Táboas e escaso fútbol no derbi galego

Radoja intenta superar a Arribas no derbi galego © LFP

Táboas no derbi galego. Celta e Deportivo repartiron os puntos nun partido igualado, con tensión pero escaso fútbol, no que a diferenza clasificatoria e de fútbol que amosa a Liga entre ambos equipos volveu quedar reducida pola rivalidade. Nin o equipo celeste amosou a súa mellor cara ofensiva e apenas tivo oportunidades malia acabar pechando os coruñeses na súa área; nin os branquiazuis amosaron a febleza fóra da casa desta segunda volta senón que mesmo foron superiores na primeira media hora. 

A diferenza clasificatoria e de fútbol que amosa a Liga volveu quedar reducida pola rivalidade

Xustamente ata o gol de Nolito. Ata ese minuto 30, o Deportivo sorprendeu o Celta roubándolle o balón e pisando área contraria, xogando en campo contrario e estragando algunha ocasión como un remate de Sidnei que a piques estivo de superar a Sergio Álvarez. Pouco despois, Borges si acertou coa portería logo dunha boa xogada fiada por Luis Alberto, o mesmo que tivo o 0-2 nun roubo de balón a Cabral que non soubo culminar.

Estaba mellor o Deportivo pero todo cambiou na seguinte xogada. Nolito -quen ía ser- conectou con mestría un excelente pase de Orellana e fixo  un golazo que non foi o peor para o rival. No intento por deter o balón, Lux bateu con Sidnei e acabou lesionado. Tivo que retirarse e deixar o seu sitio a Manu, que apenas foi probado ata o final da primeira parte. Desfeita a vantaxe e sen o porteiro titular, os coruñeses asumiron que tocaba sufrir. 

O Deportivo foi mellor ata o gol do Celta, que dominou e foi superior ata o final pero sen crear demasiado perigo

Pero apenas o fixeron. O Celta controlou e dominou o partido. Foi superior ata o asubío final pero sen ocasións claras. Tan só algún detalle de Nolito ou Orellana preocuparon o Deportivo ante un equipo celeste que non foi quen de probar a Manu e comprobar se os temores da afección visitante cara a el estaban xustificados. Nin conectaron os branquiazuis unha contra con xeito, nin os celestes amosaron a claridade coa que adoitan someter os rivais en ataque. Nin tan sequera cando os de Víctor Sánchez del Amo quedaron con dez para os últimos 22 minutos tras a expulsión de Arribas. 

Protestou o central deportivista unha discutida expulsión, non tanto pola claridade das faltas sancionadas, senón pola diferenza de criterio da que acusou ao colexiado, que non considerou segundo cartón amarelo un golpe de Wass a Navarro na primeira parte. Preto do final, e xa cun home menos, o deportivista Borges acabou mancado e coxeando polo campo ante un Celta envorcado en ataque. Intentárono os locais con todos pero o Deportivo, pechado na súa área, foi quen de taparlle todos os ocos. 

Satisfeitos os coruñeses polo empate e algo menos os vigueses, ambos manteñen os obxectivos tras un derbi que volveu demostrar que nestes partidos as diferenzas estréitanse. E no que o canto conxunto do himno galego polas dúas afeccións -como na primeira volta- e a ausencia de incidentes volveu ser a mellor noticia dunha rivalidade que, a cada día que pasa, é máis sa. 

Radoja intenta superar a Arribas no derbi galego © LFP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.