Praza Pública

Unha ducia de escenarios para vivir o 17º Ribeira Sacra Festival

Cando unha pendente supera os 17 graos considéranse que actividade vitícola que se realiza nela xa é de risco. Ou heroica, como a da Ribeira Sacra. Da inclinación dos históricos bancais e da temperatura das tripas da terra vén de nacer o 17º Ribeira Sacra, un festival que do 28 ao 30 de xullo combina música, viño, gastronomía e patrimonio en escenarios naturais e patrimoniais privilexiados de Monforte e Sober. Velaquí doce petiscos do seu amplo menú. 

Contido patrocinado

  1. 01

    A bordo do catamarán

    Si, un catamarán polo Canón do Sil, no que poder escoitar a Virginia Maestro cantando o seu disco Bluebird (sábado 29 de xullo, 16:30h e domingo 30 de xullo, 12:00h) dentro do 17º Ribeira Sacra Festival. Unha estrada tan sinuosa como gratificante para os ollos condúcete ao embarcadoiro de Doade (Sober). Alí atoparás o teu barco 17º, o catamarán da Deputación de Lugo, preparado para cincuenta privilexiados, xa que ese é o aforo.

  2. 02

    Comer e cantar en Bodegas Regina Viarum

    As amplas instalacións de Regina Viarum permiten ao 17º instalar unha área gastronómica dirixida por O Curro da Parra, cunha proposta de cociña fácil, divertida e con produto de primeira. E mentres se come, os concertos de Os Amigos dos Músicos (sábado 29, 14:00h, gratis), M. Ward (sábado 29, 19:00h) e Best Boy (domingo 30, 14:00, gratis).

  3. 03

    En Santiorxo, a máis de 500 metros de altura

    530 metros de altura, exactamente. Un espazo de vertixe -de altura e de beleza- para acoller os concertos de Pardo o venres 28 e o sábado 29 (18:00h). Unha tarde de verán para deixarse levar por unha proposta acústica nun miradoiro, o de Santiorxo, e facerlle un regalazo aos ollo. E de gratis.

  4. 04

    Coas estrelas no Parador de Monforte Lemos

    The Magic Numbers, Novedades Carminha, Iván Ferreiro, Los Árboles. Na noite do sábado 29 de xullo a partir das 20:00 h, música e gastronomía no exterior do Parador de Monforte de Lemos. Anoitecer á beira do conxunto monumental de San Vicente do Pino, coa Torre da Homenaxe, o Mosteiro e o Pazo dos Condes de Lemos, onde está o Parador de Monforte. Así será o escenario do 17º Noite.

  5. 05

    Na Adega Algueira: sobremesa retro e elegante con The Wellgreen

    Hai case 10 anos que a Guía Parker deu un 95 sobre 100 ao seu crianza; Algueira é sinónimo de prestixio e exquisitez. Os sons retro dos escoceses The Wellgreen (sábado 29 xullo, 17:00h), a xoia mellor escondida de Glasgow, son a mellor maridaxe nun escenario tan prácido e bucólico como é Adega Algueira, perfecto para crear viño e gozar del.

  6. 06

    Na igrexa de San Xulián de Lobios a BSO é de Sumrrá

    Gozar de Sumrrá (sábado 29 xullo, 18:00), o grupo de jazz máis internacional de Galicia, neste exemplo de tardorománico na Ribeira Sacra. Un escenario con capiteis decorados con motivos animais e vexetais e pinturas murais datadas nos séculos XV e XVI. E se chegas media hora antes do concerto, podes asistir a unha visita guiada.

  7. 07

    Na superadega Rectoral de Amandi con Stanich

    Abraia pola súa capacidade de produción; é unha superadega, un buque insignia, que pode fabricar 1,6 millóns de litros anuais desde a súa sede en Amandi. O misterioso Ángel Stanich en directo (sábado 29 xullo, 12:30 h) nun enclave no que é imposible non deixarse seducir por unha copa do famoso mencía da casa mentres se corea “Señor Tosco”, o último éxito deste músico.

  8. 08

    Gundivós feat. Germán Díaz e O Curro da Parra

    Na Reitoral de Gundivós (Sober), o 17º Ribeira Sacra Festival suma valiosos activos e atractivos: a sabedoría e sensibilidade de Elías González, que mantén viva esta olaría do viño coa súa característica cor negra, a delicadeza musical do zanfonista Germán Díaz e a proposta gastronómica de O Curro da Parra para un xantar inesquecible o domingo 30 de xullo (14:00h).

  9. 09

    Piscina en Sober ou praia fluvial no Cabo do Mundo

    Se durante os días do festival apreta a calor, lembra que o concello de Sober, anfitrión do 17º Ribeira Sacra Festival durante o día, ademais de ser un concello fermosísimo, conta con piscinas municipais. Están abertas durante todo o verán de 13:00 a 21:00h e podes darte un chapuzón por 2,50. E con bibliopiscina! Se te animas a facer un traxecto de 25 minutos desde Monforte até a Ribeira Sacra do Miño, podes achegarte a unha das paraxes máis populares da zona, a praia fluvial A Cova (O Saviñao), augas cristalinas no meandro do Cabo do Mundo.

  10. 10

    Na máquina do tempo... aos séculos XII e XIII

    Porque no 17º Ribeira Sacra Festival hai moito patrimonio por descubrir. As visitas guiadas e roteiros para coñecer a zona en detalle forman parte da identidade do 17º. Entre as actividades programadas, o domingo 30 de xullo, visita ás igrexas de Santa María de Proendos, San Vicente de Pinol e San Xulián de Lobios. Se che apetece coñecelas e dispós de dúas horas, a saída está prevista da praza de Sober ás 16:30h. Tes que inscribirte en turismo@concellodesober.com

  11. 11

    Alá nas alturas: miradoiros

    Aínda que o 17º Ribeira Sacra Festival só programa en 2017 no miradoiro de Santiorxo, non deixes de facer, se o festival che deixa tempo, un roteiro de miradoiros pola zona de Sober. Son abraiantes. Os Chelos, Souto Chao, A Pena do Castelo, Cividade, coa intervención arquitectónica da paisaxista Isabel Aguirre, ou Cadeiras, cunha panorámica que deixa a boca aberta e a posibilidade dunha comida de altura no espazo gastronómico Merenzao, a dous minutos andando.

  12. 12

    Nas mellores mesas, na Ribeira Sacra

    No 17º Ribeira Sacra Festival haberá moi boa gastronomía da man de O Curro da Parra, tanto nas
    Bodegas Regina Viarum como no exterior do Parador de Monforte de Lemos. Pero hai que recoñecer que tanto en Monforte e Sober como nos concellos limítrofes atoparemos ofertas singulares para repoñer forzas. En Monforte, Don Pedro no Parador ou O Grelo; en Sober, a Adega Algueira, Vinoteca Merenzao ou A Cantina. Podes consultar as múltiples posibilidades e boas mesas aquí, na guía de servizos 2017 do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.