David Lombao

Unha ducia de músicas galegas que poderían ir a Eurovisión

Vaia por diante quen subscribe non é experto en música nin en televisión. Tamén -e non é impostura- cómpre antepoñer que non acollín con entusiasmo ningún o regreso de Operación Triunfo, un formato que consideraba ben aparcado na memoria adolescente. Pero cabe confesar tamén que a situación mudou ao descubrir que no programa de TVE se producira un aquel de hackeo galego con varios concursantes do país que tivo un dos seus puntos culminantes na interpretación espontánea das Tempestades de Sal de Sés por parte dunha delas. E dado que o programa serve de pasarela a Eurovisión, velaquí doce posibles temas galegos -obviamente, poderían ser moitos máis- para un certame tan aborrecido como amado.

  1. 01

    A orixe de todo

    Esta escolma nunca existiría se non fose por este momento. Quen interpreta Tempestades de Sal, de Sés, é Miriam Rodríguez, cantante e tamén actriz orixinaria de Pontedeume. As imaxes foron difundidas polo seu club de fans e proceden da retransmisión ao vivo do programa na súa canle de YouTube.

  2. 02

    Caxade - Isto é o amor

    Nesa hipotética participación galega en Eurovisión cadraría á perfección unha verbena a medio camiño entre a música moderna de comezos do século XX, o indie e o folk. E quen mellor para poñer o cóctel en escena que a banda de Alonso Caxade.

  3. 03

    Malandrómeda - Bótalle caldo

    Sen saírmos da verbena, Malandrómeda podería alterar os ánimos dos eurofans coa súa cumbia de sesión vermú.

  4. 04

    Calquera das De Vacas

    Neste caso teríamos unha vantaxe. As De Vacas manifestan abertamente en cada concerto a súa vontade inequívoca de participaren en Eurovisión. 

  5. 05

    A serea de Xoel López

    Se quixésemos optar por unha representación galega en Eurovisión que combinase boa música con posibilidades de artellar unha montaxe eurovisiva das que revolucionan á audiencia, A serea e o mariñeiro de Xoel López sería unha excelente opción. Non ven vostedes as posibilidades de tornar o escenario nun mar co seu mariñeiro, a súa serea, os seus barcos, peixes, illas...

  6. 06

    Homenaxe a Los Tamara

    A principal dificultade desta opción sería atopar unha voz á altura da do gran Pucho Boedo. Unha vez solucionado, a representación galega podería presentar unha actuación ao xeito da Eurovisión clásica, dos anos 60 e 70 -mágoa que seica agora xa non se pode levar orquestra- con este temazo rosaliano.

  7. 07

    Oda ao futbolín

    Mudamos radicalmente de xénero para incorporarmos o bravú ao catálogo eurovisivo galego. Dende hai uns anos Eurovisión é máis espectáculo ca nunca -aínda que caben excepcións triunfantes, como a do noso veciño Salvador Sobral- e Os Diplomáticos de Monte Alto serían uns marabillosos protagonistas dun futbolín xigante a cantar ante todo o continente.

  8. 08

    Xirarei

    Estaríamos, neste caso, ante a reparación dunha inxustiza histórica. Aínda que a de Joan Manuel Serrat é a máis coñecida, tamén existiu outro veto en Eurovisión a un idioma diferente do español por parte das autoridades competentes. A mítica Xirarei chegou a estar preseleccionada para o certame, pero a negativa que a transformasen en Giraré deixouna fóra da carreira.

  9. 09

    Pídechas o corpo, neniño

    Como no caso de Pucho Boedo, o principal problema de elixir esta canción sería atopar unha voz que fose quen de se poñer no lugar da grande Ana Kiro. Todo o demais precisa pouca explicación.

  10. 10

    Os da ría, alegría

    Dende hai anos Eurovisión é tamén terreo propicio para a experimentación. Por que non nos presentar ante Europa abordando musicalmente a figura do "xornalista da provincia de Lugo" que "fai [facía] os anuncios do Banco Pastor"? Esta combinación d'Os da ría co Coro da ra deixaríaos abraiados.

  11. 11

    Cumbia oriental dende Galicia para Europa

    Botar man dos clásicos tamén é unha estratexia recorrente en Eurovisión -un dos últimos casos, a recuperación de Bonny Tyler polo Reino Unido en 2013-. Por que non recuperar nós un dos clásicos d'Os Resentidos a ritmo de cumbia e, coa escusa nominal do afastado oriente, levalos a rúas escuras do Vigo dos 80?

  12. 12

    Familia Caamagno

    Europa ten que ter claro que en Galicia tamén se fai bo rock and roll. Aínda que con este tema en concreto é posible que tivésemos algún problemiña de sensibilidade política...