O Ribadeo F.C., clube de fútbol do Grupo 1 da Preferente, impulsa unha actividade deportiva, festiva e reivindicativa para esta fin de semana. O domingo xogará ante o Viveiro no campo de Cantarrana a partir das 16.15 horas, no Derbi por excelencia da Mariña. "Como se trata dun partido especial, dende o club queremos facer algo especial", explican. "Imos desprazarnos en tren. Faremos a viaxe no FEVE, no esquecido e maltratado tren da Mariña, no noso tren", destacan. E convidan os siareiros a facer o mesmo: "queremos que te unas a nós, para facer algo grande, para ir creando ambiente dende o principio ata o final", din.
"Pedímoslles a todos os afeccionados que nos acompañen nunha actividade deportiva, festiva e reivindicativa. Porque o noso tren está pasando un mal momento e cremos que a mellor maneira de apoialo é dándolle uso, viaxando nel, demostrando que é fundamental para a comunicación e o transporte na Mariña, para unir a todos os pobos que a formamos. Ao noso Derbi, no noso Tren", salientan.
A saída é ás 11.30 dende a estación de Ribadeo, chegando ás 12.45 ao apeadeiro de Covas, o máis próximo ao campo de Cantarrana. O regreso será ás 21.03, con chegada a Ribadeo ás 22.18. O prezo da viaxe, ida e volta, é de 5.70 euros.
A iniciativa recibiu xa o apoio da Plataforma Pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo, que destaca que a acción "intenta fomentar o uso do tren, ademais de chamar a atención sobre os problemas que esta a padecer o ferocarril Ferrol-Ribadeo nestes tempos (avarías continuadas que provocan retrasos e supresións, malos horarios...) tendo en conta que resulta un transporte público vital para A Mariña".