En liberdade os Riazor Blues detidos pola pelexa que acabou co asasinato de Jimmy

Pancarta en recordo do ultra asasinado CC-BY-SA Praza Pública

17 membros dos Riazor Blues detidos na mañá deste xoves na Coruña quedaron en liberdade ás poucas horas tras ser interrogados pola policía. Os arrestos forman parte da operación Neptuno pola que se detiveron xa esta semana en Madrid e en Asturias 41 ultras, a maioría do Frente Atlético, pola súa participación na liorta do pasado 30 de novembro nas inmediacións do estadio Vicente Calderón e que rematou co asasinato do seareiro deportivista Francisco Javier Romero Taboada, Jimmy.

Os ultras do Deportivo son acusados de "rifa tumultuaria" por participar na pelexa que acabou co asasinato de Jimmy

Neste caso, os ultras do Deportivo arrestados están acusados, na súa maioría, de "rifa tumultuaria" por ter participado na pelexa, ao igual que os outros 41, aínda que a moitos destes -e pode que a algún seareiro galego- engádeselles o delito de tenza ilícita de armas ou obxectos perigosos. En total, son máis de 60 xa os detidos nesta operación Neptuno, mentres que 21 persoas xa foran arrestadas no mesmo día da liorta e quedaron logo en liberdade con cargos.

A maioría dos Riazor Blues detidos acolléronse ao seu dereito a non declarar. A policía, desprazada desde Madrid, preguntou aos ultras detalles da viaxe que os levou a Madrid, se coñecían o home asasinado ou se sabían como foi a agresión que lle causou a morte. Tamén trataron de descubrir se a pelexa fora pactada, coma se dixo nun principio, unha afirmación da que non hai proba ningunha polo momento.

Ademais, entre as persoas arrestadas o pasado mércores en Madrid e Asturias hai tres que serían varias das supostas autoras materiais da agresión que matou o seareiro galego. Un dos presuntos asasinos do afeccionado branquiazul é un taxista da localidade de Parla, casado e con dous fillos que tivo pasado no Exército, concretamente na Brigada de Paracaidistas (Bripac), e que fora multado por agredir dous xornalistas hai xa uns anos. Outros dous arrestados na rexión madrileña tamén terían participado na malleira mortal que causou a morte de Jimmy, que foi tirado ao río Manzanares logo de recibir numerosos golpes.

Tres dos detidos en Madrid esta semana foron acusados de homicidio

No mesmo mércores tamén foron detidos catro homes en Xixón, membros dos Ultra Boys, peña do Sporting, e arrestados pola súa suposta participación na liorta. Entre eles, outro ex militar de Langreo que segundo a televisión pública asturiana tamen podería ter participado no asasinato do seareiro galego. É un home de 27 anos con vículos con grupos da extrema dereita, tanto no Principado coma no Estado.

Entre o resto de detidos tamén hai un militar en activo da Unidade de Emerxencias e outro axente da Garda Civil en Rivas. Ademais, e segundo fontes ás que tivo acceso Praza, hai sospeitas de que máis membros ou ex membros de forzas de seguridade participasen na liorta. Nos arrestados en Madrid hai menores de idade, unha muller e persoas de todo tipo de clase e condición, desde parados ata profesionais, e desde homes de 47 anos a rapaces de menos de 18. A todos eles impútansenlles delitos de tenza ilícita de armas ou obxectos perigosos e rifa tumultuaria, mentres que os presuntos asasinos serían acusados de homicidio.

Entre os arrestados hai dous ex militares, un membro do Exército en activo e un garda civil

As investigacións policiais comezaron a dar os seus froitos máis de quince días máis tarde dunha pelexa que acabou o 30 de novembro con 21 detidos -16 dos Riazor Blues, 4 do Frente Atlético, ademais doutra persoa-, case un cento de retidos e tamén varios feridos. Aínda que hai versións contraditorias, ningún dato demostrou aínda que a liorta fose pactada -tal e como se dixo nun principio- nin que houbese unha quedada previa a través de mensaxes ou redes sociais. Os Riazor Blues seguen a defender que foi unha "emboscada neonazi" por medio dun grupo que ía armado con paus e barras metálicas. A investigación parece insistir agora nesa teoría de que os ultras atléticos agardaban os afeccionados galegos para atacalos con elevada violencia. Todos os feridos por arma branca pertencían á peña deportivista.

A operación Neptuno -desenvolvida pola Brigada de Información de Madrid coa axuda dunha unidade de antidisturbios- seguiu a pista dos supostos agresores grazas ás gravacións das cámaras da zona onde se produciu a liorta e tamén a través dos teléfonos móbiles. Inténtase aclarar quen foron os autores materiais do violento asasinato sufrido polo seareiro deportivista, golpeado para logo ser lanzado ao río Manzanares, onde agonizou durante uns vinte minutos para morrer tan só poucas horas despois. Esta tan só será a primeira fase da operación, que se ampliará nos vindeiros días a outra na que podería producirse detencións de cidadáns estranxeiros, segundo adiantou a Cadena Ser.

A investigación céntrase na posibilidade de que os ultras atléticos estivesen esperando os deportivistas para atacalos

O asasinato do afeccionado galego causou tamén unha importante polémica, ao culpar Interior o Deportivo de erros de seguridade, malia que recoñeceu -e logo tamén se demostrou- que o club e a policía da Coruña avisaran a Madrid da presenza dos Riazor Blues esa mañá en Madrid. Nunha comparecencia no Congreso, o Goberno acusaou a entidade de non dar información "precisa" sobre o desprazamento dos ultras e destituíu os coordinadores de seguridade da entidade galega e do Atlético. A oposición recriminara a actuación do Executivo e lembráralle que tiña suficientes datos como para actuar antes, ao igual que sindicatos policiais en Galicia, que defenderon a actuación dos axentes e criticaron a da capital do Estado. De feito, o partido non foi declarado de alto risco, o que tería multiplicado por dez a presenza policial, nin as forzas de seguridade estaban presente nas inmediacións da pelexa, a pesar de que recoñecen que sabían que varios membros do Frente Atlético quedaran para almorzar ás sete da mañá.

Ademais, as medidas levadas a cabo polo Deportivo -presionado tamén pola Liga de Fútbol Profesional e o propio Executivo central- provocaron tamén unha importante polémica en Riazor, así como a fractura social do deportivismo. Unha parte da bancada criticou con dureza o peche da bancada onde adoitan situarse os Riazor Blues xunto a outros varios milleiros de persoas, así como que a entidade asuma as intencións das altas instancias gobernamentais e deportivas, que lle reclaman que o grupo ultra do Deportivo non volva ter presenza no estadio. O exceso de celo á hora de controlar os símbolos que se pasan nos estadios provocou que na Coruña, ademais de simboloxía dos ultras, tamén se retirasen bandeiras nacionalistas galegas ou bufandas coa inscrición Galiza.

Imaxe tirada dunha gravación dos feitos CC-BY-SA El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.