'Matria', Luís Zahera, Javier Gutiérrez e os músicos Xavi Font e Manuel Riveiro, opcións galegas nos Goya

Algunhas das mulleres que aparecenen en 'Matria', candidata ao Goya á mellor curtametraxe © Álvaro Gago

Javier Gutiérrez e Luís Zahera poden obter os premios ao mellor actor protagonista e de reparto

O cinema galego e os seus profesionais optarán a catro premios Goya na gala que se celebrará o vindeiro 2 de febreiro. Este mércores déronse a coñecer as candidaturas nas distintas categorías, con Campeones (11) e El Reino (13) como filmes con máis finalistas. Ademais destes dous títulos tamén Carmen y Lola, Entre dos aguas e Todos lo saben optan ao galardón á mellor longametraxe.

As catro candidaturas galegas chegan, en primeiro lugar, da man de dous actores: o ferrolán Javier Gutiérrez, nomeado ao premio ao mellor actor protagonista por Campeones; e o compostelán Luís Zahera, que optará ao premio ao mellor actor de reparto por El Reino. Gutiérrez obtivo xa dous Goya nos 2014 e 2017, mentres que para Zahera (que suma catro Premios Mestre Mateo) esta é a primeira candidatura aos principais galardóns do cine español.

Javier Gutiérrez opta a gañar o seu terceiro Goya © Academia del Cine

Matria acumula ducias de galardóns nos últimos meses, comezando polo Gran Premio do xurado de Sundance

Ademais, Matria é un dos cinco títulos candidatos ao Premio á Mellor Curtametraxe de Ficción. A peza do vigués Álvaro Gago acumula un gran número de recoñecementos nos últimos meses. En xaneiro obtivo o Gran Premio do xurado de Sundance e tamén foi galardoada na Seminci de Valladolid, no IndieLisboa, no Hollyshorts, no 24fps e nos festivais de Montpellier, Ljubljana ou Cerdeña, ademais de nos galegos Mestre Mateo, Festival de Cans, Primavera do Cine, FICBueu e Curtas Armadiña, sumando máis de 30 premios. 

"Quedan moitas historias de mulleres por contar no cine", dicíanos nesta entrevista, na que destacaba que "En Galicia vívense moitos conflitos, de todo tipo, e alí onde hai conflito xa tes o drama. En calquera lugar onde apuntes a cámara tes unha historia coa que facer unha película".

Xavi Font, nomeado xunto con Manuel Riveiro, é o autor da música orixinal de VINTE

Por outra banda, tamén os músicos Xavi Font e Manuel Riveiro poderían ser premiados pola banda sonora de Por La sombra de la ley, filme de Dani de la Torre protagonizado por Luis Tosar. A música, foi ademais gravada pola Orquestra Sinfónica de Galicia.

Manuel Riveiro (Catoira, 1974) obtivo en 2016 un Premio Mestre Mateo pola música orixinal de El Desconocido. Xavier Font (Bellpuig, 1973), nacido en Lleida e afincado en Galicia dende hai anos, estivo xa nomeado aos Goya nunha ocasión e levou o Mestre Mateo de 2013 pola música de O apóstolo. Ademais, é o autor da música orixinal de VINTE, a nova revista dixital asociada a Praza, que onte botou a andar.

Finalmente, tamén na categoría de Mellor maquillaxe e perruquería hai opcións galegas. O equipo formado por Raquel Fidalgo, Noé Montes e Alberto Hortas está nomeado por La sombra de la ley, filme que suma un total de 6 nominacións.

Os Goya 2019 rexistran unha maior presenza feminina nas súas candidaturas. Tres das catro nomeadas ao Premio á Mellor Dirección Novel son mulleres e, de igual xeito, dúas autoras optan ao galardón ao mellor guión orixinal e por vez primeira aparece unha muller entre as aspirantes ao premio aos mellores efectos especiais. Con todo, a maior parte dos finalistas nas categorías técnicas seguen a ser homes, e tamén catro varóns son os candidatos ao Premio á Mellor Dirección.

Luís Zahera, á dereita, é candidato ao mellor actor de reparto por 'El Reino' © El Reino

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.