'Viñetas desde o Atlántico' terá por vez primeira máis convidadas mulleres que homes

Presentación de Viñetas desde o Atlántico © Concello da Coruña

Chloé Cruchaudet, Ana Oncina, Mai Egurza, Ana Miralles, Raquel Córcoles (Moderna de Pueblo), Keko, Alfonso Zapico, Joaquín López Cruces e Martín Romero. Entre os autores e autoras convidadas á edición 2015 de Viñetas desde o Atlántico por vez primeira hai máis mulleres que homes, unha do excelente nivel das sinaturas femininas na banda deseñada, algo que este luns foi destacado por Miguelanxo Prado, director do Salón do Cómic da Coruña, na presentación da programación: "o obxectivo central do evento é amosar ao público xeral a amplísima gama de temáticas, de estilos e incluso de posturas creativas que hai dentro da banda deseñada. No caso das mulleres, nos últimos anos ocuparon espazos que os autores deixamos moito tempo descoidados”.

As actividades centrais de Viñetas desde o Atlántico celebraranse entre o 10 e o 16 de agosto nunha nova ubicación nos xardíns de Méndez Núñez, preto do Kiosco Alfonso. Á participación destas autoras e autores convidados, que ofrecerán cadansúa conferencia e tamén asinarán as súas obras,  hai que sumar a presenza na Coruña de, cando menos, outra media ducia de debuxantes, a través de actos organizados polas distintas editoriais. Entre eles e elas destacan Emma Ríos, Miguel Montenegro, David Rubín, Sento Llobel, Javier Olivares e Kiko da Silva.

Na presentación da programación, o coordinador de actividades do Salón, Manel Cráneo, destacou o novo emprazamento das actividades, o lugar que anteriormente ocupaban as casetas rexionais, como “unha ubicación fantástica, que favorecerá moitísimo ao salón”. De igual xeito, o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, salientou a aposta do Concello polo Viñetas, “un dos eventos máis importantes desta cidade e, ademais, unha cita tradicional, consolidada, referencial”. Sande apostou por buscar un espazo expositivo que poida acoller de forma permanente mostras vinculadas ao cómic e á ilustración.

Tanto Sande como Prado destacaron igualmente a importancia das actividades didácticas que se desenvolverán no Ágora e o Forum, para “ir enganchando a novas xeracións, potenciar á xente que amose interese ou maneiras, e tamén na finalidade case principal de prolongar as actividades do Viñetas”, en palabras do director do Salón.

Aínda que o Viñetas se desenvolverá oficialmente do 10 ao 16 de agosto, destacando especialmente o sábado 15 como día grande do Salón, as exposicións previstas prolongaranse ata o 20 de setembro. O Kiosko Alfonso e o Palexco acollerán exposicións dos autores e autoras convidadas, mentres que a sede de Durán Loriga ofrecerá un Panorama da BD Galega, e o Ágora presentará traballos de Jacobo Fernández.

 

Autobán 2015

Ademais, como vén sendo tradición nos últimos anos, durante toda a semana que vén organízanse na cidade actividades de todo tipo relacionadas coa banda deseñada, fóra da programación oficial do Salón. Hai exposicións, coma a que acolle a galería Monty4 e tamén eventos coma o Autobán, Minifestival de autoedición e banda deseñada de autor na Coruña, que se celebrará o 14 e 15 de agosto. Pretende recoller as propostas creativas de fóra do circuíto comercial, dándolles difusión e un espazo propio onde amosar, promover e vender este tipo de proxectos. Haberá un mercado de fanzines no que participaran máis de corenta iniciativas.

Presentación de Viñetas desde o Atlántico © Concello da Coruña
Miguelanxo Prado, José Manuel Sande e Manuel Cráneo, na presentación de Viñetas desde o Atlántico © Concello da Coruña
Presentación de Viñetas desde o Atlántico © Concello da Coruña
Os encontros profesionais cumprirán tamén un papel importante © Viñetas desde o Atlántico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.