A Casa Tomada di "deica logo"

Exterior da Casa Tomada Dominio Público A Casa Tomada

A Casa Tomada di adeus ou, cando menos, deica logo. O espazo social de intervención artística da Coruña finaliza a súa actividade por "desgaste" do colectivo que se responsabilizou da súa programación nos seus dous anos de vida, como destacan nun comunicado publicado na súa web. Unha festa, o vindeiro 29 de agosto, servirá para dicir "deica logo". Un novo equipo, co seu propio proxecto, tomará o relevo.

"Despois de dous anos marabillosos, impagábeis, plenos de actividade, vémonos abocados a un descanso (ben merecido, co voso permiso)", comeza un texto que destaca a vizosa actividade deste espazo cultural, que durante dous anos ofreceu "concertos incríbeis dunha nómina de bandas e artistas que nunca soñaramos ter na cidade a estes prezos e con estes xeitos de facer, actuacións de artes escénicas na vangarda do mellorciño, estreas de curtas, cinema de autor, eventos para os máis pequechos, simposios, xornadas de divulgación, exposicións, coloquios, festas...". "Un proxecto ambicioso" -conclúen- "que cumpriu sobradamente as expectativas propias e, con algo de sorte, esperamos, as alleas".

"Foi un auténtico pracer participarmos da revitalización cultural dunha cidade que tanto queremos"

Explican que "o desgaste foi inxente nos últimos meses para un equipo de apenas dez persoas que case nunca coincidían na súa dispoñibilidade. O resultado, moito tempo sen descanso, atendendo unha programación pensada para quince ou vinte persoas colaboradoras de maneira estábel e continua. Faltounos poñer camas na Tomada, porque houbo días en que logo de seis ou sete horas investidas de balde, pagaba a pena quedar a durmir".

"Deixámosvos en boas mans: do xerme desta Casa Tomada vai nacer un novo equipo, cun novo proxecto, que continuará o labor feito até o momento

Subliñan que "antes de facer as cousas a desgana ou de calquera maneira, preferimos parar e valorar o estado da cuestión desde a non-presión dunha programación abafante e dun ritmo de contactos e propostas desbordante. Nos últimos tempos, a idea de partida estaba a ficar demasiado mediatizada polas urxencias, polos compromisos, polas necesidades externas e polas ganas de cumprir coa nosa propia folla de ruta". "Por iso, a Casa Tomada ten de finalizar o seu periplo. Porque xa chegou ao porto que tiña de chegar", engaden, sinalando que "foi un auténtico pracer participarmos da revitalización cultural dunha cidade que tanto queremos" e "vivir unha resposta sen precedentes para un proxecto autoxestionado que, boa noticia, resultou totalmente sustentábel do punto de vista económico".

Con todo, destacan, "deixámosvos en boas mans: do xerme desta Casa Tomada vai nacer un novo equipo, cun novo proxecto, que continuará o labor feito até o momento. Á súa maneira, coas súas ideas e co seu entusiasmo e experiencia como carta de presentación. Por tanto, nós marchamos, pero a porta fica aberta".

Unha "mega troula final o sábado 29 de agosto" coincidindo co seu segundo aniversario de existencia, servirá tamén como festa de despedida do proxecto e deste equipo, dando paso a un novo proxecto cultural neste mesmo espazo.

Exterior da Casa Tomada Dominio Público A Casa Tomada
Concerto de Monstruo, Cuchillo de Fuego e Terremoto Sí Dominio Público A Casa Tomada
Conferencia 'Un hábitat para a franxa de Gaza', hai dúas semanas Dominio Público A Casa Tomada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.