"Coa descuberta deste texto podemos completar o contido político do Banquete de Conxo"

Comezo do brinde lido por Luis Rodríguez Seoane en Conxo © Alvarellos Editora

Sabíase que no remate do Banquete de Conxo (1856) pronunciáranse tres discursos, tres brindes poéticos que puxeran palabras ao histórico encontro entre estudantes e obreiros, delimitando e explicitando a intencionalidade política do acto. Coñecíanse as verbas de Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal e tíñase constancia da intervención dun terceiro estudante, Luis Rodríguez Seoane, cuxo contido fora recollido -de memoria- nalgunha crónica. Porén, o documento orixinal deste brinde vén de ser descuberto na Biblioteca Nacional de Madrid polo investigador Xurxo Martínez González.

O brinde de Rodríguez Seoane está escrito en castelán e estruturado en 11 cuartetos ou estrofas de catro versos endecasílabos (de once sílabas) cada unha. Saíu do prelo do compostelán Manuel Otero, quen tamén publicara o Brinde de Aurelio Aguirre, e foi impreso como unha folla voandeira, en formato folio, un formato destinado para a súa difusión, de man en man, pola cidade. Alvarellos Editora está a preparar unha edición facsimilar deste documento e, coa colaboración do Consorcio de Santiago a incluirá como separata no libro Os últimos carballos do Banquete de Conxo, que vén de ser editado, e como apéndice especial nunha segunda edición da obra.

Xurxo Martínez é, precisamente, un dos catro autores desta obra, canda a Henrique Alvarellos. Francisco Singul e Martín Souto, encargado de realizar a descrición do contexto histórico, social e político no que o Banquete ten lugar. O libro afonda ademais noutras cuestións, relacionadas tanto coa arquitectura do Mosteiro de Conxo coma coa riqueza natural da zona ou a historia da zona. Xurxo Martínez salienta que "este texto de Rodríguez Seoane foi unha peza cobizada por varias xeracións de investigadores. Hoxe, por fin, podemos lelo, recitalo e difundilo de maneira íntegra. A descuberta supón un fito destacado para a historia galega". Falamos con el.

"Coa descuberta deste texto, perdido durante 161 anos, reconstruímos a tríade de Conxo"

Como conseguiches atopar o documento? Como foi o proceso?

O achado débese, en primeiro lugar, a un filólogo que se chama Damián Suárez Vázquez, que estivo investigando na Biblioteca Xeral de Santiago, onde atopou a referencia á existencia deste brinde impreso e a que na Biblioteca Nacional, en Madrid, había unha copia. Dirixinme á Biblioteca Nacional, seguindo esta información, pero o brinde non estaba catalogado, porque estaba recollido nun libro de escritos varios. Pero finalmente conseguín atopalo.

"O contido dos tres textos encaixa no ideario do Partido Demócrata, que naquel momento representaba a opción republicana, a opción de esquerda radical, a opción provincialista"

Cal é a importancia deste achado? Que achega ao coñecemento que temos sobre o Banquete de Conxo?

A transcendencia histórica da descuberta é completar o acto do brinde do Banquete de Conxo, que foi a parte máis polémica e a que tivo consecuencias serias. Tiñamos referencias, mesmo había un texto que recollía, de memoria, parte do seu contido, e agora comprobamos que reproducira bastante ben boa parte dos versos. Pero coa descuberta deste texto, perdido durante 161 anos, reconstruímos a tríade de Conxo e podemos completar o contido político do Banquete, porque foron estes tres textos os que provocaron a reacción da xerarquía eclesiástica de Compostela. Agora confirmamos que os tres textos insisten nas mesmas ideas. O contido dos tres textos encaixa no ideario do Partido Demócrata, que naquel momento representaba a opción republicana, a opción de esquerda radical, a opción provincialista. A xente ten que entender a radicalidade do Partido Demócrata; foi a primeira forza que en España puxo en cuestión a monarquía, cando en 1854 21 deputados votaron en contra de Isabel II.

"O Banquete de Conxo ten un gran significado histórico, está relacionado cos banquetes da revolución francesa de 1848, que é a primeira revolución liderada polas clases traballadoras"

Destacas que "algúns dos versos poderían formar parte da Internacional Socialista", en referencia -entendo- a fragmentos como rotas en tierra yacen las cadenas ou a unha das estrofas, na que lemos No lo dudéis, del pueblo defensores/ El porvenir se encierra en vuestras manos/ Atrás! nobleza, títulos y honores/ Y oiga el mundo una voz, la voz de hermanos. Cal é o contido político do brinde e do Banquete no seu conxunto? En que contexto se produce?

Esta estrofa é unha mostra, un pouso do pensamento socialista que estaba en marcha. O Banquete de Conxo ten un gran significado histórico, está relacionado cos banquetes da revolución francesa de 1848, que é a primeira revolución liderada polas clases traballadoras. Hai que entender que nese momento os partidos políticos eran ilegais e tamén o eran os seus actos. Así que o que facían as agrupacións era utilizar actos de convocatoria masiva e lanzar alí discursos, sobre todo en funerais e en banquetes. Isto fíxose moito en Francia na chamada campaña dos banquetes de 1847 e 1848, nos que se convidaba á xente a un xantar popular e ao remate había unha serie de discursos. Isto estaba permitido porque non era un acto político, senón cultural ou recreativo, pero en febreiro de 1848 o Goberno francés prohibiu o Banquete de París e aí estalou a revolución. Iso é o que se tenta reproducir en Conxo: unha unión de clases sociais, entre artesáns -que é unha clase en transformación cara ao proletariado- e o estudantado cunha conciencia ao redor das ideas do Partido Demócrata. Cando se atopan todos estes factores é como cando se achega unha chispa a unha caixa de pólvora.

"Hai que entender que nese momento os partidos políticos eran ilegais e tamén o eran os seus actos. Así que o que facían as agrupacións era utilizar actos de convocatoria masiva e lanzar alí discursos, sobre todo en funerais e en banquetes"

Quen é nese momento Luís Rodríguez Seoane? Cal foi a súa traxectoria posterior?

Forma parte do que podemos chamar xeración do 56, que son os herdeiros da xeración do 46. É un grupo de xente que socializa ao redor do Liceo de la Juventud, no que tamén está Murguía, Rosalía de Castro, Aurelio Aguirre, Pondal... Son estudantes da Universidade de Santiago de Compostela pero teñen a conciencia de que o deber do estudante non é a formación individual, senón poñer o saber que eles adquiren ao servizo do pobo. El móvese no ambiente provincialista e intégrase no Círculo Provincialista de Pontevedra, onde funda o xornal El País. Ese Círculo foi moi importante para a difusión da figura de Sarmiento. Pero Rodríguez Seoane despois colle outro camiño e afástase un pouco da actividade intelectual, centrándose na súa carreira académica e profesional. Participa na Xunta Revolucionaria de 1868, pero nese momento xa non se move nas claves do Partido Demócrata, senón máis ben nun progresismo moderado.

"O libro serve para facer unha reivindicación da responsabilidade que as administracións públicas teñen sobre a protección e a conservación deste lugar"

Unha edición facsímile do brinde incluirase no libro colectivo que vides de publicar en Alvarellos sobre o Banquete e o propio espazo de Conxo. Que destacas da obra?

O libro é moi completo, porque ofrecer catro perspectivas sobre o Banquete de Conxo e o propio espazo: un traballo sobre a importancia arquitectónica e artística do mosteiro, outro centrado na flora e na riqueza natural da zona, outro dedicado á historia cultural de Conxo e finalmente o meu traballo, que describe o contexto histórico en que se produce o Banquete. O libro serve para facer unha reivindicación da responsabilidade que as administracións públicas teñen sobre a protección e a conservación deste lugar. E, ademais, busca concienciar sobre a importancia que o Banquete de Conxo ten nos nosos días e na mensaxe que nos debe transmitir.

"Hai que entender a educación e a formación académica como algo que imos poñer ao servizo da sociedade, non ao noso servizo individual. E este é o significado do Banquete de Conxo"

Como debemos ler o Banquete dende o presente? Que mensaxe nos achega?

O máis importante é a combinación entre estudantado, cultura e compromiso político-social. O estudantado e os artesáns de Compostela xúntanse, sentan intercalados, os estudantes son os que serven os traballadores. A mensaxe é que nunca se debe perder esa soldadura. A mocidade ten que entender que lle corresponde estar sempre unida aos principios de liberdade, de xustiza e de fraternidade. Hai que entender a educación e a formación académica como algo que imos poñer ao servizo da sociedade, non ao noso servizo individual. E este é o significado do Banquete de Conxo.

 

Comezo do brinde lido por Luis Rodríguez Seoane en Conxo © Alvarellos Editora
Capa do libro © Alvarellos Editora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.