"Imposible sen ti": Deportivo e Celta únense pola concordia no derbi galego

Un intre do vídeo Dominio Público Praza Pública

"Imposible sen ti". Esa é a mensaxe da campaña institucional que Deportivo, Celta e Xunta de Galicia levan a cabo para pedir concordia e bo ambiente no derbi galego que este vindeiro sábado volverá enfrontar os dous grandes do fútbol galego en Riazor. Na mañá deste mércores presentouse na Cidade da Cultura de Santiago este spot no que se reivindica a necesidade da sá rivalidade para vivir en plenitude o deporte rei. 

O acto contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, así como coa dos adestradores de ambos os dous clubs, Víctor Sánchez e Eduardo Berizzo, e a dos futbolistas galegos Sergio Álvarez, porteiro do Celta, e Álex Bergantiños, centrocampista do Deportivo. 

"Oxalá non nos falten nunca, porque de todos os partidos do mundo, este é o noso partido"

"Din que nos levamos coma cans e gatos... Pois non, levámonos moito peor, pero xa me tardaba". Así comeza o anuncio no que un ancián agarda a chegada de toda a familia para vivir un derbi. "Oxalá non nos falten nunca, porque de todos os partidos do mundo, este é o noso partido", di o protagonista do vídeo, que remata reivindicando unha rivalidade histórica "de case cen anos. "Revoltos si, pero xuntos", acaba. 

A idea, segundo se explicou no acto, xurdiu dos dous clubs, que xa levaran a cabo iniciativas semellantes como a de que os canteiráns de ambos os dous equipos viaxasen xuntos a torneos celebrados en diferentes puntos do Estado. "O derbi vaino gañar Galicia", asegurou Feijóo, que destacou que o sábado convivirán en todo o país bandeiras e bufandas do Deportivo e do Celta, branquiazuis e celestes, porque esas “son as cores de Galicia”, dixo.

Durante a súa intervención, o presidente tamén quixo poñer en valor a colaboración dos clubs para transmitir unha mensaxe de unidade como a que se reflicte no vídeo. “Gustaríame que na televisión se puidesen emitir moitos máis spots coma este”, reivindicou, despois de lembrar que na maioría das familias galegas se producen imaxes como as que aparecen no vídeo.

Feijóo, xunto a Víctor Sánchez e Berizzo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.