David Lombao

Unha ducia de citas do San Froilán

Esta fin de semana comeza o San Froilán máis longo dos últimos anos. Ata o vindeiro día 12 Lugo sae á rúa e mestúrase coas moreas de xente propia e allea que chega de case todas partes. O Concello anuncia un programa con máis de 200 actividades que se combinan con outras que, por clásicas e case imprescindibles, xa non hai nin que anotar. Velaquí algunhas das citas das que, segundo don Álvaro Cunqueiro, son as "mellores festas do outono galego".

  1. 01

    As rúas a rebordar

    Non é Lugo cidade de multitudes. Pero todo muda nos primeiros días de outubro, especialmente nos días grandes (anoten: día 5, San Froilán, día 11, Domingo das Mozas), cando as rúas rebordan xente e o centro histórico fica pequeno. Sempre hai alguén que se queixa, pero ese é outro conto.

  2. 02

    O recinto feiral

    Ou, se é vostede lucense, "as barracas". A contorna do parque Rosalía de Castro torna nestes días nun enorme parque de atraccións, tómbolas e postos de toda caste. Pérdanse e déixense ir, que a multitude xa os vai levando.

  3. 03

    O polbo...

    ... e as polbeiras, unhas imprescindibles das festas, heroínas armadas con cobre e tesoiras. A zona cero do cefalópodo son as casetas instaladas nas costas do parque ata finais de mes, pero outra interesante opción é explorar un chisco máis a cidade e guiarse polo arrecendo dos caldeiros. O que semella un garaxe pode, realmente, ser o escenario dunha paparota. Non baixen a garda.

  4. 04

    O desfile de gando

    Porque antes que festa, o San Froilán foi feira. Desta volta o desfile de gando parte o sábado 3, ás 12 da mañá, dende o treito peonil da Ronda da Muralla. Á mesmisima Praza Maior achegaranse vacas rubias galegas, burros fariñeiros, porcos celtas, pitas de mos, cans de palleiros e cabalos de pura raza galega. 

  5. 05

    O camiño de Froilán

    A cidade vai celebrar a declaración do Camiño Primitivo e da Catedral como Patrimonio Mundial cunha proxección audiovisual sobre a fachada do Concello. Será o sábado 3 ás dez da noite, pero xa temos un petisco.

  6. 06

    As orquestras

    As feiras e festas do San Froilán teñen moitas das cousas boas de seren unha festa de cidade, pero conservan ingredientes vilegos nada desdeñables. Entre eles están as verbenas, esas romarías laicas que moven medio país. Anoten: desta volta pasarán polo San Froilán Breixa Band e La Fórmula o día 4, o día grande do San Froilán será a quenda para a mítica Orquestra Compostela. O 6 de outubro, Día dos Maiores, a orquestra lucense Acordes tocará na casa. O 7 chegará a Lugo Costa Dorada e o venres, unha das de masas: El Combo Dominicano. Pecharán o menú Tanto, Trébol e Solara. Para botar un pé ou mesmo os dous.

  7. 07

    Noites alegres...

    ... e as mañás, pois xa veremos. Ademais das orquestras e os concertos, o programa inclúe varias "sesións disco" na praza da Soidade con La Duendeneta. Disque foron moi celebradas no 2014.

  8. 09

    O Domingo das Mozas

    Coa homenaxe a Rosalía como acto destacado. A xornada que, noutrora, era aproveitada pola xente nova de Lugo e provincia para ir mocear ás festas é agora unha das xornadas grandes do San Froilán, día de homenaxe ao traxe tradicional e tamén día de lembranza a Rosalía de Castro, cuxa homenaxe anual será realizada nesta ocasión pola veterana xornalista lucense Tonina Gay.

  9. 10

    O pregón

    Porque toda festa debe ser pregoada como corresponde. Nesta ocasión, a unanimidade municipal avalou que o San Froilán sexa pregoado polo académico Darío Xohán Cabana.

  10. 11

    O San Froilán miúdo

    O espazo da rapazada. Durante todas as festas desenvólvese o San Froilán Miúdo, que desta volta ten como convidados ao Mago Rafo e á Gramola Gominola, entre outras sorpresas.

  11. 12

    Festas con banda sonora

    Non son poucos os concertos que ofrece o San Froilán. Dende Kiko Veneno a Siniestro Total, pasando por Carlos Jean, M-Clan ou Auryn, unha desas boy band que fan tolear adolescentes de toda clase e condición.