David Lombao

Unha ducia de logos e marcas de antes

Están entre nós todo o tempo e identifican dende institucións a empresas públicas e privadas ou produtos comerciais. Unhas ficaron na memoria para sempre e outras pasaron desapercibidas. Sobre algunhas, mesmo custa decatarse de que xa son historia.

  1. 01

    O X da Xunta

    Durante máis de dúas décadas este logotipo, tan do seu tempo, foi sinónimo do Goberno galego. Máis dunha década despois da súa remuda polo actual aínda está espallado en múltiples puntos do país por obras, edificios oficiais e demais equipamentos. Na imaxe, presidía con todos os seus píxeles a primeira versión do sitio web da Xunta, estreado en 1996.

  2. 02

    Os de PP, PSdeG e BNG

    Os logotipos dos partidos políticos tamén evolucionaron cos anos. O PP comezou combinando azul e vermello e, inicialmente, a súa gaivota voaba cara á esquerda, aínda que axiña a mudou pola dereita. O PSOE, e tamén o PSdeG, mantiveron durante anos o puño e mais a rosa. O BNG é o que conserva o seu logotipo dende hai máis tempo, aínda que nos primeiros anos utilizaba unha identidade gráfica diferente, caso por exemplo desta de finais dos 80.

  3. 03

    A TVG

    Ata a década pasada a TVG mantivo, con variacións, o seu logotipo dos 80, no que uns oitenteiros T e G eran sobrevoados por un V no que houbo, nalgunhas épocas, quen viu semellanzas cunha gaivota. O primeiro foi o do panel da imaxe, actualmente amosado nunha exposición na Cidade da Cultura

  4. 04

    The Facebook

    No seu nacemento a popular rede social levaba diante o 'The' e a súa identidade corporativa estaba formada tamén polo rostro dun enigmático home cuberto por un código binario. 

  5. 05

    Continente

    Algúns dos primeiros hipermercados instalados en territorio galego foron os Continente, que tras a fusión con Pryca remataron nos actuais Carrefour

  6. 06

    Simago

    Outra das marcas pioneiras nas grandes superficies comerciais. En 1997 foi mercada por Continente, que os converteu en Champion e despois, en Carrefour.

  7. 07

    O Xacobeo

    Na súa estrea o Xacobeo, ademais do xa mítico Pelegrín, lanzou un logotipo que imitaba un caxato e unha cabaza de peregrino.

  8. 09

    O do Banco Pastor

    Segundo transcendeu nas últimas horas, o Pastor está a piques de perder a súa identidade corporativa, que ficará diluída no redeseño da do Banco Popular, ao que pertence.

  9. 10

    TVE

    A identidade corporativa de Radio Televisión Española experimentou múltiples mudanzas ao longo da súa historia. En 2008 redeseñouna e homoxeneizouna. 

  10. 11

    Fenosa

    Como froito das sucesivas fusións e absorcións as antigas Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A., foron mudando tamén de marca. Unha da que máis tempo durou foi a do resultado con Unión Madrileña, a que mantiña antes da compra por parte de Gas Natural.

  11. 12

    Renfe

    A separación de Renfe e Adif trouxo consigo tamén a desaparición do histórico logotipo, coñecido como 'galleta', e o nacemento dunha nova identidade corporativa.