Fina Casalderrey é a quinta muller da Academia

Fina Casalderrey © http://fina.casalderrey.com/

Xohana Torres, Luz Pozo Garza, Rosario Álvarez, Margarita Ledo... e Fina Casalderrey. O plenario da Real Academia Galega escolleu na tarde deste venres a súa quinta muller. E a opción de Fina Casalderrey recibiu máis apoios que a de Chus Pato. Fina Casalderrey ocupará a vacante que deixara Xaime Isla Couto o pasado mes de abril.

Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1951) destaca como unha das grandes referencias no ámbito da Literatura Infantil e Xuvenil. Tamén profesora de ensino secundario, Casalderrey deuse a coñecer como escritora en 1991, ano no que publicou a súa novela xuvenil Mutacións xenéticas. Cinco anos despois acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil coa obra O misterios dos fillos da Lúa. A maior parte dos seus libros están traducidos a todas as linguas do estado e tamén ao portugués.

Dos trinta académicos só cinco son mulleres, unha circunstancia que segue espertando criticas e que a institución se comprometeu a corrixir

O Plenario da RAG conta con 27 membros dos 30 posibles porque hai outras dúas prazas que aínda non foron cubertas. Xosé Fernández Ferreiro e Pegerto Saavedra aínda non tomaron posesión do seu posto e o seu ingreso producirase nos vindeiros meses. Dos 30 só 5 son mulleres, unha circunstancia que segue espertando criticas e que a institución se comprometeu a corrixir.

 

O xogo das cadeiras

A incorporación de Casalderrey ao plenario chega un ano e medio despois do chamado xogo das cadeiras, o manifesto que reivindicaba unha maior presenza de mulleres da RAG. En setembro de 2010 declarárase a vacante de Olga Gallego e pouco despois, dende a Concellería de Igualdade do Concello de Vigo, creouse unha campaña para apoiar a candidatura de María Xosé Queizán. Unha serie de apoios e sinaturas foron entregadas a Méndez Ferrín. Non obstante, a vacante de Gallego non foi para Queizán. O posto foi ocupado polo filólogo e catedrático da Universidade de Santiago Xosé Luís Regueira.

Como reacción, xurdía O xogo das cadeiras, un manifesto asinado por centos de representantes da cultura que esixían unha maior presenza da muller con vistas as outras vacantes que quedaban por cubrir. A morte de Olga Gallego non fora cuberta con ningunha académica e o número de mulleres baixara de cinco a catro. Agora, con Casalderrey regrésase ás cinco existentes en 2010.

Fina Casalderrey © http://fina.casalderrey.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.