A "degradación" da Roda de Barreiros esperta as alarmas ante a desprotección deste círculo lítico único no Estado

Roda de Barreiros © Deputación de Lugo

ADEGA e Mariña Patrimonio denunciaron publicamente este martes a "alarmante degradación" do xacemento arqueolóxico e reclamaron "a acción inmediata das administracións responsables da conservación deste ben patrimonial, teoricamente protexido"

A Roda de Barreiros é unha estrutura megalítica moi singular, emparentada co Stonehenge británico e unha das poucas coñecidas en Galicia, xunto con outros existente no Valadouro, As Pontes, Lugo e Vilanova de Arousa. Descuberto en 2006 (a súa descuberta obrigou a midificar o trazado da Autovía do Cantábrico), este círculo lítico está situado na aldea de A Roda, na parroquia de San Miguel de Reinante, no concello de Barreiros. 

ADEGA e Mariña Patrimonio denunciaron publicamente este martes a "alarmante degradación" do xacemento arqueolóxico e reclamaron "a acción inmediata das administracións responsables da conservación deste ben patrimonial, teoricamente protexido". As entidades detallan que "o xacemento está abandonado e as súas estruturas arqueolóxicas gravemente degradadas. A vexetación medra no foxo, nos muros de pedra e nos estratos arqueolóxicos. Tamén se aprecian desprendementos de pedras".

Denuncian que o xacemento carece dun plan de mantemento e conservación que protexa as súas estruturas arqueolóxicas dos fenómenos medioambientais nin dos factores biolóxicos

Denuncian que o xacemento carece dun plan de mantemento e conservación que protexa as súas estruturas arqueolóxicas dos fenómenos medioambientais nin dos factores biolóxicos. "Malia a que anualmente se realiza unha roza no xacemento, práctica insuficiente e posiblemente prexudicial, na actualidade é notorio e visible o estado de abandono no que se atopa este ben patrimonial, especialmente vulnerable por estar escavado e non contar cunha cuberta natural de solo que protexa os seus estratos arqueolóxicos", comentan.

As dúas entidades presentaron en decembro de 2022 unha denuncia perante a Dirección Xeral do Patrimonio contra o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana como titular dos terreos nos que se atopa o xacemento e, en consecuencia, responsable da súa conservación. Un ano despois da presentación desta denuncia, ADEGA e Mariña Patrimonio presentaron unha queixa formal perante a Valedora do Pobo, ao teren constancia de que a DXPC non tramitou dita denuncia e continúa a desentenderse do seu deber de custodiar e conservar este ben patrimonial.

En 2015 a Xunta promoveu traballos arqueolóxicos para ampliar datos sobre o xacemento da Roda. Grazas a estas intervencións, logrouse un avance significativo na información sobre o xacemento

Xa no ano 2013, ADEGA, xunto con Mariña Patrimonio e Cultura do País, presentaran unha primeira denuncia polo abandono e deterioración do xacemento. En resposta a esta denuncia en 2015 a Xunta promoveu traballos arqueolóxicos para ampliar datos sobre o xacemento da Roda. Grazas a estas intervencións, logrouse un avance significativo na información sobre o xacemento, permitindo determinar con precisión que A Roda pertence ao período do Bronce Medio e situaron o xacemento nun lugar de relevancia singular, tanto no panorama galego coma no Estado Español.

Estado actual da Roda de Barreiros © Mariña Patrimonio

Inicialmente catalogado en 1989, atopábase nunhas coordenadas inexactas, erro de ubicación que foi detectado cando comezaron os movementos de terras na contorna da Roda para as obras da autovía

Inicialmente catalogado en 1989, atopábase nunhas coordenadas inexactas, erro de ubicación que foi detectado cando comezaron os movementos de terras na contorna da Roda para as obras da autovía. Estas circunstancias obrigaron ao Ministerio de Transportes a realizar sondaxes valorativas e unha escavación posterior de todo o xacemento. Os resultados revelaron que o sitio, inicialmente considerado un castro, era posiblemente un recinto prehistórico anterior á época castrexa.

"A Roda leva 18 anos degradándose, sen que o Ministerio de Transportes cumpra as Leis de Patrimonio e sen que a Dirección Xeral do Patrimonio actúe para corrixir esta anomalía", denuncian

Ten 50 metros de diámetro e calcúlaselle unha antigüídade de 3.700 anos. Consta dun foxo exterior de entre tres e catro metros de diámetro e un metro de profundidade. O círculo está formado por dous muros de pedra, entre os cales se depositou terra do foxo. Consérvase a zona de entrada, de entre metro e medio e dous metros e xunto á entrada hai unha pedra que podería ser un dos menhires que delimitaban o acceso.

Estado actual da Roda de Barreiros © Mariña Patrimonio

"É fundamental que o xacemento sexa preservado para que as futuras xeracións poidan coñecer e gozar do noso patrimonio. A súa importancia arqueolóxica, tanto no contexto galego coma no estatal, é innegable e a súa degradación non pode seguir sen resposta", din

As dúas entidades conclúen que "A Roda de Barreiros leva dezaoito anos degradándose dende a súa escavacion no 2006, dezaoito anos sen que o Ministerio de Transportes cumpra as Leis de Patrimonio e dezaoito anos sen que a Dirección Xeral do Patrimonio actúe para corrixir esta anomalía". "É fundamental que o xacemento da Roda sexa preservado para que as futuras xeracións poidan coñecer e gozar do noso patrimonio histórico e cultural. A súa importancia arqueolóxica, tanto no contexto galego coma no estatal, é innegable e a súa degradación non pode seguir sen resposta", engaden.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.