Viggo Mortensen fala galego e a poesía enche auditorios: o actor protagonizou o ciclo Poetas Di(n)versos

Viggo Mortensen, este luns na Coruña no ciclo Poetas Di(n)versos © Concello da Coruña

As 530 persoas que enchían o Auditorio do Ágora viron a Mortensen recitar nun perfecto galego un dos seus poemas: "cando volvas esta noite estarei durmindo..."

Viggo Mortensen fala galego. O actor, que tamén é poeta, foi o gran protagonista este luns na Coruña nunha sesión do Ciclo Poetas Di(n)versos, organizado polo Concello en colaboración coa poeta e Premio 
Nacional de Poesía 2023, Yolanda Castaño. Poucas veces se viu tanta expectación por un recital poético, que neste caso xuntaba a Mortensen con Xosé Iglesias no audotorio do Ágora, totalmente ateigado e cos seus 530 asentos ocupados.

Mortensen, centro de todas as olladas, non só recitou os seus poemas, senón que o fixo en galego: "cando volvas esta noite estarei durmindo...", comezou cunha magnífica pronunciación, que foi celebrada polo público asistente cun longo aplauso, como se pode ver neste vídeo publicado polo blog Celuloide Paranoide. Despois, leu outros poemas en castelán (co seu acento arxentino), algún deles dedicado ao ultra Javier Milei, elixido presidente do país este domingo. O recital pode verse integramente nesta liigazón.

Mortensen editou o seu primeiro poemario en 1993 e ten máis de dez libros publicados. Ademais, creou a editorial independente Perceval Press

A inclusión nun recital poético do actor, mundialmente famoso por moitos papeis, comezando polo Aragorn do Señor dos Aneis, non foi casual nin un capricho. Viggo Mortensen (1958), de ascendencia danesa e estadounidense pero criado en Arxentina, é licenciado en Hispánicas pola Universidade de Saint Lawrence, en Nova York. Editou o seu primeiro poemario en 1993 nos Estados Unidos e en total suma máis de dez libros publicados. A súa paixón polas letras levouno a crear Perceval Press, unha editorial independente que publicou, entre outras obras, oito dos seus poemarios. O seu último poemario, Ramas para un nido, foi publicado hai uns meses en Arxentina por Ediciones LUX.

O seguinte recital do ciclo Poetas Di(n)versos xuntará na Coruña o vindeiro 4 de decembro a Andrea Nunes e á nicaragüense Gioconda Belli

Mortensen estivo acompañado polo poeta ceense Xosé Iglesias, que ademais é mariñeiro e capitán dun barco pesqueiro, o Primero Villar. Nacido en 1974, en 2014 publicou Transfusión Oceánica e dous anos máis tarde gañou o premio de poesía Victoriano Taibo por A Relixión do Mar, ao que seguiron en 2022 dous poemarios máis despois dun álbum ilustrado.

O seguinte recital do ciclo Poetas Di(n)versos xuntará na Coruña o vindeiro 4 de decembro a Andrea Nunes e á nicaragüense Gioconda Belli, dúas mulleres combativas e feministas.

Viggo Mortensen, coa alcaldesa Inés Rey e os poetas Xosé Iglesias e Iolanda Castaño © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.