Marcos Pérez Pena

Unha ducia de gráficos que amosan a desigualdade home-muller no mundo laboral

Este 8 de marzo celébrase o Día da Muller Traballadora. Un bo momento para lembrar as desigualdades que a todos os niveis (contractual, salarial, en materia de conciliación...) continúan a existir entre homes e mulleres no mundo laboral. Unha fenda que ao longo da crise mesmo se fixo máis grande. As asalariadas galegas comparten as dificultades que sofren a maior parte dos asalariados e, ademais, engaden outras propias. Menor salario, contratos máis precarios, maior taxa de paro, menor taxa de cobertura para as desempregadas e pensións menores son algúns dos aspectos que serán denunciados este 8 de marzo.

  1. 01

    Máis paro feminino

    As taxas de actividade (48,7%) e ocupación (39%) femininas son 10 e 8,7 puntos inferiores ás masculinas. A taxa de paro é máis elevada (20% fronte ao 18,6%). No último ano mentres que a masculina descendeu en 2,9 puntos, a feminina só o fixo en 1,7.

  2. 02

    Temporalidade

    En 2015 só o 4,9% dos contratos asinados polas traballadoras galegas foron indefinidos. O resto foron temporais. Deles, o 30,9% tiveron unha duración inferior a unha semana e un 44,3% duraron menos dun mes.

  3. 03

    Emprego a tempo parcial

    O 76% dos contratos a tempo parcial corresponden a mulleres. Mentres no caso dos traballadores homes, os empregos a tempo parcial representan só o 6,5% do total, nas mulleres son case un de cada catro (23,1%).

  4. 04

    Desemprego de longa duración

    Mentres que en 2015 diminuíu o número de homes que levan máis de dous anos na procura de emprego, desde o 2014 apenas varía a cifra de mulleres nesa situación. A taxa de cobertura é do 57% nos homes en situación de desemprego e do 43% no caso das mulleres

  5. 05

    As mulleres cobran un 23% menos

    As mulleres cobran un 23,4% menos que os homes (17.258 fronte a 22.522 euros anuais de media). A fenda, lonxe de reducirse, mesmo se incrementou ao longo da crise. En 2009 a diferenza era do 20,6%.

  6. 06

    Traballadoras pobres

    En 2014, o 36% das mulleres asalariadas non acadaron uns ingresos equivalentes ao salario mínimo (SMI)

  7. 07

    A recuperación do emprego público, só para os homes

    A recuperación do emprego no sector público ao longo de 2015 beneficiou sobre todo aos homes. Dos 5.000 novos empregos creados, só 900 foron ocupados por mulleres. Un dato sorprendente, se temos en conta que no sector público as mulleres representan o 55,8% do persoal.

  8. 08

    Menor acceso aos postos de dirección

    Tan só o 2,5% da poboación ocupada feminina traballa en postos de dirección ou xerencia, fronte ao 4,8% no caso dos homes. Mentres, nos órganos de dirección das empresas do IBEX 35 as mulleres tan só representan o 9,32%.

  9. 09

    Responsabilidades familiares, para elas

    A inactividade das mulleres por ter outras responsabilidades familiares ou persoais e polo coidado de nenos/as ou de persoas adultas enfermas, discapacitadas ou maiores, dista moito da masculina por estas mesmas razóns. Por exemplo, mentres o 4,8% das mulleres que non traballan declaran non buscar un emprego para coidar dalgún familiar, apenas o 0,6% dos homes sinala que este é o motivo.

  10. 10

    Excedencias para coidados, só elas

    A prestación por maternidade segue a ser desfrutada de forma exclusiva pola nai no 98% dos casos. As excedencias por coidado familiar seguen a ser solicitadas, en máis do 88% dos casos, polas mulleres, sen grandes variacións nos últimos anos.

  11. 11

    Elas reducen a xornada para coidar de familiares

    Máis do 94% das persoas que teñen un contrato a tempo parcial por ter que coidar de nenos ou nenas, de persoas maiores ou por ter que atender outras responsabilidades familiares, son mulleres.

  12. 12

    Pensións máis baixas

    A pensión contributiva media nos homes ascende as 1.010 euros, e a das mulleres a 626, unha diferenza do 38%. A fenda é maior da que se rexistraba antes da crise: no 2007 era do 35,8%.