Estadio Municipal "Verónica Boquete" de San Lázaro. A ata agora mellor futbolista galega de todos os tempos dará nome ao estadio compostelán por acordo unánime dos catro grupos da corporación municipal da capital galega. Así o ratificou este xoves a Comisión de Condecoracións do Concello, paso previo a que o pleno municipal a aprobe de vez co apoio do grupo de goberno (Compostela Aberta) e mais do PP, o PSdeG e o BNG.
"É unha referencia para o fútbol base de Compostela, especialmente para o fútbol feminino, que leva tempo a loitar para ter o mesmo recoñecemento e visibilidade que o masculino"
A concelleira santiaguesa de deportes, Noa Morales, confirmou xunto a María Corral (PP), Milagros Castro (PSdeG) e Goretti Sanmartín (BNG) a dupla intención desta homenaxe á futbolista galega, nada na cidade e actualmente membro do plantel do Beijing PG Phoenix, da Superliga chinesa. Recoñécena polos seus múltiples méritos deportivos, mais tamén por ser "un exemplo de deportividade e motivación para a infancia", moi especialmente para as nenas.
"É unha referencia para o fútbol base de Compostela, especialmente para o fútbol feminino, que leva tempo a loitar para ter o mesmo recoñecemento e visibilidade que o masculino", agrega Morales. Os catro grupos da corporación consideran que este é "o mellor xeito de recoñecer" oficialmente "a impresionante traxectoria profesional da futbolista compostelá" e "a súa influencia positiva na sociedade", así como "a súa gran implicación na nosa cidade co fútbol base", eido no que desenvolve diferentes actividades, como un campus para nenos e nenas.
Noa Morales (Compostela Aberta), Goretti Sanmartín (BNG), María Corral (PP) e Milagros Otero (PSdeG), anunciando o recoñecemento a Verónica Boquete / Concello de Santiago
Boquete: "Estou moi feliz, encantada de que leve o meu nome un estadio que para min é moi especial"
Verónica Boquete recibiu a distinción do Concello de Santiago con obvia satisfacción. En declaracións á Radio Galega, Boquete amosouse "orgullosa de poder formar parte da historia do fútbol" de Santiago e "moi feliz" por que a decisión estea apoiada pola unanimidade da corporación. "Estou encantada de que leve o meu nome un estadio que para min é moi especial", xa que "alí crecín vendo o fútbol". A SD Compostela, que xoga os seus partidos como local no estadio, tamén aplaudiu a iniciativa e ve "un orgullo poder xogar" nun campo co seu nome. "Merecido recoñecemento á mellor futbolista da historia do país e un emblema para a nosa cidade", considerou o club.
A xogadora galega, a piques de partir cara a Uruguai para colaborar coa FIFA no marco do Mundial sub-17, ten aínda por decidir se continuará ou non a disputar a liga chinesa a vindeira temporada ou se opta por un novo destino. Antes de militar no Beijing PG Verónica Boquete pasou por clubs como o Paris Saint-Germain, onde logrou o subcampionato da Champions, torneo onde xa se impuxera en 2015, cando xogaba no Fráncfort, equipo ao que chegara procedente do Tyresö sueco.
¡Emocionada, orgullosa, feliz e sobretodo agradecida! Que o Estadio de San Lázaro pase a levalo meu nome é o maior recoñecemento posible e a mostra mais grande de cariño. Na miña terra, da miña xente. ¡Infinitas grazas COMPOSTELA!
— Verónica Boquete (@VeroBoquete) 8 de novembro de 2018