0 Gardados para despois

Galicia debuta este sábado no europeo de fútbol gaélico en Lorient

Redacción | @prazapublica

Esta fin de semana celébrase a primeira edición dos EuroGames, os xogos gaélicos europeos, en Lorient (Bretaña). A este torneo acudirán as seleccións galegas de fútbol gaélico, masculina e feminina. Nos anos 2015 e 2016, Galicia xogou en Abu Dhabi e Dublín as dúas primeiras edicións dos Xogos Mundiais dos deportes gaélicos, citas nas que tivo unha magnífica actuación, obtendo a selección masculina un 2º e un 3º posto. Tamén a selección masculina realizou un magnífico papel, vencendo en Dublín na final de consolación.

A Lorient os seleccionadores galegos, Alexandre Sanmartín “Jano” -masculina-, Santiago Rodríguez e Pablo da Silva -feminina-, levaron 13 xogadores e outras tantas xogadoras, que voarán este venres de Porto a Nantes, dende onde se desprazarán á cidade de Lorient.

Os homes enfrontaranse a Gascoña, Francia, Alemaña e Bretaña. E as mulleres a Francia, Alemaña e Bretaña, xogándose o sábado todos os partidos desta primeira fase. Os dous primeiros clasificados desta liguilla enfrontaranse o domingo na gran final do campionato, ás 13 horas a masculina e ás 15 horas a feminina.

Fora en 2012, no campo do Cadaval de Narón, cando a Irmandiña do gaélico debutou e, xunto a selección de Bretaña, fixo historia ao disputar o primeiro partido entre seleccións nacionais da historia deste antigo deporte, que non saía das fronteiras irlandesas máis que aló onde había descendentes da Illa. Na actualidade, este deporte conta cunha liga galega masculina e feminina con máis de dez clubs afiliados na Asociación Galega e coa súa propia selección oficial recoñecida pola federación irlandesa que rexe o gaélico a nivel global. Ademais, unha liga galega con 13 equipos masculinos e nove femininos segue a asentarse como competición, espallando o deporte por numerosas localidades como Ourense, A Estrada, Vigo, Lalín, O Grove ou As Pontes. O que empezou como unha aventura mobiliza xa uns 500 xogadores e xogadoras cada fin de semana, con cadansúa licenza e de maneira totalmente afeccionada.

 

O Festival de Lorient de 2019, dedicado a Galicia

Este mércores anunciouse que o Festival Intercéltico de Lorient estará dedicado a Galicia en 2019. O certame, que chega á súa edición número 49, celebrarase entre o 2 e o 11 de agosto. Uxía ou Rodrígo Romaní (ademais das seleccións de fútbol gaélico) compoñen a representación galega na actual edición, que rematará o 12 de agosto. A participación dos gaiteiros Xesús Rodríguez, Manuel Seoane, Diego Prieto e Raquel Vilas no Trofeo McCrimmon de gaita peninsular, o espectáculo da Banda de Gaitas Sons da Chaira ou o baile dos mariñaos Saíñas serán outras das achegas galegas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.