'Pitcher' Castro

Dominio Público Praza Pública

A historia é tan irresistible que calquera desexaría que fose certa. Contouna en 1964 Don Hoak, nada máis se retirou despois dunha modesta carreira nómade como terceira base nos Dodgers de Brooklyn, os Cubs de Chicago, os Pirates de Pittsburgh ou os Phillies de Philadelphia. En 1951, dixo Hoak, fora botar uns partidos en inverno a Cuba, algo habitual entre os xogadores dos grandes equipos norteamericanos de béisbol. Nunha das citas, formando parte do Cienfuegos e enfrontándose ao Marianao, unha turba de estudantes que se manifestaba contra a ditadura de Batista entrou no campo interrompendo o encontro. Cos xogadores petrificados de medo, o líder estudantil -imaxinan ben, si, o mesmo Fidel Castro en persoa- apañou a bola das mans do asombrado pitcher do Marianao e mandoulle a Hoak varias bolas de forza terrible. Este, como bo norteamericano, devolveunas con seguridade antes de que a intervención da policía disolvera o disturbio.

É mágoa que sexa falsa unha anécdota con tan bos personaxes principais e con esa dose de patriotismo que tanto lles gusta aos estadounidenses. Nin os xogadores cos que di Hoak que compartía pista estaban neses equipos no momento no que data os feitos; nin Castro tiña en 1951 a relevancia que se lle adxudica; nin Hoak xogou na illa ata 1954 (e, daquela, Fidel estaba no cárcere, con pouca marxe de manobra para o deporte). Por non estar, nin sequera Fulgencio Batista estaba no poder nese momento. A imaxinación fecunda dun deportista en horas baixas e a pluma aguzada dun xornalista aproveitado foron as responsables do conto, e os detalles que os leve o demo.

Porén, esta é unha das anécdotas máis repetidas do folclore beisboleiro. Vaia por diante que este é un deporte que me é terriblemente alleo. Dunha vez, aguilloado por entender que demontre lle ve Paul Auster ao asunto -“o béisbol é tan grande coma a vida mesma”, ou algo así, di en Sunset Park-, merendeime un par de encontros que retransmitían nalgunha canle internacional das que poñen de recheo na tele por cabo. Teño que dicir que me foi por completo imposible entender o que estaba vendo, un espectáculo lento, convenientemente interrompido cada dous por tres por cortes publicitarios, protagonizado por varios señores de presenza escasamente atlética e de duración indeterminada. Servidor, que non é nada sospeitoso de anti ianqui, é incapaz de entender cousas como, a saber, onde está o chiste do fútbol americano, que é o que fai tan divertidas as boleiras, de que se ri o público da stand up comedy ou que día cae Acción de Grazas e por que. Cúlpenme a min; se tanta xente segue o béisbol (e todo o demais), será por algo.

Unha das invencións máis famosas que o relacionan co béisbol é o mito de que Fidel estivo a piques de converterse en profesional cun equipo estadounidense, cambiando deste xeito a historia do século XX

Volvendo a Castro, o caso é que polo visto o Comandante era un verdadeiro apaixonado do America's favourite pastime. Outra das invencións máis famosas que o relacionan co béisbol recóllea o escritor Peter J. Bjarkman nun formidable artigo na web Baseball de Cuba: o mito de que Fidel estivo a punto de converterse en profesional cun equipo estadounidense, cambiando deste xeito a historia do século XX. É máis, Bjarkman cita algo así como media ducia de variacións do embuste: segundo afirma, no orixinal un cazatalentos enviado a finais dos anos 40 polos Senators de Washington está a punto de asinar contrato cun prodixioso lanzador da Universidade de La Habana. Mais, oh desgraza, a operación frústrase e o prometedor pitcher convértese no supervilán caribeño favorito do Imperio do Mal. Despois hai múltiples variacións, mesmo inventadas polos propios clubes, nas que o axente traballa para os Yankees de Nova Iork, os Orioles de Baltimore ou os Pirates de Pittsburgh. Quen non querería subir ao carro de “eu estiven a punto de salvar a Cuba das gadoupas do comunismo”? Roberto González, investigador do tema, escribe no seu libro La gloria de Cuba: historia del béisbol en la isla: "Isto nunca se conta en Cuba porque alí todo o mundo sabería axiña que é unha trola. É preciso deixar ben claro que Castro xamais recibiu proposta ningunha dun equipo norteamericano e que nunca alcanzou neste deporte o grao e notoriedade que podería ter atraído a atención dun recrutador experto".

O certo é que de Castro dándolle ao bate hai moitas imaxes: acabado de chegar ao poder, con gafas de pasta e barbouzas, en partidos de exhibición que aparentemente o levaron por toda a illa (curiosa esa fixación dos grandes homes polos varudos retratos deportivos); con casco e bate, da man de Hugo Chávez; ou compartindo lanzamentos e senectude co ex presidente Jimmy Carter. Tamén hai por Internet algúns vídeos nos que se lle ve lanzando a bola e, a verdade, non é para tanto.

Así e todo, contradicir o mito non che é nada fácil. O bateador Monte Irvin, unha das grandes figuras dos anos 40 (cando aínda se xogaban nos Estados Unidos ligas para negros e ligas para brancos), contaba pouco antes de morrer como fora o seu cara a cara particular (e con toda probabilidade inventado) co futuro Comandante, datado en 1947: “Quería ser pitcher e tiraba bastante ben, pero con pouco control, así que veu adestrar cos Almendares, o equipo no que xogaba eu. Nunca conseguiu o dominio suficiente para ser un pitcher dos bos. Un compañeiro meu, Conrado Marrero, que despois lanzou para os Senators de Washington, díxome unha vez: 'Se chegamos a saber que Castro acabaría sendo un ditador, polo menos fichábamolo de árbitro'”.

E dálle.

Fidel Castro e Camilo Cienfuegos Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.