Héctor Anllo

Unha ducia de telelixo para facer país

Cando foi a última vez que viches a Galega? A que xa cansa ver aos mesmos de sempre? Pode haber máis telexornais ou series en bares? Se cadra un dos motivos do descenso no número de mozos e mozas galegofalantes nos últimos anos é a ausencia de contidos televisivos para o público máis novo. Aos novos gústanos Internet, os youtubers, as webseries os videoclips... e o telelixo. Porque si, miñas donas e meus señores, o telelixo tamén é cultura. A programación en galego para a xente nova queda reducida aos mesmos programas de sempre e a actuacións esporádicas de “popstars” no Luar. Moi 1990, verdade? Para ver se conseguimos entre todos (Ola, Xunta e CRTVG!) que os máis novos se interesen de novo polo galego, podemos empregar a G2 para montar unha especie de MTVG... Aí van algúns dos formatos:

  1. 01

    Quen quere levarmo da casa?

    Con tres pretendentes galegos nas catro edicións de ¿Quién quiere casarse con mi hijo?, queda demostrado que en Galicia hai moitas nais que están desexando que unha rapaza ou un rapaz lles saque ao fillo casadeiro da casa. A versión galega deste “dating show” servirá para buscarlles parella a cinco solteiras ou solteiros coa inestimable axuda das súas nais (ou pais, se é o caso). Seguro que atopamos unhas novas Mary e MJ que lles dan mil voltas ás orixinais!  

  2. 02

    Masterfarmer

    Se Masterchef serviu para darlle novos aires e popularidade á profesión de cociñeiro, por que non imos poder facer nós un talent show con agricultores galegos? En distintas semanas, os aspirantes a Masterfarmer terán que superar diversas probas para demostrar os seus coñecementos sobre a agricultura e a gandeiría para conseguir como premio unha explotación nova do trinque. Carreiras de tractores, ordeño a contrarreloxo, habilidades co fouciño e mailo sacho… O espectáculo está asegurado!

  3. 03

    Pesadelo no furancho

    Se hai algún lugar de hostalería típico en Galicia, ese é o furancho. A nosa xeografía está chea deles, aínda que non aparezan en Google Maps nin en Foursquare, mais todos sabemos onde atopar un de confianza. Nesta particular versión de “Pesadilla en la cocina”, un prestixioso chef galego encargarase de visitar algúns dos furanchos da nosa xeografía para poñelos a andar e mellorar o servizo que lle dan aos seus clientes. Que chef podería ser o noso particular Chicote? 

  4. 04

    Supergranny

    As avoas e avós galegos deberían ser Patrimonio da Humanidade, porque non hai ninguén coma eles. Daquela, a nosa particular versión de “Supernanny” non estará presentada por unha recoñecida psicóloga infantil. Nada diso! No noso programa será un avó ou avóa o encargado de darlles consellos e ensinarlles aos pais os trucos para que os máis pequenos da casa non lles dean tanto que facer, sen recorrer á contabilidade B que sabemos que todos os avós teñen cos seus netos. Sería algo así como un anuncio de Gadis versión extendida :P

  5. 05

    Así non saes da casa

    Cando foi a última vez que escoitache esta frase? Na versión galega de “How do I look?”, os concursantes serán sometidos a un cambio de look organizado por súa avoa, un amigo seu e mais un estilista profesional. Con estes tres estilismos escollidos polo peculiar xurado, mais un pouco de axuda de profesionais da estética e a cirurxía, o concursante terá que escoller o seu novo look que lle axude a esquecer a frase “Así non saes da casa” para sempre.

  6. 06

    Amancio, necesítote

    Se hai un home en Galicia que sabe como montar un imperio, ese é Amancio Ortega. Ao máis puro estilo “Tabatha, te necesito” neste docu reality Amancio tentará axudarlles a remontar coa súa experiencia e savoir faire a distintos empresarios galegos que ven como o seu pequeno negocio periga. Pelexas entre empregados, discusións entre xefes e copropietarios… A emoción está asegurada!

  7. 07

    Pimp my tractor

    Ou traducido: “Tunéame o tractor”. Así sería a versión galega de Pimp my ride, o programa da MTV no que un equipo de mecánicos liderados por Xzibit se encargaba de tunear os coches dos participantes.

    Un John Deere rosa que pega chimpos, un pascualín amarelo neón que pega chimpos apoiado nas súas rodas traseiras, un Lamborghini con tapizado de leopardo para ir ás festas… Un equipo de mecánicos galegos encargarase de facer realidade o desexo dos participantes de ter un tractor único que os convirta envexa de todos os veciños. De lelo a min xa me se me fixeron ganas dun Barreiros tuneado!

  8. 08

    Sanxen Shore

    Sanxenxo é unha das vilas galegas favoritas polos galegos para as súas vacacións de verán, e tamén especialmente polos turistas madrileños. Grazas ao seu clima, ás súas praias e á súa actividade nocturna, esta localidade pontevedresa perfilaríase como a nosa particular Gandía para esta nova franquía dos reality Shore que tantos éxitos (se lle podemos chamar así) lle deu á MTV. Durante varias semanas de verán, varios concursantes chegados de distintas partes de Galicia convivirán nun chalé de Sanxenxo mentras traballan nun chiringo de praia e trasnoitan polas rúas de Sanxenxo, Portonovo ou se achegan ás vilas veciñas para gozar das súas festas gastronómicas… ;) Afaríamonos a escoitar “nenos” e “nenas” en troques do “tetes” e “tetas”?

  9. 09

    Bois, xuvencas e viceversa

    Un dating show, pero esta vez para unha das poboacións máis esquecidas do noso país: as vacas. Nos distintos programas de “Bois, xuvencas e viceversa” iremos coñecendo as vidas dos nosos “tronistas” bois e vacas, que aspiran a coñecer ao amor da súa vida que manteña viva a xenética das tenreiras galegas nas novas xeracións. As citas gravaranse para ser emitidas nas distintas galas, aplicándolles censura segundo o horario de emisión :P

  10. 10

    Operación verbena

    En Galicia flípannos as orquestras. Moito. Por iso, catorce anos despois da primeira Operación Triunfo, e máis dun ano despois de Uno de los nuestros, estamos dispostos a crear de cero unha nova orquestra que compita directamente coa mesmísima Panorama a través dun talent show que non lle terá nada que envexar a un Factor X. Cada semana os concursantes revisarán os grandes xéneros musicais das verbenas (merengue, reggaetón, bachata, electrolatino…) en distintas galas que se celebrarán por vilas de toda Galicia, e nas que se irán escollendo os compoñentes da nosa Panorama reloaded. Atoparemos un bo sucesor para Lito?

  11. 11

    Ghlee

    Como sería unha típica serie americana en Galicia? En Ghlee coñeceremos a banda de gaitas e pandareteiras do Eixo Atlántico (por iso da gheada), que buscará un oco na batalla de bandas de gaitas dos institutos galegos con cancións actuais levadas ao son e aos instrumentos galegos para desbancar aos seus máximos rivais, anclados nas cancións máis tradicionais. Katy Perry, Lady Gaga, Ed Sheeran, Ariana Grande, Maroon 5… Conseguirán as versións a gaita e pandeireta dos éxitos das radiofórmulas conquistar ao xurado?

  12. 12

    Ponte|Puente

    Uns chámanlle ponte e outros chámanlle puente (e ás veces ponte, amén). Así sería a versión galaico-asturiana da tan famosa e aclamada serie sueco-danesa Bron|Broen, base xa de dous remakes en Estados Unidos/México e Reino Unido/Francia.

    Pelayo e Uxía son dous policías autonómicos de Asturias e Galicia que se atopan na escena dun tráxico asasinato cometido na Ponte dos Santos, xusto na fronteira entre Ribadeo e Castropol. Este suceso levaráos a comezar unha investigación que terá como obxectivo a procura e detención dun misterioso narco que se encarga de mover os marcos das fincas que andan entre Asturias e Galicia para restablecer o Antigo Reino de Asturias.