180 euros por ver no Obradoiro o remate da Vuelta

A directora de Turismo, ex edís de Santiago, Louzán e Calvo, na presentación da Vuelta © Xunta

O vindeiro 14 de setembro a Vuelta Ciclista a España celebrará a súa tirada final en Compostela. Será unha contrarreloxo que se desenvolverá na derradeira das cinco xornadas nas que a rolda ciclista española transitará por territorio galego como mostra da "forte aposta" da Xunta por este evento deportivo. Co equipo ciclista galego abandonado no esquecemento e mentres a Xunta segue a ocultarlle ao Parlamento canto gastou na edición anterior da carreira administracións públicas como as deputacións da Coruña e Pontevedra xa amosan con entusiasmo o que está por vir e, pola súa banda, a empresa propietaria da Vuelta, Unipublic, prepárase para facer caixa en plena Praza do Obradoiro.

Cun perfil centrado no turismo e co deporte como asunto colateral Unipublic oferta varias posibilidades para seguir o desenvolvemento da tirada compostelá da carreira tanto nun local hostaleiro habilitado especificamente como nun espazo público que ese día tornará privado. "Veña celebrar os últimos quilómetros desta carreira mítica cos corredores en espazos idealmente localizado se adaptados á súas necesidades", anima Unipublic nun documento promocional que detalla polo miúdo varias posibilidades, entre elas a de ver a carreira nunha carpa ubicada no Obradoiro por uns 180 euros.

Unipublic ofrece un "espazo privado na chegada da derradeira tirada da Vuelta" nunha parte da Praza do Obradoiro, ante o Pazo de Raxoi

A denominada "zona VIP" estará enclavada nun lugar que ordinariamente é público, xusto diante da parte do Pazo de Raxoi que é sede da Presidencia da Xunta e doutros servizos do Goberno galego. Pero o que é público pasa a ser un "espazo privado na chegada da derradeira tirada da Vuelta", unha "carpa VIP con terraza na liña de meta" dende a que gozar dunha "vista ao podio" no "corazón da carreira". Quen acuda alí disporá de "seguimento ao vivo da carreira en pantalla de plasma" e, ademais, de "catering" e "barra libre" por 150 euros máis IVE, isto é, algo máis de 180.

Os outros dous locais ofertados por Unipublic ubícanse no interior do Hostal dos Reis Católicos, pertencente á rede de Paradores Nacionales. O primeiro deles, denominado La Roja, inclúe "barra libre toda a tarde", "agasallo exclusivo", acceso "exclusivo" a unha "zona protocolaria" e seguimento da liña de meta dende os balcóns do edificio. Cando remate o espectáculo ofrecerase unha "cea gastronómica". Total, 3.500 euros máis IVE por cada mesa de 10 persoas. Tamén haberá "barra libre toda a tarde" e "agasallo exclusivo" no espazo denominado Obradoiro, no andar baixo do Hostal, neste caso por algo menos de 270 euros por persoa.

165.000 euros públicos para o anuncio de 2013

Este evento privado sería imposible sen o soporte loxístico e económico das administracións públicas, cuxo custe para o erario neste 2014 aínda é descoñecido. En 2013, cando a carreira comezou sobre unha batea da ría de Arousa, a Xunta evitou revelar cantos cartos puxera aínda que, como informou Praza, achegou cando menos 165.289,26 euros a través da Axencia Turismo de Galicia. Esta achega económica produciuse a través do contrato do "servizo de promoción do turismo galego en xeral a través do patrocinio da Vuelta Ciclista a España 2013", que consistía na realización dun "spot promocional da Vuelta en TVE". A adxudicataria do servizo foi, precisamente, Unipublic.

A Xunta defende a Vuelta como "o mellor escaparate deportivo, cultural e económico de Galicia"

O Executivo autonómico xustifica o seu apoio á Vuelta por ser "un evento deportivo do máximo nivel no que se conxuga o deporte coa promoción turística". Segundo a versión gobernamental en 2013 a carreira ciclista foi "o mellor escaparate deportivo, cultural e económico de Galicia" grazas ás "retransmisións deportivas que encheron as pantallas de varios países do mundo". A saída dende unha batea, afirman, "integrou a esencia de Galicia polo mar, a cultura mariñeira e a boa comida".

Recorte da promoción de Unipublic © Unipublic

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.