Un récord de votación outorga a Fillas de Cassandra o premio aRi[t]mar a Mellor Música do Ano en Galicia

Fillas de Cassandra © Santi Iglesias

LISÍSTRATA (varre vasoira) foi elixida mellor canción do ano en Galicia. Fíxoo ademais cun récord de votación, cun total de 6.792 votos, o que supón case un 30% de incremento con respecto á edición anterior

Coñecémolas hai uns meses con 'Antígona', primeiro corte dun álbum -Acrópole- que xa as converteu no gran fenómeno da música galega neste ano, como quedou demostrado o pasado 4 de marzo no concerto de presentación do disco, no que encheron a Sala Capitol de Compostela. As viguesas Fillas de Cassandra (María Pérez e Sara Faro) combinan tradición e novas sonoridades electrónicas nun traballo dedicado "a todas as que foron feitas de olvido" no que a mensaxe feminista é unha das claves.

Agora o seu tema LISÍSTRATA (varre vasoira), segundo corte do álbum, vén de gañar o premio aRi[t]mar como mellor canción do ano en Galicia. Fíxoo ademais cun récord de votación, cun total de 6.792 votos, o que supón case un 30% de incremento con respecto á edición anterior. O certame organizado pola Escola de Idioma de Santiago co apoio da Xunta escolleu tamén como mellor música do ano en Portugal o tema Maçãzinha, da agrupación portuense Retimbrar en colaboración con Uxía Senlle.

O certame organizado pola Escola de Idioma de Santiago escolleu tamén como mellor música do ano en Portugal o tema Maçãzinha, da agrupación portuense Retimbrar en colaboración con Uxía Senlle

aRi[t]mar destaca que Maçãzinha "é un bo exemplo do TugaBeat, nome co que os mesmos Retimbrar definen a súa música, unha mistura de sons folk, populares e de outras moitas orixes coa sempre imperante presencia da percusión tradicional lusa".

O segundo e terceiro lugar foron, no caso galego, para SÉS (Para Cando Eu Morra) e a dupla Xoel López & Baiuca (Paxaro Do Demo). En canto á música portuguesa, o podio completouse con A Garota Não (Dilúvio) e Miguel Araújo (Dança de um dia normal).

"A música galega vive un periodo doce e pouco habitual na súa historia recente", destaca aRi[t]mar

Sobre o éxito acadado nos últimos meses por Fillas de Cassandra, aRi[t]mar destaca que "a escena musical galega segue a innovar e triunfar sen necesidade de abandonar a tradición cultural". E engaden que "a música galega vive un periodo doce e pouco habitual na súa historia recente. Cóntanse por ducias as propostas musicais que xorden no día a día do país".

Fillas de Cassandra mestura música tradicional e pop electrónico con harmonías vocais. E todo, ademais, contando os mitos gregos cunha ollada feminista

Nesta entrevista publicada en VINTE, Sara e María reclamaban: "Queremos permitirnos errar". Acrópole  é "o resultado de todo un ano de traballo: a síntese das nosas loitas e raibas, das nosas influencias e invencións", un salto ao baleiro no que Fillas de Cassandra mestura música tradicional e pop electrónico con harmonías vocais. E todo, ademais, contando os mitos gregos cunha ollada feminista, devolvéndolle a Cassandra, Antígona, Lisístrata, Pandora, Eco, As Moiras, Dafne e Syrinx a súa "dignidade". 

Este xoves actúan na Praza de Santa María de Lugo no marco do ciclo Lubicán

Fillas de Cassandra ten por diante un ano cheo de actuacións. Despois da estrea do álbum na Sala Capitol e do concerto que a pasada semana ofreceron no festival Emigrason en Bruxelas, este xoves actúan na Praza de Santa María de Lugo no marco do ciclo Lubicán. O festival Osa do Mar (Burela) ou o Revenidas (Vilaxóan de Arousa) son algunhas das citas do verán, para o que en breve anunciarán máis datas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.