"É unha bandeira galega con estrela unha ameaza para a seguridade?"

Galicia-Ecuador, en Riazor en 2007 © Siareir@s Galeg@s

Foi tan só o último episodio. Os problemas de varios afeccionados deportivistas para acceder ao estadio do Valladolid con bandeiras nacionalistas galegas volve agromar unha polémica xa vivida anteriormente por seareiros do Celta ou do Obradoiro. O pasado sábado, membros de seguridade privada e da Policía Nacional requisaron varias estreleiras á afección branquiazul que se desprazou en masa á capital castelá, o que provocou o enfado de moitos deles, que denunciaron a situación a través das redes sociais e incluso ante as propias forzas de seguridade.

"Trátase dun celo excesivo e dunha actitude prohibicionista incomprensible que destila un sesgo ideolóxico", critica o BNG

O BNG xa anunciou que rexistrará unha pregunta no Congreso para que o Goberno explique a que se debe este veto. A deputada Rosana Pérez critica no texto "unha actitude policial prohibicionista que non resulta comprensíbel". "Trátase dun celo excesivo por parte das forzas de seguridade do Estado que destila un sesgo ideolóxico, xa que descoñecíamos que o uso de símbolos galegos nacionalistas supuxese un problema de orde pública ou unha cuestión de seguridade", sinala. "Teremos que preguntarnos por que non acontece o mesmo coa bandeira de España que se pode ver despregada en moito estadios", engade.

"Parece claro que as forzas de seguridade do Estado tratan os afeccionados que acoden aos estadios con bandeiras nacionalistas como un problema de seguridade ou de alteración da orde pública", pon de manifesto a deputada do BNG. Rosana Pérez refírese a outros casos como o descrito noutros partidos de fútbol ou de baloncesto. "Sabemos de afeccionados do Depor, do Obradoiro e do Celta aos que se lles requisan as bandeiras, aos que se lles acosa ou aos que se lles ameaza con sancións", afirma. Altera a orde pública? A bandeira de Galicia cunha estrella vermella, supón unha ameaza para a seguridade?, pregunta o Bloque ao Goberno.

As bandeiras nacionalistas de varios afeccionados foron requisadas baixo a ameaza de non acceder ao estadio

A ameaza dos membros de seguridade ou dos axentes presentes era clara. Ou os afeccionados entregaban a bandeira ou non podían acceder ao estadio, malia ter mercado a súa correspondente entrada. Unha deportivista que foi testemuña destes feitos relatou a Praza o acontecido. "Miraban as bandeiras e se tiñan a estrela vermella mandábanche deixala á entrada, pero en ningún momento che aseguraban que a poderías recoller despois", explica. De feito, son varias as persoas que denuncian que, ademais de serlles requisada a estreleira, quedaron sen ela cando intentaron recuperala. "Nós dixémoslle que a gardabamos na mochila ou que a deixabamos no bar do estadio para recollela despois, pero tamén se negaron a esa posibilidade; ao final, agochámola nun recuncho e volvemos por ela despois", explica.

Iván M., outro afeccionado deportivista desprazado a Valladolid, non portaba bandeira nacionalista ningunha, pero si unha coa cruz de Santo André. A obsesión da seguridade por asegurarse de que non entrase no campo estreleira ningunha obrigoulle a despregar a súa bandeira e a explicarlle ao axente que era aquela cruz que descoñecía. Só nese momento puido acceder ao estadio, ao igual que outros seareiros aos que se lles obrigou a facer visibles todos os seus símbolos.

Os axentes ampáranse na Lei contra a Violencia no Deporte e na presunta "incitación á violencia" das bandeiras

Os membros de seguridade aludiron a ordes superiores para xustificar a súa acción, ao igual que os axentes de Policía, que incluso argumentaban que o símbolo que pretendía introducir os afeccionados non era do Deportivo. En ambos os dous casos, ampáranse na interpretación do Real Decreto 203/2010 do 26 de febreiro e que aproba o Regulamento de prevención da violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte. Segundo esta norma, pódese impedir o acceso ou a permanencia nun recinto deportivo a quen "introduza, exhiba ou elabore pancartas, bandeiras, símbolos ou outros que inciten á violencia ou ao terrorismo". No entanto, foron moitos os afeccionados branquiazuis que se preguntaron por que razón se promove o veto a bandeiras galegas e non a símbolos preoconstitucionais ou pronazis que se ven acotío en varios campos do Estado.

Afeccionados do Obradoiro e do Celta tamén sufriron o veto ás 'estreleiras'

A normativa vixente foi o mesmo argumento que se aludiu no Santiago Bernabéu para requisarlles bandeiras nacionalistas galegas a afeccionados celestes que acudiran animar o seu equipo nunha das súas últimas visitas a Madrid. Nese mesmo estadio fora multado o pasado mes de decembro un seareiro do Barcelona con 3.001 euros por introducir unha estelada (bandeira independentista catalá). Daquela, o propio Ministerio de Interior recoñecera que estas bandeiras non constituían "ningún tipo de infracción" da Lei contra a Violencia no Deporte, pero aclaraba que poderían ser confiscadas se a autoridade policial presente no recinto deportivo considera que supoñen un risco de alteración de orde pública.

A ameaza dunha multa semellante foi a que tamén denunciou un seareiro do Obradoiro ao que se lle esixía retirar unha bandeira nacionalista galega da bancada do Multitusos Fontes do Sar, un veto á estreleira que se repetiu en varios partidos e que provocara incluso a protesta pública do grupo municipal do BNG.

A resposta dos afeccionados deportivistas tampouco se fixo agardar desta vez. Nas redes sociais anímase os seareiros a acudir o vindeiro domingo ao estadio de Riazor con bandeiras galegas e mesmo na web change.org creouse unha petición dirixida ao Valedor do Pobo na que se pide que "cese o veto ás bandeiras galegas".

Bandeiras nacionalistas nun partido da selección galega Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.