Helena Miguélez-Carballeira

Unha ducia de propostas para despirolizar GZ

Ás portas do 2012, María Yáñez formulaba o seguinte reto para o novo ano: sermos quen de despirolizar GZ. Imos polo 8 de marzo de 2013 e o desafío non provocou maior impacto nin suscitou os entusiasmos refundadores característicos deste tempo. Para que no futuro non poidan dicir de nós que non soubemos aprehender o noso momento histórico, velaquí unha ducia de propostas para despirolizar GZ. Aínda estamos a tempo de non pasar á historia como un simulacro baudrillardián da sociedade neandertal. Temos ata a próxima Mensaxe de Fin de Ano de María Yáñez.

  1. 01

    Quen media nos medios

    Hai dous tipos de persoas: as que ven na foto unha excelente nova para o sector dos medios en galego e as que ven nove incautos pousando a carón do mamut que se lles coou na sala. Se a recentemente constituída Asociación de Medios en Galego non puido xuntar nin unha muller representativa para o importante labor que lles queda por diante, por que sorrín os compañeiros de embaixo?

  2. 02

    Mamá, quero ser analista política

    Moito movemento asembleario e moito arrecendo a ágora, mais para falar de Realpolitk conócese que non vale calquera. Aló onde se crea unha plataforma para a análise política (política de partidos, enténdase) acaba por conformarse un ambiente similar ao do club de señores, que quedaban para falar de cousas importantes lonxe do mundanal fogar. E el non podería o noso parque de politólogos incluír tamén politólogas, aínda que só sexa por darlle un sentido inesperado a iso de que hai que refundar a esquerda?

  3. 03

    Nós viñemos aquí falar de libros

    Publicar publícanse abondos, mais ou non se compran, ou non se len ou non se difunden. O que si se difunde, en constante bucle tautolóxico, é que no tocante ao mundo do libro nada é coma antes. Mais si segue a ser coma antes que o debate, sobre todo cando adquire o formato de simposio de expertos, semelle participado dende a sesión inaugural até a conferencia de clausura, pasando pola mesa redonda, de señores en actitude de alarma. Se non é por salvar o libro, que sexa por salvar a cara: se as mulleres escriben, len, editan, venden e socializan libros, malo será que non poidan tamén falar deles.

  4. 04

    Non á síndrome de Manolete na crítica cultural

    Se eu escribise unha crítica dunha novela sobre a guerra civil dicindo que aborda unha temática anovadora, comezariades a fitar os uns para os outros con nerviosidade. Se ademais digo que a novela resulta mediocre pois teima en furgar nas feridas do pasado, a nerviosidade deviría facilmente en paroxismo violento. Danse similares rebaixas no coñecemento de corpus e ferramenta, cando un crítico sente a chamada inaprazable de pronunciarse sobre un produto cultural feminista. Mais se o crítico non está disposto a facer o esforciño que require unha crítica cultural informada, tamén de textos feministas, pa’ que se mete?

  5. 05

    Quen dixo medo?

    Supoño que a ningún dos señores da foto se lle ocorrería deixar escrito que á prosa oteriana lle faltaban verbos. Mais iso pódese dicir (xa o dixen) e facelo non reviste maior bravura. Cando lle damos un constante tratamento de polémica ao máis mínimo exercicio de autocrítica ou parodia podemos estar contribuíndo a blindar os códigos elitistas, e polo que se deixa ver non moi abertos a tratar con mulleres, daqueles que nos intentaron convencer de que xa facían eles cultura galega polas demais.

  6. 06

    Good-bye, Lenin

    Homes hai en todas partes. Pero aló onde haxa un debate sobre esquerda e socialismo aparecen en concentración pronunciada. Certo é que se neste tipo de debates se convidase a feministas que fixesen unha crítica ao poder, o debate duraría media hora. Mais tamén se diversificaría un chisco ese modelo de militante revolucionario á la Marighella que non sempre ten convidado a mulleres ao movemento, se non era para levarlles as tarteiras.

  7. 07

    O código

    Patriarca, petrucio, mestre, amigo, crack. O vocabulario do encomio que a miúdo acompaña os actos de difusión cultural destilan o cheiror penetrante dun banquete que leva séculos enriba da mesa, mais ao cal as mulleres non estaban convidadas. Moita cultura se fixo entre pinchos e pepitorias, onde se forxaban as amizades que logo se traducían no favor da loa ou visibilidade entre homes. Pero agora entran mulleres no bar, e non están aí para recoller os pratos nin comer faragullas. Ides ver que boa festa faremos entre todos.

  8. 08

    Cada xénero co seu tema

    É de gabar o amplo esforzo que os medios en galego realizan por cubrir temáticas alén do mundo da axenda política (parlamentar) e da economía. A día de hoxe podemos ler actualidade sobre activismo, deseño, consumo crítico ou banda deseñada cunha regularidade nada menosprezable. Mais acontece que no reparto de nichos temáticos, as mulleres acaban por escribir sobre cuestións feministas e roupa, e os homes sobre todo o demais, o cal trae como resultado que os nosos medios escritos ás veces se asemellen á foto de embaixo, co lado rosa decote ao final.

  9. 09

    A feminazi non nace, faise

    Acontece a miúdo que xente con fondas preocupacións pola xustiza social nos pregunta ás feministas se algunha vez deixamos de dar a matraca. Xaora, ben quixeramos. Mais non é doado suspender a conciencia crítica cando che lembran a diario que hai unha vara de medir o mundo, e ti non naciches con ela entre as cachas. Porén, temos unha táctica. Dado que o feminismo segue a ser unha das posicións críticas mais socialmente ridiculizadas e politicamente isoladas, estamos sopesando a idea de invadir Polonia para ver de mudar isto.

  10. 10

    Canonazo ao canon

    Sen dúbida, leo a Nerúvida. E a Deleuze, Derrida e mesmo a Lacan se fixer falla ou non me quedase outra. Mais resístome a ficar embelesada polas seleccións e consello daqueles a quen lles foi máis doado do que a min tomar a palabra para dicirnos que nos cómpre ler para poder contarnos entre a xente lida. Tamén porque aos valedores de tales seleccións non lles importa amosar un verdadeiro analfabetismo funcional cando se trata de obras escritas por mulleres, cousa que por sorte, á altura de 2013, invalida en moito a súa proposta.

  11. 11

    A proba da PENEira

    Son tempos precarios, mais tamén trepidantes, para a cultura galega. Dá xenio ver canta xente hoxe en día traballa arreo en proxectos culturais valiosísimos, sen remuneración ou recoñecemento garantidos. Mais se non queredes que, a estas circunstancias desfavorables, se lles sume a carraxe feminazi, convídovos a facerlle a proba da PENEira aos vosos proxectos culturais incipientes ou en curso. Contade cantos penes tedes involucrados na iniciativa, e se o número está entre ‘todos’ e ‘algo máis de dous terzos’, é probable que con toda a boa vontade do mundo teñades perpetrado un produto cultural patriarcal. Para emendar isto con velocidade chamade á vosa amiga feminazi e pedídelle asesoramento. Por serdes vós, farávolo de balde.

  12. 12

    Hai sitio no carro

    Agora que teño a vosa atención aproveito para facer un chamamento: namentres non invadimos Polonia, a crítica antipatriarcal precisa de tantas soldadas e soldados como sexa posible, xente disposta a non facerlle máis unha chiscadela aos que teiman por manter un mundo onde se mata, viola, silencia, obxectualiza, infravalora ou pon en ridículo a mulleres. Se non queredes facer isto por xustiza ou por Galiza, facédeo aínda que sexa por unha vida sexual de calidade.