O divino manco

Dominio Público Praza Pública

Quixo a casualidade que a última parte deste Mundial a vise nun hotel de Tenerife, UK, rodeado de seareiros británicos tatuados ata o branco dos ollos e de rapaces rubicundos coa camiseta de Harry Kane. Foi toda unha montaña rusa emocional a que viviron durante a semana, ao principio ilusionados ata a histeria, repetíndose uns a outros iso de “football is coming home”, deprimidos despois da eliminación. Contrastaba a miña olímpica tranquilidade, pois a selección pola que torcín nesta Copa do Mundo, a uruguaia, xogou ben pero foi eliminada bastante cedo. E non me pregunten por que animaba eu á celeste: un equipo cheo de apelidos como Campaña, Silva, Pereira, Torreira, Vecino ou mesmo Suárez fáiseme máis próximo que calquera outro.

Ademais, o Uruguai futboleiro é en verdade unha quinta provincia. No equipo que gañou o primeiro Mundial, o de 1930, celebrado en Montevideo, brillaron galegos de nacemento como Lorenzo Fernández (de Redondela) e Pedro Cea (probablemente tamén redondelán) e outros de segunda xeración ou con nomes inconfundibles: Gestido Pose, Andrade, Calvo, Dorado...

E sobre todo Héctor Castro, lenda do Nacional de Montevideo e gañador ademais do ouro olímpico en Amsterdam 1928 e de catro Copas América. Nacido xa en Uruguai en 1904, Castro procedía do prototipo de familia galega emigrada a Sudamérica. Con dez anos deixou a escola para dedicarse ao que facían os do país cando chegaban a ultramar: currar. E con ben mala sorte, pois tendo apenas trece anos unha serra mecánica cortoulle o brazo dereito á altura do pulso, deixándoo toco.

O Uruguai futboleiro é en verdade unha quinta provincia; no equipo que gañou o Mundial de 1930 estaba Héctor Castro, lenda do Nacional de Montevideo e procedente dunha prototípica familia galega emigrada a Sudamérica

Máis a Castro o que lle sobraba era peito. Volante dereito de talento, tiña polo visto gran capacidade para brillar nos momentos nos que debe aparecer un líder. Foi, de feito, o autor do último gol no 4-2 co que se pechou a final do Mundial de 1930. Nun ambiente incendiario (contan as crónicas da época que á entrada do estadio Centenario houbo que cachear aos seareiros para evitar que metesen pistolas no recinto e que o árbitro tiña un barco esperando no porto por se tiñan que evacualo), Uruguai foi quen de remontar o 1-2 co que Arxentina se adiantara no primeiro tempo.

Tamén tivo que ser Castro o encargado de resolver uns anos despois o chamado "campionato máis longo do mundo". Nacional e Peñarol, rivais acérrimos, quedaran igualados a puntos na competición regular de 1933. O desempate foi convocado para maio de 1934, porque daquela non debían de ter as urxencias informativas actuais. Mediada a segunda parte, un dianteiro do Peñarol disparou fóra, o balón rebotou na maleta de madeira dun masaxista, volveu ao campo e foi novamente rematado á rede por outro xogador peñarolense. A verdade é que non se sabe se o árbitro concedeu gol ou non, pero entre os xogadores dun equipo, que se volveron tolos celebrándoo, e os do outro, que o perseguían para cascarlle, o colexiado decidiu suspender o encontro e pecharse con pestillo na caseta.

Os vinte minutos restantes disputáronse en agosto, sen que mudase o 0-0 inicial, e o mesmo ocorreu no segundo desempate, en setembro. Finalmente, en novembro de 1934, case dous anos despois de que comezase a liga regular, o Nacional acabou alzando o título cun axustado 3-2 no que Castro, o "divino manco", marcou os tres do seu equipo.

Os 'galegos' Lorenzo Fernández, Álvaro Gestido, Héctor Castro e Pedro Cea, titulares na selección que gañou o primeiro Mundial Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.