One Direction: un concerto 'branco' para non andar noutras cousas

Remate do concerto, esta fin de semana en Madrid Dominio Público Praza Pública

Venres, 24 de maio: saio para Madrid, acompañada de 4 adolescentes de entre 14 e 16 anos, para asistir ao primeiro concerto de One Direction (=1D) na capital (atención, puristas, abstéñanse de seguir lendo). Obxectivos: exercer de nai guai e, de camiño, tentar entender que hai detrás deste tipo de fenómenos, ademais de márquetin, claro.

Look case imprescindible: pantalóns curtos (as galegas que ían con mentalidade de primavera polar non se atreveron a tanto), as vans a facerlles a competencia as xa un tanto demodés converse, quilos de rimmel, moños e melenas sen termo medio e pinturas de guerra en cara e corpo alusivas ao grupo. A paranoia que hai en Madrid por mor da traxedia do Madrid Arena (a xente de a pé está convencida de que foi un milagre que non morrese máis xente) tradúcese en moreas de polis que pensan que exercer o seu labor é chantarse diante da xente de brazos cruzados e pernas abertas, lanzando miradas avesas baixo a viseira; para compensar, a algún dáballe polo plan paternal e a mensaxe repetida teimudamente era “non corrades, neniñas, non corrades”. O paripé de facernos cubrir na cola un papeliño aos adultos que acompañabamos obrigatoriamente a menores pero, quen leva boli a un concerto? Eu cubrín o meu cun rotu verde fosforito que me pasou alguén por alí. Validez legal do papel, ningunha.

Antes de entrar, cacheo e comida ao lixo: mal rollo, señores, que tal e como están as cousas a ninguén lle fai grazas tirar bocatas. Iso hai que avisalo na web ou na entrada. O Palacio Vista Alegre non é moi grande, e iso xa dá a pauta de por onde van ir os tiros. Os pais que pensaban exercer de gardacostas empezan a respirar, e máis cando se decatan de que no único boliche que hai de venda de bebidas despachan cervexa a maiores de idade. As mamás, máis pizpiretas, andan a facer fotos coas tablets, encantadas de que as súas fillas dispoñan de oportunidades de ocio que elas non tiveron. Eu, rebentada, decido sentar no chan e apoiar o lombo, disposta a botarme a xugular do primeiro que me veña a dicir que non me podo sentar: pero non, teñen compaixón de nós.

Estes mozos teñen os mellores profesionais de cada gremio ao seu dispor. Como proba, o xenial olfato musical do produtor Simon Cowell, que converteu cinco ghichiños anodinos de X Factor-UK nunha fábrica de facer cartos

Teloneira perfectamente prescindible: máis valía que seguisen a entreter o personal cos vídeos de Olly Murs e Little Mix que foron poñendo ao principio. Todo vai con puntualidade británica e as 20.45 empeza o espectáculo. Porque claro, isto máis ca un concerto, é un espectáculo. A cousa empeza coa proxección dunha especie de curta na que 1D nos convidan a unha festa na súa casa; a peli é boísima, con toques surrealistas, e a min aquelo empeza a soarme vagamente aos Beatles. Por fin, saen os rapaces!!! E aí empezo a entender algo (só algo): eles son ben curros, cun toque de malotes que os fai máis cribles e atractivos (na dose xusta que as nais estarían dispostas a tolerar).  Atavío perfectamente medido: 2 de negro, 2 de gris, un de branco.  Varios niveis no escenario, dos que tirarán  moito partido e un deseño de luces e fondos escenográficos moi potente, como non podía ser doutro xeito: estes mozos teñen os mellores profesionais de cada gremio ao seu dispor. Como proba, o xenial olfato musical do produtor Simon Cowell, que converteu cinco ghichiños anodinos de X Factor-UK nunha fábrica de facer cartos.

Son tan british!!! So, so british!!! Ese mix intercultural (Niall é irlandés, Liam leva tatuaxes en hebreo, a orixe árabe de Zayn…) ten que ser unha das claves do seu suceso

Iniciamos un percorrido polo repertorio arquicoñecido, con versións dun par de temas alleos (entre eles, One Way or Another) que pasaron sen pena nin gloria. A banda é fantástica, aínda que a mala acústica da sala, e os ouveos das fans, escurezan un chisco a súa habelencia. Eles cantan…pois como cantan; se cadra máis convincentes no directo que no descafeinado son do dixital. Liam é un elemento imprescindible neste momento para o grupo e é, xunto con Zayn, quen parece estar a arriscar máis, a buscar as posibilidades e límites das súas voces: o futuro está aí ao asexo, detrás dun par de grandes éxitos máis, e haberá que ser algo de maiores.

Pero, é que son tan british!!! So, so british!!! Ese mix intercultural (Niall é irlandés, Liam leva tatuaxes en hebreo, a orixe árabe de Zayn…) ten que ser unha das claves do seu suceso. Sigo sen atopar respostas e xorden novas preguntas: porque esta tradición de bandas británicas? Véñenme explicacións obvias, e a segunda parte da curta convénceme aínda máis do boa que é (quen a faría?) e da pegada dos Beatles (unha imaxe da banda camiñando polas rúas en formación e…Abbey Road; algunhas escenas delirantes e… Help!), boa cousa iso de non renegar das fontes.

Botan longas parrafadas en inglés. A resposta afervoada das rapazas faime pensar que o Ministro Wert pode estar tranquilo: o nivel de inglés das nosas estudantes de secundaria é ben elevado!

O escenario en forma de T permítelles unha inmersión case total entre o público e eles dominan a arte da comunicación: moita interacción (case coreográfica) entre eles  e coas fans, que manexan como veteranos mentres exhiben un osiño de peluche que algunha lles pasa, visten un chaleco reflectante con mensaxes en inglés, un gorro de papá Noel, un mandil do Atletico…e botan longas parrafadas en inglés. A resposta afervoada das rapazas faime pensar que o Ministro Wert pode estar tranquilo: o nivel de inglés das nosas estudantes de secundaria é ben elevado! Acompléxome, ata parecen entender máis ca min, que ando medio xorda cos ouveos. Logo miña filla xa me aclara que a cousa non é para tanto, e que a xente sempre pode tirar das traducións que circulan polo twitter, caso de que lle interese o que din, máis aló dos consabidos massive thanks, o marabilloso que é Madrid, elas e, por suposto, iso de que este concerto é o mellor da xira. Of course, as fans saben as cancións de memoria, cousa que as familias valoran como proba do útil que pode chegar a ser exercer de directioner (así se autocualifican as siareiras de 1D) ¡canto inglés está a aprender a nena!

Ao saírmos, as mamás comentaban satisfeitas o consabido “pois vale, mentres están aquí non andan noutras cousas”. Esa, esa debe ser a clave. Efectivamente: non andan noutras cousas. Para ben e para mal

Cambio de vestuario (por mor da suor, que estes non son a Pantoja)  que acentúa o branco e o toque deportivo, aínda que a camiseta do Real Madrid que viste agora Niall semella deixar indiferentes ás fans. 10.45 e falso remate. Os bises semellan autoversións dalgúns dos seus grandes éxitos (pecharon con What makes you beautiful, un dos seus primeiros singles) un tantiño exploratorias de novos rexistros sonoros, aínda que alí niguén pareceu decatarse diso, arrebatadas como estaban entre a chuvia de serpentinas e de grandes globos brancos coas que puxeron o ramo a un concerto, efectivamente, branco.
Desaloxamos en cinco minutos,  guiadas polas moreas de xente de Cruz vermella, bombeiros e staff que andaban por alí. Ás 11 estabamos na boca do metro. Un concerto branco, xa digo.

Non resolvín as miñas dúbidas. Ao saírmos, as mamás comentaban satisfeitas o consabido “pois vale, mentres están aquí non andan noutras cousas”. Esa, esa debe ser a clave. Efectivamente: non andan noutras cousas. Para ben e para mal.

Remate do concerto, esta fin de semana en Madrid Dominio Público Praza Pública
Concerto de One Direction Dominio Público Praza Pública
Asistentes ao concerto Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.