Van Looy, un malo de cómic

Dominio Público Praza Pública

Se hai no ciclismo un supervilán de cómic, ese é seguramente Rik Van Looy. Un imaxínao deitado nun sofá de orellas, co peiteado perfectamente esculpido e o traxe impoluto, acariñando un gato mentres proxecta como gañar a próxima carreira e, ao tempo, humillar aos rivais. Nas dúas facetas foi un mestre: con preto de 500 vitorias en case vinte anos de carreira, poucos foron os corredores da súa época, que se estendeu de mediados dos cincuenta a 1970, que non o sufriron.

As historias, apócrifas en bastantes casos, van desde como Van Looy utilizaba un potente equipo de gregarios para arruinar carreiras a abusos verbais en plena ruta e mesmo mexadas que ops!, van parar encima dun certo corredor

As historias son moi diversas e probablemente apócrifas en bastantes casos, e van desde como Van Looy utilizaba un potente equipo de gregarios para arruinar carreiras a abusos verbais en plena ruta e mesmo mexadas que ops!, van parar encima dun certo corredor en lugar de rematar na beira da calzada. Nas biografías dos compañeiros de xeración fálase tamén de como manexaba o pelotón para repartirse os postos de honra e, en consecuencia, os premios en metálico, pois Van Looy, que comezou no ciclismo repartindo xornais mentres os amigos ían ao colexio, foi sempre un tipo moi preocupado polos cartos. Déixase moitas veces de recoñecer que era, con todo, un adiantado ao seu tempo, practicamente o inventor do ciclismo en equipo e de tácticas coma a do treno de lanzadores que hoxe en día impulsa a todos os sprinters antes da liña de meta.

Ninguén sufriu tanto as malas artes do Emperador coma Merckx, que debutou como profesional xusto no equipo de Van Looy, o Solo Superia. Van Looy entraba por entón no período final da súa carreira e as súas antenas de sobrevivente de seguida detectaron en Merckx a un rival superlativo. Desde os primeiros campionatos que compartiron quedoulle claro que a forza bruta do rapaz ía xubilalo; así que, mentres Merckx quedaba por encima nas competicións pola mañá, Van Looy e o seu coro de secuaces dedicábanse a mortificalo polas noites. As ceas do equipo eran unha cruz para o novato. Chamábanlle pailán pola maneira de pronunciar, frouxo porque aceptaba as burlas baixando a cabeza, lambón porque se volvía tolo polo arroz con leite. Alcumárono Jack Palance polo parecido innegable que tiña coa entón estrela de Hollywood, algo que, repetido unha e outra vez, mortificaba a Merckx. “Van Looy sabía como facerlle perder os nervios a calquera”, diría este. “Pois non sei por que se enfadaba. Poñer nomes é unha tradición en Kempen, debe ser que el é doutra rexión”, retrucaría o outro, poñendo maliciosamente o dedo na fenda que tamén divide o ciclismo belga: Van Looy é o heroe flamenco por excelencia, mentres que Merckx, flamenco pero residente no sur francófono, segue estando en terra de ninguén.

Ninguén sufriu tanto as malas artes do Emperador coma Merckx. Chamábanlle "pailán" pola maneira de pronunciar

Merckx marchou do equipo ao ano seguinte, evidentemente. Pero nin así conseguiu librarse de Van Looy, que durante as catro temporadas seguintes dedicou boa parte dos esforzos a pedalear pegado á roda do campión e, se fose posible, batelo nos últimos metros. A guerra estendeuse mesmo ás metas voantes e chegou ao punto álxido no Mundial de 1969, onde o vello saltou en cada ataque do novo para que acabase gañando un escuro holandés, Harm Ottenbros, compañeiro de equipo de Van Looy. “É o meu peor inimigo”, dixo Merckx, segundo conta Daniel Friebe na biografía do Caníbal. Farto da marcaxe, nunha carreira deixouse caer ata o último posto do pelotón, e mentres o adiantaban todos os ciclistas, disque berraba: “A ver se me segues agora, vello cabrón!”.

"Xente que son avogados e banqueiros e que nin me dirixían a mirada cando era un rapaz, agora ábrenme a porta e dinme ‘grazas, señor Van Looy’. Ese é o meu maior triunfo”

A rivalidade non rematou coa retirada de Van Looy en 1970, senón que se prolongou ata a actualidade en forma de sprints verbais. O Emperador de Herentals segue tendo a lingua rápida aos seus oitenta e moitos, e aínda cultiva a súa imaxe de tipo frío e maligno. Hai pouco, nunha entrevista en Cycling Legends, declarou nada menos que isto: “A miña mellor vitoria é a miña conta corrente. A Paris-Roubaix e o Mundial si, están moi ben, pero estou máis orgulloso dos cartos que fixen. Quero dicir que agora son alguén e empecei sendo un ninguén. Xente que son avogados e banqueiros e que nin me dirixían a mirada cando era un rapaz, agora ábrenme a porta e dinme ‘grazas, señor Van Looy’. Ese é o meu maior triunfo”.

Rik Van Looy, en 1962 no Tour de Francia CC-BY-SA Harry Pot
Van Looy e Anquetil discuten antes dunha etapa do Tour de 1963 CC-BY-SA NL-HaNA, ANEFO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.