O Carballo Interplay anuncia os finalistas do primeiro premio a Mellor Contido Dixital Galego

A XI edición do Carballo Interplay celébrase entre o 4 e o 7 de abril © CIP

A programación do Interplay inclúe shows en directo de Exército Mekemeke e Café Derby 21 e unha videoregueifa entre dúas das creadoras de contido en redes máis populares do ecosistema galego, Sara Seco e Malva

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay celebrará a súa undécima edición entre o 4 e 7 de abril, catro días nos que a vila se volverá converter nun referente para os creadores e creadoras de todo o Estado, afondando nas novas linguaxes e propostas e nos xeitos actuais de entender a narración e a cultura audiovisual en relación coa rede, un medio en continua transformación

O Interplay empresta sempre unha atención preferente á creación galega e, neste senso, vén de presentar a súa programación centrada nos proxectos dixitais galegos que incluirá, ademais, shows en directo de Exército Mekemeke e Café Derby 21 e unha videoregueifa entre dúas das creadoras de contido en redes máis populares do ecosistema galego, Sara Seco e Malva.

Algúns dos finalistas finalistas do primeiro premio a Mellor Contido Dixital Galego © CIP

Na categoría de mellor canle son finalistas OU Ké!, Exército Mekemeke, Rebelico Revista, TOXÍO e O Faiado Podcast

Nesta edición, ademais, o festival vén de crear un novo premio a Mellor Contido Dixital Galego, con dúas categorías dotadas con 600€: mellor creador ou creadora e mellor canle. O premio abrangue todo proxecto de índole dixital difundido a través de Youtube, Tik Tok ou Instagram. Presentáronse 24 candidaturas, das que saíron 10 finalistas que presentarán os seus proxectos no propio Carballo Interplay, onde o xurado formado por Gabri Fuentes, Cibrán Tenreiro e Andrea Villa seleccionará os proxectos gañadores.

Na categoría de mellor canle destacou o traballo de cinco proxectos: o medio de comunicación ourensán OU Ké!, no que tratan temas relacionados coa política, a cultura ou o deporte dende un punto de vista humorístico; o videopodcast de humor e lifestyle Exército Mekemeke, retransmitido dende Ames Radio e conducido por Carlos Vieito, Lidia Veiga e Miguel Gómez Abad; Rebelico Revista, un medio que difunde en redes sociais e na súa web sobre cultura tradicional galega; TOXÍO, un proxecto multiplataforma sobre viaxes con especial atención tamén ao veganismo e a defensa dos Dereitos Humanos e O Faiado Podcast, un videopodcast de conversas e humor dirixido á xeración Z e realizado por oito estudantes dende a USC.

Na categoría de mellor creador ou creadora son finalistas Iago Gordillo, Rodri Míguez, Laura Veiga, María Rúa e Sara Seco

Na categoría de mellor creador ou creadora seleccionáronse outros cinco finalistas: Iago Gordillo, creador de Recuncho Gamer, un espazo de divulgación sobre videoxogos en redes; Rodri Míguez, creador de contido en Tik Tok sobre música galega; Laura Veiga, creadora da conta Pingando, na que trata temas de divulgación menstrual e saúde sexual; María Rúa, coñecida en redes como Prado Rúa, creadora de contido sobre cultura e actualidade e Sara Seco, popular en Tik Tok polos seus vlogs e vídeos de lifestyle. 

 Presentáronse 24 candidaturas, das que saíron 10 finalistas que presentarán os seus proxectos no propio Carballo Interplay, onde o xurado formado por Gabri Fuentes, Cibrán Tenreiro e Andrea Villa seleccionará os proxectos gañadores

Moitos destes finalistas participarán nas actividades programadas para o xoves 4 de abril. Unha xornada destinada a que estudantes e curiosos descubran todo o que o panorama dixital galego pode ofrecer, da man dos seus protagonistas. Nesta tarde o público poderá acudir ao primeiro programa en directo e con público do videopodcast Exército Mekemeke ou, durante a mañá, asisitir á videoregueifa entre Sara Seco e Malva. 

Así mesmo, en Petiscos no Derby, un show creado polo podcast Café Derby 21, Adrián Lede, Nico Carreira e Carme D Prol conversarán coa creadora de contido sobre sostibilidade Paula Vilavoy (@blondiemuser), a tiktoker especializada en maquillaxe Paula Jorge (@paulablackmakeuplover), o cómico Pablo Meixe (@pablomeixe), o creador de contido sobre música Rodri Míguez (@rodrimiguez) e a actriz Lida Veiga, nun programa centrado no panorama actual da rede galega e os seus desafíos. Todas as actividades contarán con retransmisión en streaming. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.