O #derbidomiño garante outro derbi galego en ACB 14 anos despois

O Breogán celebra a súa vitoria en Valladolid © CBBreogán

Hai xa máis de 14 anos, COB Ourense e Breogán disputaron o último derbi galego en ACB. Foi no mes de marzo de 2001 cando o conxunto lucense e o ourensán se enfrontaron no último encontro de rivalidade da máxima categoría do baloncesto estatal. Precisamente, estes dous mesmos equipos veranse as caras a partir do vindeiro venres na final da LEB Ouro ao mellor de cinco partidos. Un novo #derbidomiño do que sairá o club que acompañará o Obradoiro na elite do básquet a vindeira tempada. Dous representantes de Galicia case quince anos despois. 

COB e Breogán disputaron hai máis de 14 anos o último derbi galego en ACB

Logo de que o COB arranxase a súa eliminatoria contra o Lleida, foi este pasado domingo cando o Breogán puxo o 3-1 na eliminatoria contra o Valladolid e colleu billete para unha final galega que arrancará o vindeiro venres 22 de maio no pazo Paco Paz da cidade das Burgas. Repetirase o domingo 24 no mesmo escenario e a serie viaxará a Lugo para disputar o terceiro partido o venres 29. No caso de ser necesario, o cuarto sería o domingo 31 tamén na capital lucense, mentres ante un hipotético empate a dous, o quinto e definitivo enfrontamento sería o martes 2 de xuño de volta en Ourense. 

Ourense e Breogán pagaron xa o canon da ACB, polo que as esixencias económicas serían menores ás doutros conxuntos

Malia que a ACB semella un couto privado nos últimos anos -o Burgos perdeu nos despachos varios ascensos conseguidos na cancha-, o feito de que Breogán e COB, que xa militaron nesta categoría, teñan pagado xa o canon esixido parece facilitar as cousas. Terían que abonar, iso si, o denominado fondo de ascenso e descenso, así como a cantidade necesaria para actualizar o devandito canon. En total, e malia que non hai cifras oficiais, entre os 2 e 2,5 millóns dependendo do equipo que logre o ascenso. Os atrancos económicos, xa que logo, serían menores para os conxuntos galegos, aínda que exixentes, sobre todo nestas épocas de crise actuais. 

Sexa como for, o primeiro é na cancha. O último derbi entre estes dous equipos foi o pasado 21 de marzo en Ourense, con vitoria do Breogán. Fora un derbi exemplar. As contas de Twitter de ambos os dous equipos botaron fume durante a semana previa a este partido histórico. E non botaron fume para quentar o ambiente ou excederse coas súas palabras, senón para usar a retranca máis galega e o saber estar para promover un enfrontamento en harmonía.

Ambos os dous clubs manteñen o impulso á deportividade e por un derbi fraternal nas súas redes sociais

Responderon os clubs e responderon as afeccións, con actos de irmandade entre as peñas que incluíron partidos de baloncesto no que os xogadores dos equipos cambiaron de rol. Da cancha á bancada para animar aos seus. Aos seus que desta vez non estaban berrando nas bancadas, senón sentíndose xogadores por un día.

"Con ter contentas ás afeccións e que o derbi sexa a festa que debe ser, creo que o Breogán e máis nós nos damos por satisfeitos", dicía o COB Ourense na súa rede social poucas horas antes do partido deste sábado, que comezou co himno galego. "Boas noites dende Lucus Augusti.  Aquí tamén soñaremos co #derbidomiño e con repetilo moi pronto en ACB", desexoulle o equipo lucense ao ourensán na véspera do enfrontamento. Un exemplo de convivencia e de derbi que se repetiu este domingo. 

"Xa temos rival, serán os nosos amigos do Breogán, ¡Noraboa! #ODerbiDoMiño xa é unha final!", dicía o COB desde a súa conta de Twitter. "Boas COB! Listos para dúas semanas inesquecibles de basquet no Miño? Vivamos algo histórico!!", respondía o equipo lucense. Case ao tempo, o Obradoiro daba os parabéns aos dous clubs. "Sorte a ambos!", díxolles. Todo no Día das Letras Galegas. 

O COB impúxose ao Lleida © COB Ourense
O Breogán celebra a súa vitoria en Valladolid © CBBreogán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.