0 Gardados para despois

O Concello coruñés protesta na FEB polo corte ao himno galego no Básquet Coruña-Breogán

Redacción | @prazapublica

O pasado domingo había ambiente festivo nas dúas marxes do palacio dos deportes de Riazor, na Coruña. Tras o primeiro encontro dos cuartos de final do play off polo ascenso á liga ACB, no que o Básquet Coruña se impuxera ao Breogán de Lugo por 90-86, o conxunto coruñés aspiraba a encamiñar a eliminatoria na casa e o lucense, a igualar a contenda antes de que a serie viaxase a Lugo. O bo tempo da xornada animou unha boa entrada tanto da afección local como da visitante, que se desprazou a centos dende a cidade da Muralla. O clima entre afeccións e, nomeadamente, o dos siareiros breoganistas co club anfitrión, harmonioso como adoito, deixou de selo cando, ao inicio do partido, o himno galego foi interrompido abruptamente antes de entoar a referencia ao "fogar de Breogán", corte que vén de motivar unha protesta formal do Concello da Coruña ante a Federación Española de Baloncesto. 

O pensamento xeralizado na bancada breoganista foi practicamente instantáneo. Atribuíuse ao club local unha tesoirada para evitar que se corease o nome do rival con acompañamento de música solemne. No entanto, pouco despois do partido, cando a polémica aínda fervía nas redes sociais, o Básquet Coruña emitiu un comunicado para "lamentar a interrupción do himno galego". Esta, aclaraba, fora "ordenada polo comisario da FEB" no partido, e ante a decisión a entidade non puido facer máis que mostrar "o seu desacordo", así como "compartir o malestar dos afeccionados".

O equipo local aclarou que o corte ao himno, que si soara dous días antes, fora unha "orde" do comisario da FEB presente no encontro

A versión do Básquet Coruña foi ratificada horas despois pola revista especializada Gigantes del Básket. Segundo esta publicación, a orde do comisario de mesa, o exárbitro Vicente Sánchis, fixara "que o himno só podía durar un minuto e mandou cortalo", aínda que isto supuxese rachar a dinámica de anteriores derbis galegos -tanto entre Básquet Coruña e Breogán como entre o conxunto breoganista e o COB Ourense, por exemplo-, nos que a interpretación do himno tornara nun acto de irmandamento entre afeccións antes de cada encontro. Esta redacción tentou recabar a versión da entidade federativo sen recibir, polo momento, resposta ningunha.

O goberno local censura a "falta de respecto" e "require" que o himno poida soar en vindeiros encontros

Tras a reacción do club chegaba tamén a do Concello, toda vez que o pavillón é de titularidad emunicipal. A través do concelleiro José Manuel Sande, responsable de Culturas e Deporte, o goberno local anunciou este luns a presentación dunha "queixa oficial" ante a FEB para amosar "o noso disgusto e malestar polo feito de que, nun encontro de ascenso que disputan dous equipos de Galicia non se permita escoitar de forma completa o himno". "A decisión de non deixalo rematar parécenos incomprensible -di o edil-, tendo en conta que se trata dun derbi galego e sendo ademais celebrado o partido nun pavillón municipal".

O Breogán confirma que o himno "soará nos dous partidos" que xogarán ambos equipos esta semana en Lugo

No primeiro partido da serie, celebrado só dous días antes, lembra Sande, "o himno soou de forma completa" sen que se rexistrase "ningún tipo de incidente". Alén de rachar un momento "especialmente simbólico", di o Concello, a FEB amosou co seu xesto "unha absoluta falta de respecto a un sinal de identidade do pobo galego e das súas institucións públicas". "Considérase oportuno -agrega a carta- que o himno galego, como produto da cultura galega, estea presente en eventos deste tipo, que contan cun importante patrocinio público galego, e de modo especial deste Concello". Así as cousas, o consistorio "require" que "en futuros eventos deportivos similares" se "permita, protocolariamente, a interpretación do himno galego tal e como sucedeu noutros casos".

O seguinte derbi entre coruñeses e lucenses non tardará moito. Será, nomeadamente, o vindeiro venres e domingo no Pazo dos Deportes de Lugo, no terceiro partido desta rolda do play off. A través dun comunicado o Breogán uniuse ao Básquet Coruña para "lamentar o incidente producido" e anunciar que, "sendo o himno un símbolo para todos os galegos e tendo causado malestar en ambas afeccións" o seu corte, o himno "soará nos prolegómenos dos dous partidos".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.