Antón Lopo e Manuel Veiga acadan o Premio da Crítica para poesía e narrativa en galego

Antón Lopo e Manuel Veiga, gañadores dos Premios da Crítica Española para as obras en lingua galega. © Óscar Corral/ Ana Mosquera

Diarios / 1. Azul Monforte, de Antón Lopo, e Perder as bestas, de Manuel Veiga, foron as obras premiadas na última edición dos Premios da Crítica Española para as obras en lingua galega

Diarios / 1. Azul Monforte, de Antón Lopo, e Perder as bestas, de Manuel Veiga, foron as obras premiadas na última edición dos Premios da Crítica Española para as obras en lingua galega. Curiosamente, os dous son de Monforte de Lemos.  Os premios, feitos públicos este sábado na cidade de Ferrol pola Asociación Española de Críticos Literarios, son outorgados en colaboración coa Asociación Galega da Crítica.

Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961) é xornalista, escritor e performer. Na actualidade dirixe a editorial Chan da Pólvora. Como autor publicou narrativa, ensaio, teatro, tradución e poesía, o que lle valeu facerse con numerosos certames. Entre os últimos destacan o Premio Narrativa Breve Repsol por Extraordinario, sobre o que tamén recaería o Premio da Crítica española en 2018, ou o Premio Fiz Vergara Vilariño por Diarios / 1. Azul Monforte. 

Diarios / 1. Azul Monforte, de Antón Lopo, na súa primeira edición en Espiral Maior. CC-BY-SA Edicións Espiral Maior

En Diarios / 1. Azul Monforte “impacta a sinceridade do eu lírico, a procura de varios estratos de lectura a través da experimentación discursiva e os finais escintilantes, próximos á revelación”, indica a Asociación Galega da Crítica. 

Sobre a obra gañadora en poesía, a Asociación Galega da Crítica detalla como través da estrutura do diario que, en ocasións, dialoga coas memorias doutras autorías como Jordi Esteva ou Rafael Chirbes, reflíctese a morte da nai e, por extensión, todas as mortes. “A experiencia estimula a reflexión sobre a evolución dos coidados e o lastre que supón a convivencia, sobre todo na mocidade. A fuxida é unha obriga que se materializa nas viaxes e se razoa na madurez, cando a conversa e a escritura se encamiñan cara á reconciliación”, explica a entidade. 

O esforzo por comprender as lembranzas que abrollan cando finaliza a vida da nai vértese desde a progresión propia da narrativa e o lirismo das imaxes. En Diarios / 1. Azul Monforte “impacta a sinceridade do eu lírico, a procura de varios estratos de lectura a través da experimentación discursiva e os finais escintilantes, próximos á revelación”, indica a Asociación Galega da Crítica. 

Sobre o a novela premiada, Perder as bestas (Xerais), a organización explica que descobre un dos episodios máis silenciados da historia da posguerra en Galicia: a actuación das `contrapartidas´, grupos paramilitares promovidos polo goberno que pretendían sementar o terror entre a poboación para desprestixiar a guerrilla e rematar con ela. 

Nun escenario dominado pola natureza e pola violencia sen paliativos, Veiga emprega “un estilo minimalista, de altísima eficacia grazas a un poderoso traballo de selección léxica, para achegarnos a un grupo de seres anónimos, cunha vidas que aparecen condicionadas polo medo, a precariedade e a obrigada (e perturbadora) convivencia con individuos que ostentan o poder malia a ser refugallo humano”, indica a Asociación Galega da Crítica nun comunicado. 

Capa do libro 'Perder as bestas', de Manuel Veiga. CC-BY-SA Xerais

'Perder as bestas' representa unha nova visión da posguerra e da historia da guerrilla (os fuxidos) pero tamén das formas posibles de identificación entre os seres humanos e a terra

A novela representa unha nova visión da posguerra e da historia da guerrilla (os fuxidos) pero tamén das formas posibles de identificación entre os seres humanos e a terra. 

Manuel Veiga Taboada (Monforte de Lemos, 1960). Xornalista, escritor e sociólogo, entre 2007 e 2010 dirixiu o semanario A Nosa Terra, aínda que xa participaba no consello de redacción dende 1983. Como novelista, obtivo o Premio Xerais en 2004 por O exiliado e a primavera e o García Barros en 2006 por Lois e Helena buscándose un día de tormenta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.