In locus amoenus. O deseño interior do Hôtel de Soubise

Salón Oval © Iria-Friné Rivera Vázquez

O Salón Oval de Germain Boffrand no Hôtel de Soubise en París é un dos exemplos do Rococó clásico francés. A transformación do Barroco dende 1700 nas artes decorativas xera un novo estilo que teñen nos interiores as súas obras máis significativas.  

Este salón caracterízase por ser un punto que une as salas de recepción formal cas habitacións persoais. Ten unha dirección horizontal, correspondendo un espello en fronte a cada fiestra. O referente que serve de inspiración a Boffrand para o Salón é a Galería dos Espellos, construída no Palacio de Versalles por Jules Hardouin-Mansart entre 1678 e 1684. Hardouin-Mansart a vez tomara o modelo da Galería de Apolo do Louvre (1661-1679) de Louis Le Vau. Hardouin-Mansart introduce na súa obra altos espellos que reflexan a luz do sol que entra polas fiestras. O efecto producido era maior o refractar a luminosidade no mobiliario de prata da Galería dos Espellos.

Boffrand, discípulo de Hardouin-Mansart, parte deste criterio artístico e visual; unha primeira remodelación do Hôtel datada entre 1705 e 1709 da man de Pierre-Alexis Delamair, continúa a usanza das grandes casas do século XVII de conectar todas as estancias dunha planta mediante un único andadeiro. A obra de Boffrand conecta dous longos andadeiros que permiten acceder a varias salas. No Salón existen dúas clases de portas; as portas que comunican coas salas de recepción teñen un deseño propio. As portas que dan os espazos privados teñen a mesma decoración que as paredes, de maneira que ademais de diferenciar as salas privadas das públicas, o pecharse refórzase o eixe simétrico do Salón. A diferencia da obra de Hardouin-Mansart -unha galería rectilínea- o Salón ten unha planta ovalada, o que confírelle un ritmo fluído e permite coordinar proporcionadamente as lonxitudes, de tal xeito que o movemento o entrar ou saír do Salón resulta dunha harmonía avelaíña.

Nas paredes altérnanse espellos e os paneis de madeira con figuras de Cupidos sostendo cintas, ás, mazas, frechas, pandeiretas e coroas de flores. Os espellos están coroados cos símbolos das Artes (os planos de edificios, a paleta e os pinceis para pintar, a escultura dun busto clásico), das Ciencias (os compases e regras, un globo terráqueo, instrumentos para a investigación científica), da Música (unha gaita o estilo das pintadas por Jean-Baptiste Pater e François Boucher nos seus lenzos) e de Mercurio (o pétaso con ás e o cadúceo) coma educador e protector das verbas, os idiomas e a elocuencia.     

O concepto dos espellos, esencialmente barroco, está relacionado ca habilidade para integrar nos reflexos as persoas, os peiteados, a indumentaria, os tecidos, novos deseños especializados de mobiliario, a impresión da luz natural ou das velas prendidas, ramos de flores, lámpadas, candelabros, pietre dure, mármores, porcelana, pezas de laca, prata e bronce, instrumentos musicais, pinturas e accesorios ornamentais para a comida de diferentes temáticas ideando unha narrativa visual cambiante. Os espellos matizan a claridade e o mesmo tempo, crean diversos ángulos e perspectivas que establecen unha relación entre todos os motivos decorativos.

Durante o estilo Rococó a idea dos interiores concíbese como salas que albergan un xardín, aplicándose motivos da Natureza moi estilizados; as grilandas de flores talladas caendo sobre os espellos, o aspecto das ondas da auga, as cunchas e as formas de rochas de onde xorden criaturas mariñas fantásticas, outorgan unha alta plasticidade. Os reflexos dos espellos multiplican a visión das pinturas, o acabado dos mobles, as delicadas formas sinuosas, a difusión da iluminación e a consonancia das cores. A impresión do Salón é cálida, viva e dun encanto floral etéreo.  

O Salón Oval é construído entre 1735 e 1740, durante os anos de André Hercule de Fleury como figura política principal do goberno de Luis XV. Con Fleury levouse a cabo unha reforma do sistema monetario que equilibrou a moeda. A estabilización do goberno e o impulso económico consolidaron o floruit do Rococó, continuidade do espírito da Rexencia. O goberno da Rexencia (1715-1723) durante a minoría de idade de Luis XV, recaeu en Felipe II de Orléans, quen restableceu a paz e fomentou o comercio pechando o ciclo da última época de Luis XIV. 

Debido as crises das guerras da Liga de Augsburg ou Guerra da Gran Alianza (1688-1697), a Guerra de Sucesión Española (1701-1713) e o inmobilismo político de Luis XIV ese tempo, os recursos do país afundíronse. Acentuouse a inflexibilidade do protocolo social e a opresión das aparencias. Ca morte de Luis XIV en 1715 e o inicio da Rexencia, a prosperidade tivo un gran peso no cultivo das artes e no estilo de vida. Asociouse a Natureza a unha maior liberdade persoal e ao descanso, en consonancia cunha lírica sensibilidade arcádica. Voltaire escribe que “durante a rexencia do Duque de Orléans, todo volveuse mais alegre. Despois da tristeza dos últimos anos de Luis XIV, o rexente recuperou ese aspecto da nación”.

As formas decorativas do estilo Rococó naceron na arte do mobiliario, os motivos dos tecidos e os paneis pintados destinados as paredes, aplicándose para os interiores en contraste coa composición das fachadas, mais sinxelas e clasicistas. Os seus precedentes atópanse a partir de 1690 na obra de Pierre Lepautre, debuxante de Hardouin-Mansart. Tamén en Claude Audran III, inventor das singeries, quen favoreceu as liñas curvas a sinuosas facendo os mobles mais lixeiros. E contan de mesmo xeito os traballos de Jean Bérain o Vello, sucesor de Charles Le Brun e maître dessinateur, creador dun mobiliario dun deseño imaxinativo e grácil.

Contribucións decisivas na formación do Rococó durante a Rexencia son as de Robert de Cotte, alumno de Hardouin-Mansart, Gilles-Marie Oppenordt, o maître ébéniste Charles Cressent e Christophe Huet. De todos eles a influencia mais importante é a do pintor Jean-Antoine Watteau, que adicouse tanto o traballo de paneis decorativos como a pintura, representado nos seus lenzos galerías de arte, escenas de teatro, concertos, danzas, paseos, pícnics na campiña e paisaxes vaporosas relacionadas cas emocións humanas. 

Estas formulacións do Rococó aplícanse ao Salón Oval, planificado a raíz do casamento de Marie Sophie de Courcillon e Hercule Mériadec de Rohan-Soubise o 2 de Setembro de 1732. As obras leváronse a efecto tres anos despois. Querendo render homenaxe a súa muller, que converteríase nunha das salonnières de París, Rohan-Soubise encarga pintar o mito de Psique nas plataformas superiores do Salón. A historia de Psique (a Alma), relatada no Asno de ouro (II d.C) de Apuleio e Os amores de Psique e Cupido (1669) de Jean de La Fontaine, aparece representada dende as consecuencias do enfado de Venus ata os sentimentos de Cupido (o Amor) para finalmente, a metamorfose de Psique nunha deidade do Olimpo. 

Entre 1737 e 1739 Charles-Joseph Natoire pinta este mito en oito capítulos. Os primeiros catro lenzos están situados entre os espellos, comezando a altura das portas do Salón con Psique é recollida por Céfiro, seguindo As Ninfas dan a benvida a Psique con flores as portas do Palacio de Cupido, Psique mostra os seus tesouros as súas irmás e Psique contempla o seu home durmido. As seguintes catro pinturas repártense entre as fiestras. Aparecen As Ninfas retiran da auga o corpo inanimado de Psique, Psique cos pastores, Psique desfalece de medo ante Venus finalizando ás portas con Psique é elevada o ceo por Cupido.

Este programa iconográfico completase cas esculturas dos Cupidos, figuras ledas e brancas obra de Jean-Baptiste Lemoyne. Os Cupidos aparecen sobre os símbolos de madeira dourada a punto de botarse a voar, dirixindo as súas miradas cara as persoas que atópanse no Salón. Todos eles sosteñen diferentes atributos, entre os cales poden observarse as fundas, os arcos e as frechas do propio Cupido, os tirsos de Baco, as teas de Himeneo e os ramos de flores e pombas de Venus, connotacións que contribúen a intensificar no Salón a súa atmosfera poética.

A sala de Boffrand é un espazo que enraíza en novelas como L´Astree (1607-1627) de Honoré d´Urfé e expresa, arquitectonicamente, o air galant comprendido segundo as discusión de femmes d´esprit -coma Catherine de Vivonne e Madeleine de Scudéry- que presidían os salóns dende 1570, cunha crecente presencia a partir de 1618/1620. A súa ambientación vese acentuada polo encaixe dourado do teito, que funciona a vez como un dinamizador do espazo. É unha característica vida do Barroco, no que nos teitos trázanse liñas compositivas que ou ben concentran toda a forza visual dos lados a un so punto central ou o contrario, dende o centro a potencia visual esténdese os laterais. No Salón dende a lámpada a estrutura centrífuga desprégase polo teito ata mesturarse cas paredes, ampliando a dimensión espacial pero sen perder o senso da proporción da estancia.

A relevancia deste traballo de Arte reside no seu equilibrio entre a abundancia e fineza decorativa e a súa estrita, regulada contención do espazo. En contraste con outros interiores do mesmo estilo (Sala dos Espellos, Amalienburg, 1734-1739), resulta moito mais medido, moito mais perfilado sen perder a fonda joie de vivre que define o valor formal do Rococó. Igualmente este Salón proxecta a importancia da arte da conversación coma fonte de cortesía, admiración e respecto entre as persoas ou a consideración da Ciencia no pensamento ilustrado. A idea mais tanxible é o cambio de percepción da Natureza; no Rococó aparece unha visión pacífica e subxectiva, na que as persoas gozan do entorno natural en troques de dominalo, coma no século XVII. Este valor daría paso a partir de 1750 a unha apreciación mais intensa e libre da Natureza. O carácter de obras como o Salón Oval do Hôtel de Soubise é substancial na comprensión da decoración interior e a historia da arquitectura.

Portas do Salón que dan as habitacións privadas, co reflexo das fiestras nos espellos © Iria-Friné Rivera Vázquez
Vista da sala con diversas perspectivas dos espellos © Iria-Friné Rivera Vázquez
Portas que dan as salas de recepción formal entre o comezo e fin da historia de Psique © Iria-Friné Rivera Vázquez
As esculturas dos Cupidos, en contraste co teito azul celeste, producen o efecto de flotar no espazo © Iria-Friné Rivera Vázquez
Galería dos Espellos © Iria-Friné Rivera Vázquez
Mapa da tenrura. Século XVII. Realizado para ilustrar o libro Clélie, histoire romaine (1654-1660) de Madeleine de Scudéry © Bibliothèque Nationale de France
O embarque para Citera. 1719. Antoine Watteau Dominio Público Praza Pública
Cómoda (detalle). 1735-1740. A.R. Gaudreaus. © Iria-Friné Rivera Vázquez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.