Sara Torreiro

Unha ducia de lemas electorais senlleiros

A precampaña municipal está ao lado. Os partidos e plataformas afían o enxeño para os seus eslógans electorais. Xa dicía Aldous Huxley que a eficacia dunha propaganda política depende esencialmente dos métodos empregados e non da doutrina en si. Rememoramos algúns dos lemas máis curiosos, conflitivos ou desapropiados de diversas formacións políticas.

  1. 01

    Moncho es mucho

    Entre os rostros impresos que miraban aos habitantes de Sada entre os cartaces electorais de 2007 destacaba un: o do actual alcalde, Ramón Rodríguez, ou Moncho para todo o mundo. O rostro inconfundible e o lema riseiro: Moncho y Sada ¡Qué pasada! E o caso é que si, que Moncho es mucho. Ese mesmo lema, popularizado por el mesmo en anteriores campañas circulou pola rede na páxina www.monchoesmucho.es. Para ser alcalde de Sada desde as primeiras eleccións democráticas do 1979 (con algún que outro susto) hai que ter moita habilidade. 

     

     

  2. 02

    Sempre há umha primeira vez

    Efectivamente, sempre hai unha primeira vez para todo. Para visitar un país distinto, para coñecer xente nova, para namorarte... E tamén para presentarte aos comicios europeos. E, efectivamente, nada mellor que visualizalo dun xeito tan claro como este de Nós-UP nas ereccións (desculpen, eleccións) europeas de 2004

  3. 03

    Soberanía nos 'axuntamentos'

    Axuntamento: substantivo masculino. Acto e efecto de axuntar ou axuntarse. Obviamente, neste caso, o lema non se refire a ter poder de decisión para xuntarse a alguén ou non. O BN-PG enfatizaba a importancia de dispoñer de poder de decisión nos concellos alá polo 1979. Un #vivaantes en toda regra

  4. 04

    Axente segredo

    Había unha vez un axente segredo que decidiu, poñendo en risco a súa vida, adentrarse no mundo dos narcotraficantes. Para isto, fixo boa amizade co narco Marcial Dorado e poder así meterse nos sumidoiros desta realidade. Sóalles a historia?

    Feijó09 foi a campaña que idearon os publicistas do PP para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao máis puro estilo de axente segredo, nas autonómicas de, obviamente, o 2009. Falta saber quen é a moza Bond. E vendo quen era o malo, póñanse a tremer...

  5. 05

    Eu son Anxo Quintana

    Foi un dos lemas da campaña do BNG no 2009 xunto co oficial: Con valentía, sen ataduras. Queremos máis! Pero o certo é que soou con máis forza o de Con valentía, sen ataduras. Eu son Anxo Quintana, estampado en camisetas e diverso material publicitario. O que tamén fixo famosa a frase foi o anuncio no que, o xa falecido Pico, facía de romano na procura do rebelde que proclamaba a soberanía de Galicia. Cando se trata de defender este país... tod@s somos Anxo Quintana, podía lerse ao final.

  6. 06

    O Presidente?

    No 2009, o daquela presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, apostou por unha campaña de poucas palabras: O Presidente. Cando pasaron os comicios os seus cartaces quedaron rachados co aire e descoloridos polo sol mentres Alberto Núñez Feijóo dirixía a Xunta. Xa di o refrán aquilo de que non hai que cuspir moi alto por se despois che cae enriba.

    A "O Presidente" acompañouno o lema "O Presidente de todos e contra ninguén", que vaia, en democracia o lóxico é non tomar represalias contra quen non te votou...

  7. 07

    Serendipia?

    En Bloque, PODEMOS! Foi o lema que elexiu o BNG para lanzar ao seu candidato á presidencia da Xunta en 2012, Francisco Jorquera. Era un lema potente, que pretendía subir a moral da formación despois das escisións da Asemblea de Amio. En xaneiro de 2014 nacía Podemos para sacudir o mapa da política do Estado Español. E niso están aínda. Poderán en bloque ou non?

  8. 08

    + x cat

    Con ese xeroglífico, Més per Catalunya, por lema concorreu Durán por CiU ás eleccións xerais de 2011. Teoricamente pretendía transmitir máis autogoberno, máis emprego, máis actividade produtiva, todo aquilo que fixera unha maior e mellor defensa dos intereses dos cataláns e do país, explicaba o equipo de campaña. 

  9. 09

    LLamazarES

    Cos xogos de palabras hai que ter moito coidado. LlamazarES izquierda útil e LLamazarEs rojo y verde foron os lemas de precampaña de Gaspar Llamazares para as xerais de 2008. O definitivo foi LlamazarEs + izquierda. Excesivo, non cren?

  10. 10

    O que importaba non era o lema...

    Como esquecer este lema (e o que acompaña ao lema)? Sólo nos importan las personas, dicía o lema co que Ciutadans se presentou aos comicios da Generalitat do 2006 Albert Rivera. O caso é que ademais dese lema tan doce e empático coa cidadanía no cartaz aparece o líder de Ciutadans, Albert Rivera totalmente espido e coa man tapando os xenitais. En fin, xa saben que para gustos...

  11. 11

    Solidaritat Catalana per la Independència

    Ás veces defínete moito mellor o que non es que o que es. Joan Laporta, no 2010, apostou pola primeira opción.

  12. 12

    Catalunya si, España también

    Se Joan Laporta optou no seu lema por definirse polo que non era, a candidata do PP en Cataluña, Alicia Sánchez-Camacho optou por explicar ben clariño o que era. A campaña pretendía ser "positiva" ante o reto independentista pero, a verdade, non lles quedou moi conciliadora...