Comeza a rodaxe de 'Antes de perder', road movie feminista dirixida por Sonia Méndez

Esther Acebo e Mariam Hernández, protagonistas da serie © Antes de Perder

Este luns comeza a rodaxe de Antes de perder, a primeira produción galega de Playz, a canle dixital de RTVE, que ao longo das próximas semanas visitará Compostela, Ordes, Vedra, Caldas, Muros, Padrón e Coruña. A produción de RTVE en colaboración con Cósmica Producións é unha road movie de 7 capítulos e corte feminista que dirixe Sonia Méndez e protagonizan Esther Acebo (A Casa de PapelBaraka) e Mariam Hernández (Cuestión de SexoAmar es para Siempre), arroupadas por un elenco galego de luxo: Xúlio Abonjo, Manuel Manquiña, David Amor, Xose Touriñán, Marcos Pereiro, Xose Barato, Alberto Rolán, Federico Pérez, Patricia Vázquez, Carolina Igrexas (Percebes y Grelos) e as señoras da canle Teño unha Horta en San Sadurniño. 

Antes de perder é a historia de Jana e Diana, dúas mulleres de trinta e tantos que son tan diferentes en todo que en condicións normais quizá nin cruzarían un par de palabras. Pero agora teñen algo en común: as súas vidas están en punto morto e só necesitan unha faísca para empezar a vivilas con intensidade... ou para acabar apodrecendo no cárcere. Xuntas lanzaranse á estrada nunha fuxida sen retorno, forxarán unha amizade a lume e asfalto e compartirán unha historia que racha con anticuados códigos sobre o concepto de feminidade. 

A serie inclúe, ademais, un universo transmedia propio: acompañará a súa emisión cunha miniserie de sete pílulas protagonizada polas personaxes de Xose Touriñan e Marcos Pereiro (Pequenas Doses) e coa retransmisión vía Instagram da visión da historia dunha das súas protagonistas. 

Acompañan a Sonia Méndez a produtora Nati Juncal e a directora de fotografía Lucía Catoira (recente gañadora do Premio Mestre Mateo á mellor fotografía por Dhogs), entre outras, nun equipo composto na súa maioría por mulleres.

 

Unha das imaxes da serie © Antes de Perder

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.