0 Gardados para despois

Unanimidade para dedicar a Verónica Boquete o estadio compostelán de San Lázaro

Redacción | @prazapublica

Estadio Municipal "Verónica Boquete" de San Lázaro. A ata agora mellor futbolista galega de todos os tempos dará nome ao estadio compostelán por acordo unánime dos catro grupos da corporación municipal da capital galega. Así o ratificou este xoves a Comisión de Condecoracións do Concello, paso previo a que o pleno municipal a aprobe de vez co apoio do grupo de goberno (Compostela Aberta) e mais do PP, o PSdeG e o BNG.

"É unha referencia para o fútbol base de Compostela, especialmente para o fútbol feminino, que leva tempo a loitar para ter o mesmo recoñecemento e visibilidade que o masculino"

A concelleira santiaguesa de deportes, Noa Morales, confirmou xunto a María Corral (PP), Milagros Castro (PSdeG) e Goretti Sanmartín (BNG) a dupla intención desta homenaxe á futbolista galega, nada na cidade e actualmente membro do plantel do Beijing PG Phoenix, da Superliga chinesa. Recoñécena polos seus múltiples méritos deportivos, mais tamén por ser "un exemplo de deportividade e motivación para a infancia", moi especialmente para as nenas.

"É unha referencia para o fútbol base de Compostela, especialmente para o fútbol feminino, que leva tempo a loitar para ter o mesmo recoñecemento e visibilidade que o masculino", agrega Morales. Os catro grupos da corporación consideran que este é "o mellor xeito de recoñecer" oficialmente "a impresionante traxectoria profesional da futbolista compostelá" e "a súa influencia positiva na sociedade", así como "a súa gran implicación na nosa cidade co fútbol base", eido no que desenvolve diferentes actividades, como un campus para nenos e nenas.

Noa Morales (Compostela Aberta), Goretti Sanmartín (BNG), María Corral (PP) e Milagros Otero (PSdeG), anunciando o recoñecemento a Verónica Boquete / Concello de Santiago

Boquete: "Estou moi feliz, encantada de que leve o meu nome un estadio que para min é moi especial"

Verónica Boquete recibiu a distinción do Concello de Santiago con obvia satisfacción. En declaracións á Radio Galega, Boquete amosouse "orgullosa de poder formar parte da historia do fútbol" de Santiago e "moi feliz" por que a decisión estea apoiada pola unanimidade da corporación. "Estou encantada de que leve o meu nome un estadio que para min é moi especial", xa que "alí crecín vendo o fútbol". A SD Compostela, que xoga os seus partidos como local no estadio, tamén aplaudiu a iniciativa e ve "un orgullo poder xogar" nun campo co seu nome. "Merecido recoñecemento á mellor futbolista da historia do país e un emblema para a nosa cidade", considerou o club.

A xogadora galega, a piques de partir cara a Uruguai para colaborar coa FIFA no marco do Mundial sub-17, ten aínda por decidir se continuará ou non a disputar a liga chinesa a vindeira temporada ou se opta por un novo destino. Antes de militar no Beijing PG Verónica Boquete pasou por clubs como o Paris Saint-Germain, onde logrou o subcampionato da Champions, torneo onde xa se impuxera en 2015, cando xogaba no Fráncfort, equipo ao que chegara procedente do Tyresö sueco.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.