Unha serie creada pola Xeración Z para AGalega dá vida ás mulleres que a Historia colocou nas marxes

A actriz Isabel Garrido caracterizada como Maruja Mallo en 'Nosoutras' © UnDoDez

"Queriamos visibilizar as mulleres artistas que tiveron que facer a súa creación nas marxes das marxes", conta a co-directora Amara Fontao

A serie Nosoutras é como abrir unha fiestra para que entre o aire fresco e, ao tempo, aprender algo novo sobre destacadas mulleres da nosa Historia. Un equipo moi novo de profesionais encargouse da creación e posta en marcha da serie protagonizada pola actriz Isabel Garrido. “Queriamos visibilizar as mulleres artistas que tiveron que facer a súa creación nas marxes das marxes”, conta Amara Fontao, de 23 anos, artífice da idea inicial que deu lugar a este proxecto do que é guionista e co-directora xunto a Andrés Mahía. Jairo Iglesias encárgase da realización e Pedro Tizón da dirección de fotografía.

Trátase dunha serie producida por Undodez para a Televisión de Galicia, que se pode ver na nova plataforma dixital de contidos audiovisuais da CRTVG, Agalega. Nosoutras conta con dez episodios nos que aborda as historias de María Luz Morales, Maruxa Mallo, May Carré, Virxinia Pereira, María Mariño, Mimina Arias, María Miramontes, Finita Gay, María Casares e Syra Alonso, todas elas destacadas nos seus eidos laborais e polas súas contribucións á Historia, pero non tan recoñecidas como os homes do seu tempo, tampouco hoxe en día.

Captura do sitio web AGalega.gal onde se pode ver a serie 'Nosoutras' CC-BY-SA Praza.gal

“Non quería achegalas de maneira moi pesada, eu coas miñas amigas non falo así e por iso quixemos divulgar para todos os públicos mesturando formatos como o mítico dos late night e o dos vídeos de TikTok”, explica Amara Fontao, que tiña en mente un público obxectivo moi novo para a serie, desde rapazada que vai ao instituto ata estudantes universitarios, pero que cre que funciona tamén cun público máis amplo. En apenas cinco minutos, cada capítulo vai dedicado a unha destas mulleres sen as que é imposible entender o século XX.

"Buscamos meter no medio moitas referencias pop, como cando no capítulo sobre May Carré facemos referencia a Crepúsculo", conta a actriz Isabel Garrido

“Amara documentouse moitísimo para a serie, traíame os guións e eu dicíalle: moito texto. Como espectadora non son quen de reter tanta información, por iso buscamos meter no medio moitas referencias pop, como cando no capítulo sobre May Carré facemos referencia a Crepúsculo”, debulla a actriz Isabel Garrido, que desprega o seu humor persoal nesta serie na que pasa de falar directamente a cámara a interpretar a estas mulleres. “É difícil comunicar estas historias e que sexan entretidas para que a xente as vexa, por iso pensamos en nutrir a xente de información desde a risa”, defende.

“O guai deste produto é que se sente moi familiar porque hai moita verdade”, incide a actriz coruñesa, que introduciu a súa vis cómica no guión. “Eu son así”, asegura sobre a súa actitude na serie. Da mesma maneira que Isabel Garrido introduciu o seu toque persoal, todo o equipo aportou o seu gran de area e, por exemplo, aparecen como extras na en diferentes momentos da serie. “É unha creación colectiva”, sinala Amara Fontao, quen recoñece que “a nivel persoal” é un proxecto que lle aportou “moitísimo”. “É unha serie feita con moito agarimo entre mulleres, sentiuse moi sororo e está ben que sexamos nós as que dirixen”, apunta Garrido. 

Isabel Garrido nunha escena de 'Nosoutras' © UnDoDez

"É unha serie feita con moito agarimo entre mulleres, sentiuse moi sororo e está ben que sexamos nós as que dirixen", di a protagonista

Nosoutras foi seleccionada na convocatoria de proxectos dixitais da CRTVG en 2022 e fai parte dun catálogo “con máis de 1.400 contidos premiados e recoñecidos no sector audiovisual” dentro da plataforma AGalega, que para Isabel Garrido supón “unha gran oportunidade de traballo”. 

“A xente nova estámonos posicionando en lugares de decisión e iso tamén xera un nicho de mercado. Eu non vexo a televisión, non sei que programas hai, só vexo plataformas. Que exista este recurso e eu poida ver Pazo de Familia, Pratos Combinados, Na Gloria ou Nosoutras, cousas que se achegan a min, é unha oportunidade para darlle traballo a toda a xente con talento que temos en Galicia e que moita non ten onde explotarse artisticamente”, argumenta a actriz. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.