As dúbidas arrodean o asasinato do afeccionado do Deportivo

Imaxe tirada dunha gravación dos feitos CC-BY-SA El Diario

Un asasinado, 21 detidos e preto de 100 identificados. Ese foi o tráxico resultado da liorta acontecida este domingo tres horas antes do inicio do partido de fútbol entre o Atlético e o Deportivo en Madrid. Unhas duascentas persoas enfrontadas a plena luz do día nun partido que foi declarado "de baixo risco", o que provocou que o dispositivo policial non fose o doutras moitas ocasións en espectáculos deportivos. As primeiras versións dos feitos falaban dunha quedada, unha pelexa pactada con data e hora. Non obstante, o atestado policial ao que tiveron acceso varios medios non confirma para nada esta teoría. Si se fala de incitacións entre membros de Riazor Blues e do Frente Atlético, pero non dun acordo pactado para se bater, algo que ambos os dous grupos si fixeron noutras ocasións en pelexas con outras agrupacións ultras.

O atestado policial non fala dunha pelexa pactada entre os dous grupos ultras, tal e como se dixera nun principio

Fontes do grupo ultra do Deportivo insisten en que non houbo quedada ningunha e falta por ver se esas supostas incitacións e desafíos a través de mensaxes telefónicas ou redes sociais eran coñecidas por todos os que viaxaron desde A Coruña durante a noite. Desde a agrupación radical coruñesa insístese na teoría da emboscada e fálase de que foron sorprendidos con obxectos contundentes e armas brancas que portaban os ultras do Atlético de Madrid.

Unha testemuña dos feitos declarou á TVG que "aos cinco minutos de baixar apareceron 200". "Non foi unha liorta, foi unha emboscada", "eses asasinos case nos matan", sinalou a través de mensaxes -a Policía impediulle, nese momento, falar por teléfono-, nas que tamén afirmou que os membros do Frente Atlético, de tendencia neonazi, levaban "puñais", "barras de ferro" ou "coitelos". "A Policía tardou moito e os que caían polo camiño, pateábanos". "Se non corremos, matan a máis dun", lamenta, ademais de testemuñar que "ao que está grave, aínda por riba, tirárono ao río".

A policía sabía de que ultras neonazis do Atlético quedaran para almorzar, pero non lle deron importancia

Pero hai preguntas difíciles de contestar e situacións complicadas de entender. A policía sabía que os radicais neonazis do Atlético quedaran para almorzar moi cedo, algo ao que non se lle deu importancia. Por que non houbo un seguimento destes ultras? Como puideron xuntarse e preparar a liorta sen que ninguén fixese nada? Ademais, entre os máis de vinte detidos non hai ningún dos autores materiais da malleira que recibiu o asasinado, segundo lle confirmaron fontes policiais á Cadena Ser. Entre eses 21, 12 pertencen aos Riazor Blues, seis ao Frente Atlético, dous aos Bukaneros do Rayo e outro, afeccionado do Alcorcón, segundo di o Goberno central.

Tamén hai cuestións sen resolver no lado dos Riazor Blues. A delegada do Goberno en Madrid, Cristina Cifuentes, asegura que a policía ignoraba que viaxarían ata a capital de España e argumentan que alugaron os buses en Lugo, non na Coruña, e que incluso empregaron un coche lanzadeira á chegada á cidade para comprobar que non había control ningún por parte das forzas de seguridade. Tino Fernández, presidente do Deportivo, asegurou pola contra que avisara ás forzas de seguridade do desprazamento dun autocar de ultras coruñeses, algo que corroborou o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, que di que se deu "a información pertinente" á policía sobre o desprazamento.

Segundo os axentes, entre os detidos hai un ultra do Alcorcón e outros dous dos Bukaneros, grupo do Rayo Vallecano, que nega ter participado nos feitos. O caso é saber se si houbo membros que a título persoal decidiron acudir xunto aos deportivistas ao estadio Vicente Calderón. Pero para que? Era só un acompañamento ou agardaban algún incidente?

O Goberno di que a policía non sabía que os Blues viaxaban a Madrid, polo que entraron na cidade sen escolta policial

O feito de que o partido fose declarado "de baixo risco" reduciu, e moito, o despregamento policial e impediu que os buses dos ultras deportivistas foran escoltados desde varios quilómetros antes da chegada ao destino, como acontece en tantos partidos, como por exemplo nos derbis galegos entre Deportivo e Celta. De entre 1.000 e 1.500 axentes que hai nun encontro de alto risco aos 200 que había este domingo nas inmediacións do Vicente Calderón e que nin tan sequera estaban presentes no momento da brutal liorta.

"Non existían elementos de indicio de risco. Non había antecedentes de enfrontamentos entre estes clubs nos últimos seis anos, tampouco políticos; non había elementos indicativos de risco nin en redes sociais nin nada", dixo na mañá deste luns Francisco Martínez, secretario de Estado de Seguridade, que compareceu xunto a Miguel Cardenal, secretario de Estado de Deporte, logo dunha reunión da Comisión Antiviolencia. Ademais, advertiu que se vén de abrir "unha liña de investigación sobre unhas entradas que se distribuíron por unha canle descoñecida".

Segundo algúns medios, houbo cen entradas que o Atlético cedeu á Coruña e que acabaron na Federación de Peñas do Deportivo, que llas fixo chegar a un dos ultras que está detido e que sería o que as tería repartido, aínda que nada diso foi confirmado, nin moito menos, pola entidade branquiazul nin polo colectivo de peñas.

A investigación policial segue aberta e xa houbo orde xudicial que permitiu comprobar as conversas mantidas por whatssap por estes ultras. Non se descartan novas detencións e este mesmo luns agárdase coñecer os resultados da autopsia do seguidor asasinado por radicais neonazis do Frente Atlético. Trátase de Francisco Javier Romero Taboada, Jimmy, de 43 anos, pai de dous fillos e integrante da sección Los Suaves dos Riazor Blues, unha das máis radicais e vinculada a anteriores episodios violentos, como os acontecidos en San Lázaro hai once anos que acabaron coa morte do afeccionados branquiazul Manuel Ríos.

Francisco Javier Romero faleceu, segundo a autopsia, logo de sufrir un "traumatismo cranioencefálico con hemorraxia interna e estalido de bazo producido posiblemente con barra de ferro de 2,5 centímetros aproximadamente".

Os Riazor Blues participaron en varias pelexas nos últimos anos con outros grupos ultras do Estado

 

Liortas nos últimos anos

O de onte foi unha liorta máis das varias que ultimamente protagonizaron varios grupos ultras en todo o Estado, tamén os Riazor Blues, que non hai moito enfrontáronse a radicais do Valencia, tamén pola mañá cedo, en pleno paseo marítimo da Coruña. Na tempada pasada, e tamén a primeiras horas da mañá, a liorta foi con ultras radicais do Sporting de Gijón e hai tempo cos do Zaragoza e cos do Racing de Santander. Na maioría das ocasións, e exceptuando as pelexas mantidas cos Celtarras, os disturbios adoitan ter lugar con grupos de ideoloxía política claramente contraria. Os ultras deportivistas defínense como antifascistas e manteñen desde hai tempo altercados con grupos neonazis ou de ultradereita, motivo polo cal manteñen amizade con agrupacións de esquerdas do Rayo Vallecano, do Sevilla ou do Osasuna.

A mesma agrupación ultra que non hai moito organizou e colaborou cunha recollida de produtos para o banco de alimentos ou que participa agora nunha campaña para conseguir xoguetes para as familias máis desfavorecidas mantén no seu interior un grupo de seareiros violentos implicados en numerosas liortas ou altercados. Desta vez, sorprendidos segundo eles polo Frente Atlético, bateron cun grupo radical neonazi, que hai 16 anos asasinou o afeccionado vasco da Real Sociedad, Aitor Zabaleta, e que adoita celebrar cos seus cánticos ese asasinato.

As queixas que chegan desde os ultras deportivistas, moitos deles conscientes da deriva violenta dalgúns dos seus membros, é que todas as versións dos feitos xiren arredor das súas verdadeiras intencións e do que aconteceu coa súa agrupación e non con todas as circunstancias que arrodean o grupo que acabou coa vida de Francisco Javier Romero.

BNG e Anova critican a actuación "tibia" da policía neste caso e contrástano con "amplos operativos" noutros casos

O BNG da Coruña condenou o "lamentábel asasinato do afeccionado do Deportivo" e criticou que non fose suspendido o partido. Tamén denunciou que o encontro non fose declarado de alto risco, "malia ser a inchada ultra do Atlético moi violenta" e cuestionou as actuacións das forzas de seguridade da policía nacional, á que acusan de "moi tibia para evitar enfrontamentos como os que tiveron lugar en Madrid". Anova, pola súa banda, tamén condenou o asasinato e pediu "responsabilidades políticas". O deputado Antón Sánchez rexistrou unha iniciativa parlamentaria na que denuncia como "os amplos operativos policiais para executar desafiuzamentos ou controlar as Marchas da Dignidade contrastan coa inoperancia cometida neste caso".

Ademais, o PSOE solicitou no Congreso dos Deputados as comparecencias do ministro do Interior e do director da policía para que expliquen o acontecido. "Foi a crónica dun enfrontamento anunciado", din os socialistas.

Imaxe do asasinado difundida nas redes sociais Dominio Público Praza Pública
Imaxe tirada dunha gravación dos feitos CC-BY-SA El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.