Tan só dous clubes galegos se unen á campaña #LaLigaArcoiris

A iniciativa insta xogadores e xogadoras a usar cordóns coas cores do arco da vella © FELGTB

A Federación Estatal de Lesbianas, Gays, Transexuales e Bisexuales (FELGTB) lanzou hai unhas semanas a campaña #LaLigaArcoIris, con motivo da celebración, o 19 de febreiro, do Día contra a LGTBfobia no deporte (en homenaxe a Justin Fashanu). A proposta consistía en que na xornada que se xoga esta fin de semana, entre este venres e o domingo, os xogadores e xogadoras empregasen nas súas botas cordóns coas cores do arco da vella. 

O convite foilles lanzado aos xogadores, xogadoras e tamén a clubes e persoal técnico, na procura do seu apoio, e tamén ás afeccións, co obxectivo de loitar contra a homofobia no deporte, buscando "establecer os estadios, os vestiarios e as gradas como espazos libres de violencia ou discriminación contra a diversidade sexual". A iniciativa facíase extensible a outros deportes, pero empregou o fútbol como punta de lanza pola súa importancia e visibilidade social. "O fútbol é en si mesmo un medio de comunicación de masas que pode servir de altofalante para reivindicar a liberdade e a igualdade, o respecto, a integración e en definitiva os valores que promulga o preámbulo da Lei do Deporte aprobada en 2007", destacaba a FELGTB.

En Galicia polo de agora só dous clubes anunciaron o seu apoio oficial a #LaLigaArcoIris: a Unión Deportiva Ourense e o Cidade das Burgas Fútbol Sala

A campaña xa tivera un precedente no Reino Unido, impulsada por Stonewall UK e apoiada por numerosos equipos e xogadores encabezados polo Arsenal e o Manchester City. Recolleu tamén en España un seguimento relativamente alto, tendo en conta a dificultade amosada ata agora polo fútbol profesional para visibilizar este tipo de demandas. Así, o Rayo Vallecano foi o primeiro clube en apoialo oficialmente, e o Málaga anunciouno este venres; tamén o fixeron Raúl Jiménez e Saúl, xogadores do Atlético de Madrid, e Jona, do Getafe. Na Segunda División, Ponferradina, Leganés e Racing de Santander tamén apoian a iniciativa, o mesmo que o Cádiz, o Murcia, o Hércules ou o Guadalajara, en Segunda B. Valencia, Athlétic de Bilbao ou Llagostera debaten facelo e poderían confirmar este venres a súa adhesión.

Porén, en Galicia polo de agora só dous clubes anunciaron o seu apoio oficial a #LaLigaArcoIris: a Unión Deportiva Ourense (que milita na Terceira autonómica tras a súa refundación) e o Cidade das Burgas Fútbol Sala (da Primeira División do fútbol-sala feminino). Os xogadores da UD Ourense locerán os cordóns ante o Arcos carballiñés e as xogadoras do Cidade das Burgas no seu partido ante o Universidade de Alicante. Tamén o fará Queco Piña, porteiro galego do Leganés, que xa difundiu nas redes sociais unha foto cos cordóns. Outros equipos galegos recibiron a proposta, ben oficialmente, ben a través das redes sociais, pero polo de agora non respoderon ao convite. De feito, A.L.A.S Coruña fixo pública a solicitude realizada ao Deportivo, que este sábado xoga o derbi galego ante o Celta.

Teresa Peramato: "No ámbito do deporte ocúltase a homosexualidade porque existe un rexeitamento por parte dos clubes e por parte das afeccións, o que leva a un retraemento a que as persoas homosexuais recoñezan en público a súa orientación"

Teresa Peramato, Fiscal adscrita á Fiscal da Sala contra a Violencia da Muller e que vén de publicar o libro Desigualdad por razón de identidad sexual e identidad de género, homofobia e transfobia destacaba nunha entrevista concedida a Praza hai uns meses que o deporte, xunto co Exército, é un dos ámbitos nos que aínda resta moito por facer para acabar coas actuais situacións de desigualdade e discriminación. "No ámbito do deporte ocúltase a homosexualidade porque existe un rexeitamento por parte dos clubes e por parte das afeccións, o que leva a un retraemento a que as persoas homosexuais recoñezan en público a súa orientación. O deporte é, en resumo, un campo no que debemos seguir loitando para que estas persoas poidan competir a nivel de elite e a nivel de base cunha absoluta igualdade", sinalaba.

Paco Jémez, adestrador do Rayo Vallecano e ex xogador do Deportivo, denunciou hai dous anos que “o mundo do fútbol non está preparado para aceptar que un futbolista saia do armario”

Paco Jémez, adestrador do Rayo Vallecano e ex xogador do Deportivo, un dos primeiros grandes nomes en unirse a esta campaña, denunciou hai dous anos que “o mundo do fútbol non está preparado para aceptar que un futbolista saia do armario”. A este respecto, Rubén López, responsable de Deportes da FELGTB, subliñou que "claramente non se lle pode pedir a un rapaz que oculte a súa orientación ou que se retire; o que ten que cambiar é a contorna e niso viñemos traballando. Os xogadores poden usar algo tan sinxelo como uns cordóns para dicir que eles apostan pola diversidade, e aos poucos iremos vendo como a homofobia se desterra dos estadios para que a igualdade gañe a batalla".

 

  • Actualización: Na tarde do venres 20 o Dépor anunciou que se unía á campaña, polo que os seus xogadores locerán os cordóns reivindicativos no derbi galego ante o Celta. Tamén se sumaron outros clubesde Primeira, como Espanyol, Almería ou Córdoba.
Os dous clubes ourensáns uníronse á campaña Dominio Público Praza Pública
A iniciativa insta xogadores e xogadoras a usar cordóns coas cores do arco da vella © FELGTB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.