0 Gardados para despois

De festa co equipo de hockey

Martiño SuárezMartiño Suárez


Os lectores habituais do Bestiario do vestiario saberán xa da predilección que hai nesta sección polos deportistas peneques e con tendencia a abusar do tinto. Nesta categoría entra un curioso episodio protagonizado pola nadadora australiana Dawn Fraser, a primeira muller capaz de baixar do minuto nos 100 metros libres. Ouro en Melbourne 1956 e en Roma 1960, tíñao todo feito na véspera da clausura de Tokio 1964 despois de gañar os cen libres e a prata na remuda 4x100. Como premio aos éxitos, estaba chamada a ser abandeirada do seu país na cerimonia de peche. Pero decidiu marchar de festa a noite antes.

Co resto do equipo de natación xa deitado, Fraser saíu de farra co de hockey, que acababa de gañar un bronce. Despois dun par de roldas de máis decidiron honrar unha das tradicións olímpicas máis arraigadas: roubar bandeiras. E como estaban no centro de Tokio, fóra da Vila Olímpica, non se lles ocorreu mellor cousa que achegarse ao Palacio Imperial. Na entrada había unha gran ringleira cos pavillóns dos países participantes e, o premio gordo, o branco cos cinco aros que simbolizan o olimpismo. Fraser e os amigos conseguiron baixar dúas antes de escoitar o son dos chifres da policía xaponesa.

A primeira muller capaz de baixar do minuto nos 100 metros libres saíu de farra co equipo de hockey e despois dun par de roldas de máis decidiron honrar unha das tradicións olímpicas máis arraigadas: roubar bandeiras

Os australianos fuxiron a correr diante dos axentes. Fraser tentou ocultarse no xardín do Palacio, pero caeu nun foxo e torceu un pé, así que tivo que sentar nun banco a descansar. Alí a atoparon ao pouco tempo os policías. “Estou esperando por uns amigos”, tentou disimular. Mais debaixo do chándal levaba escondida a bandeira olímpica e non, un trapo dese tamaño non é moi fácil de ocultar.

A Fraser deixárona saír do cuarteliño xa de madrugada, só unhas horas antes de que desfilase co resto dos deportistas australianos na clausura dos Xogos. Mentres o médico da selección lle vendaba o nocello, escordado mentres escapaba, tocaron á porta do cuarto e alí apareceu un tenente da policía xaponesa e dous axentes máis. Petrificada e pensando que a ían volver levar á comisaría, Fraser veu como o tenente puña sobre a cama un ramo de flores e un paquete. “Ábrao, ábrao”, dixo o xaponés. Dentro estaba a bandeira olímpica que a nadadora tentara mangar horas antes.

Ás autoridades deportivas australianas non lles fixo tanto chiste o episodio. Pouco despois de que a campioa desfilara como abandeirada, coxa e algo resacosa, prohibíronlle volver competir durante dez anos, dando por rematada a súa carreira.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.