"O cabalo saltou por riba do puto valado"

Dominio Público Praza Pública

Kurt Vonnegut é máis que un dos meus escritores preferidos. Aínda hoxe non sei se entendín moi ben todo o que pasa en Matadoiro Cinco, pero cada vez que pego coas súas páxinas déixanme unha sensación de abatemento que poucas cousas máis conseguen. Vonnegut, que morreu en 2007, paréceme un artista conmovedor, contraditorio como somos todos, humanista e á vez dono dunha prosa de lixa do oito, capaz de captar escenas perturbadoras e, ao tempo, embarazosamente humorísticas.

Tamén debeu de ser un ser humano ben curioso e escindido. Polo visto, navegou durante toda a súa vida entre a necesidade de escribir e a de pagar os recibos, ansias que son case sempre incompatibles. Traballou de redactor publicitario para a General Electric, inventando historias sobre inventos fabulosos a recollendo ideas e personaxes que aparecerían despois nas súas novelas. Cando deixou a compañía, montou un concesionario de Saab que foi a pique porque el era moi mal vendedor e os coches suecos, un desastre. Co seu característico humor corrosivo, Vonnegut explicou nun artigo pouco antes de morrer que aquela experiencia fracasada co emprendemento o afastou para sempre do premio Nobel. Segundo di un proverbio noruegués, escribiu, xa se sabe que os suecos teñen "a minga moi pequena e a memoria moi grande".

A primeira encarga de Vonnegut no 'Sports Illustrated' foi un artigo sobre unha proba hípica; ficou tan bloqueado que botou horas na redacción mirando fixamente o papel ata que acabou por erguerse e marchar

O caso é que Vonnegut tentou durante unha temporada vivir do xornalismo deportivo. Xa expliquei hai uns días aquí mesmo que para algúns escritores este xénero é menor, case ínfimo, mais semella que a Vonnegut se lle atragoou a experiencia. Segundo contou el mesmo, a revista Sports Illustrated chamouno para escribir nun dos primeiros números, nos anos cincuenta. "Contrataran unha presa de redactores deportivos pailáns que, segundo se soubo despois, non sabían escribir. Así que máis tarde contrataron outra presa de escritores sen interese nin coñecemento ningún do deporte. Eu entrei no segundo grupo porque estaba arruinado", contou.

A primeira encarga do Sports Illustrated foi un artigo sobre un cabalo que, durante unha proba hípica, decidira saltar o valado exterior da pista e escapar libre campo a través. Semella unha historia curiosa e moi literaria da que se pode sacar partido, pero Vonnegut ficou tan bloqueado que botou horas na redacción, mirando fixamente o papel con expresión angustiada. Ao final acabou por erguerse e marchar. O artigo que deixou sobre a mesa reducíase a unha única frase: "O cabalo saltou por riba do puto valado".

Kurt Vonnegut Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.