laborais dignas.

"A nosa idea é elaborar un código ético que as compañías de Escena van asinar e cumprir"

Falamos moito da administración e da situación que vive a escena do país. Mais despois de trinta anos de profesionalización, algo faría mal o gremio, non? Fai falla autocrítica?

Sen dúbida, fixéronse cousas mal. Se cadra non se traballou o público. Agora xa falo dende unha opinión persoal... Se cadra falta ese traballo co público. Nós non fomos buscar o público, quedamos no teatro e agardamos a que veña. Talvez tocaba facer unhas dinámicas diferentes para captar o público... E despois, depender tanto das axudas? Sempre dixo, que as axudas que se dan no teatro son axudas ao público. Se nós non recibimos, nós poderiamos seguir facendo teatro, pero cobrando as entradas a trinta ou corenta euros. Para que a xente teña acceso ao teatro en galego a cinco ou dez euros ten que haber axudas. Non existe outro xeito. E é obriga da administración darlle ese servizo aos seus cidadáns. Isto foi un tema polémico sempre e hai moita demagoxia. Nós somos uns intermediarios entre a administración e os cidadáns. E non nos enriquecemos, á vista está.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.