O sector cultural aumentou os seus ingresos en 2023 pero cunha "desaceleración" que empeora as expectativas futuras

Barómetro da Cultura Galega 2024 © CCG

Os museos e entidades dedicadas a actividades relacionadas co patrimonio e mais as relacionadas co audiovisual son as que lles foi mellor en 2023. Pola contra, as peores valoracións proceden das entidades dedicadas ao comercio de libros e publicacións periódicas

O Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura publicou o pasado venres unha nova entrega do seu Barómetro da cultura galega 2024, documento que mide o estado e a evolución da actividade cultural do último ano no noso país. "Un 40% declara que lles foi mellor, para un 37% foi igual e para un 20% foi peor”, destacou Håkan Casares -responsable do Observatorio- na explicación dos resultados, nos que chama a atención a distinta percepción que se ten nuns e noutros ámbitos do sector cultural.

Os museos e entidades dedicadas a actividades relacionadas co patrimonio e mais as relacionadas co audiovisual son as que lles foi mellor en 2023. Pola contra, as peores valoracións proceden das entidades dedicadas ao comercio de libros e publicacións periódicas

As persoas enquisadas perciben unha evolución algo menos favorable durante 2023 en comparación con 2022. Tamén se evidencia unha diminución gradual das expectativas para o seguinte ano

As persoas enquisadas perciben unha evolución algo menos favorable durante 2023 en comparación con 2022. Así mesmo, as expectativas que tiñan hai un ano non se cumpriron, porque pensaban que 2023 sería un ano mellor do que realmente foi. Tamén se evidencia unha diminución gradual das expectativas para o seguinte ano. Con todo, continúan a predominar as valoracións positivas: un 40,9% das entidades pensa que a situación irá a mellor ou a moito mellor; un 39,5% considera que seguirá igual e unicamente un 15% prevé unha evolución negativa.

Un 56,5% das empresas culturais galegas declaran que tiveron dificultades para atopar profesionais co perfil axeitado, especialmente no sector das artes gráficas

O Barómetro apunta un leve incremento da demanda cultural con respecto a 2022, o que semella incidir na carga de traballo e nos ingresos. Un 45,3 % das entidades observou algún incremento na demanda o pasado ano, aínda que prevé a continuidade deste aumento unha porcentaxe sensiblemente inferior.

A percepción de desaceleración tamén se evidencia pola diminución gradual das expectativas desde 2022, ano fortemente influído pola confianza na reactivación da actividade cultural despois da pandemia da COVID-19. O optimismo crece en consonancia co tamaño da entidade medido en termos de ingresos. Os menos optimistas son os profesionais autónomos.

Os xestores culturais volven suspender a actuación das diferentes administracións

O emprego mantívose estable no ano 2023, cunha pequena tendencia á mellora. Destaca, ademais, que un 56,5% das empresas culturais galegas declaran que tiveron dificultades para atopar profesionais co perfil axeitado, especialmente no sector das artes gráficas.

Os datos indican que, aínda que unha parte importante dos directivos considera que a oferta formativa en Galicia é axeitada, existe unha crecente preocupación sobre se esta é suficientemente extensa e apta para satisfacer as demandas. Sectores como as artes gráficas, o comercio de libros e a música amosan unha maior preocupación sobre a adecuación da formación dispoñible. Pola contra, áreas como a edición e o audiovisual teñen unha percepción máis favorable.

No relativo ás peticións que o sector da cultura lle formula á Administración, hai unha clara preferencia pola intervención directa a través do aumento do gasto público e das axudas

Ao igual que na edición anterior do barómetro, os xestores culturais volven suspender a actuación das diferentes administracións. Con todo, hai diferenzas, xa que a Xunta de Galicia obtén unha puntuación de 4,55, seguida da Administración local (4,51 puntos) e do Estado central (3,78 puntos). Malia estas cifras, houbo un incremento significativo na valoración do Estado central (que pasou de 3,21 en 2021 a 3,78 en 2023) e unha baixada na da Administración autonómica (do 4,74 de 2021 ata o 4,55 de 2023).

No relativo ás peticións que o sector da cultura lle formula á Administración, hai unha clara preferencia pola intervención directa a través do aumento do gasto público e das axudas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.