CTNL - Proxecto Apego

Unha ducia de agasallos en galego para peques

Andan estes días Apalpador, Papá Noel e Reis Magos recollendo desexos por todas partes. E é que…, quen non lle pide algo polo Nadal? E as e os cativ@s son sempre as/os máis beneficiad@s! Un xoguete, un disco, un libro, unha camisola… Algo caerá, non? Pois en galego hai unha chea de propostas ben xeitosas, e a maioría poderás atopalas no web Agasallo.eu Bótalle aí un ollo. Facémosche aquí unha pequena selección de ideas para peques de, máis ou menos, 0 a 6 anos, e todas de menos de 30 €. A ver se che (ou mellor, lle) gustan...

  1. 01

    O disco Fíos do querer

    "Tecendo coas agullas máxicas do amor, dos bicos, aloumiños e fermosas primeiras experiencias compartidas e celebradas foi medrando Fíos do querer resultando envoltorio agarimoso para xogar, cantar e bailar cos nenos de colo". Estas palabras serven para presentar o traballo en formato libro-cd de Cé Orquestra Pantasma, vinte e catro sinxelas e agarimosas cancións para meniños e meniñas de 0 a 3 anos. Prezo: 18 €.

  2. 02

    Un 'body' Bonito do Norte

    Tanto Nikis Galicia como Rei Zentolo teñen uns cantos bodys e peleles para bebés ben chulos e simpáticos. Un exemplo é este de “Bonito do Norte. O máis feitiño!”, de Nikis. Hai outros con instrucións para pais ou con modelos como “Galego”, “Super Feitiñ@”, “Meu rei”, “Miña xoia”, “Xogo de tronas”... Prezo: 18,90 €.

  3. 03

    Escola de Escritura do Xabarín

    Xa a partir dos 3 anos, para comezar a aprender a escribir, esta escola de escritura de Galileo (empresa que ten outros xoguetes en galego) é un regalo moi xeitoso. Na compaña do simpático porquiño bravo o neno ou nena será guiad@ a través dun percorrido de aprendizaxe rico e con dificultade progresiva. Ademais da actividade de preescritura atopará o alfabeto, os números, as palabras e moitas figuras para debuxar. Prezo: 21,76 €

  4. 04

    Un libro-disco de Sonárbore

    Un conto ao revés, de Chuches Amil; Canta o cuco, de Uxía e Magín Blanco; Alegría, de Sérgio Tannus; Pitusa Semifusa, de Olga Brañas; A bruxa Discordia, Estación Nadal ou Xa me tardan estes Magos, de Mamá Cabra; Lucecús, de Pirilampo; Toc Toc, de Pablo Díaz, Unha viaxe polo mundo, das Maimiñas; María Fumaça... Claro, hai tantos, tan chulos e tan bos, que non nos dámos posto de acordo para elixir só un dos discos da colección Sonárbore de Galaxia. Vas ter que elixir ti! Prezo: 19-20 €.

  5. 05

    Libros Toca-Toca con peluche

    A colección Toca-Toca, de Engaiolarte, está formada por catro libros diferentes, Animais Cores, Animais Cachoros, Animais Selva e Animais Sons. Son libros con texturas e relevos pensados para experimentar co tacto, con cores brillantes e que poñen os cativos e as cativas en contacto con palabras, conceptos e sons. Pensando no estímulo nestas idades, ofrecen unha oferta destes catro libros, xunto cun boneco fabricado artesanalmente en tecido polar, e cunha bolsa-mochila. Prezo: 29,60 €.

  6. 06

    A nena equilibrista

    Apetécevos dar unha voltiña en barco? A viaxe pode durar moitos días e precisaredes meter no barco todo o necesario para esta grande aventura. Para iso tedes que lograr poñer todas as pezas en equilibrio sen que caian ao mar e estaredes preparados para partir! Brazolinda fai xoguetes artesanais, educativos, en galego e ben chulos. Prezo: 20,00 €.

  7. 07

    O libro-disco 'A música das árbores'

    «Graciano Zoqueiro, trasniño e gaiteiro, descubriu que as árbores facían música. Cando o vento move as pólas nace unha sinfonía, unha orquestración. Cando a chuvia cae nas follas soa un violín, unha gaita, unha zanfona, cada vez que unha treboada fai danzar os freixos ármase un espectáculo de ballet…». Libro-disco de Anxo Moure e Servando Barreiro en Xerais que conxuga narración, música e poesía para falarnos da posibilidade dun mundo onde os seus habitantes vivan en harmonía coa natureza e onde os problemas se amañen facendo falar os corazóns. Prezo: 17,10 €.

  8. 08

    O Abecedario

    O abecedario, as 23 letras do abecedario galego acompañadas dunha ilustración de Óscar Villán, é para aprender, mais tamén para admirar as ilustración, para ver, imaxinar ou inventar. Este libro e lámina que fixo A Mesa ten como obxectivos incrementar o uso do galego na educación infantil, potenciar o uso de vocabulario en galego, recoñecer as letras e aprender o abecedario galego. Prezo: 9 € (libro) e 12,50 € (lámina).

  9. 09

    Un audioconto

    Os sete cabuxos, O gato con botas, Bela e Besta, O galo Quirico… Hai unha boa selección de títulos de contos para escoitar (e tamén ler) na colección Audiocontos de Galaxia. Os contos de toda a vida en CD. Vaia!, para gozalos escoitándoos e facendo que os nenos e as nenas tamén escoiten galego, claro! Prezo: 13,78 €.

  10. 10

    Os Bolechas con peluche

    Unha nova colección de libros para coñecer mellor a cada un dos irmáns Bolechas e o seu can, Chispa. Ademais, cada libro leva de agasallo o peluche do seu personaxe. De momento están dispoñibles os peluches de Chispa, Tatá e Carlos. Prezo: 17,00 €.

  11. 11

    Unha camisola dun ourizo

    En Racataplan fan roupiña ecolóxica ben xeitosa. Por exemplo, camisolas de ourizo para que as e os máis pequen@s se sintan cómodas e vistan con tecidos saudables. Están fabricados en algodón ecolóxico. Ah!, claro, outras ideas de camisolas divertidas para peques tamén as tes en Nikis, por exemplo. Prezo da camisola ourizo de Racataplan: 28,00 €.

  12. 12

    Un brinquedo tradicional

    Andacamiños, argolas, chave, ferreñas, pedal... Se non es quen de facelo ti, sempre podes encargarllo, por exemplo, á cooperativa Miudiño. Prezos: varios, a partir de 20 €.