0 Gardados para despois

A botadura do flotel que chega tres anos despois e con 1.500 empregos de menos

Redacción | @prazapublica

Será o vindeiro venres 28 cando o estaleiro Navantia en Ferrol bote o buque de apoio a plataformas petrolíferas encargado por Pemex. O famoso flotel verá a luz tras un cóctel, un acto público e discursos de diferentes cargos públicos na ría ferrolá. E chegará case tres anos despois de que naquel setembro de 2012 o presidente da Xunta asinara entre unha importante polémica un acordo para a construción de dous buques hoteis en Galicia froito dun acordo coa empresa mexicana que incluía moitos máis encargos que nunca se acabaron de confirmar. 

Navantia bota o flotel encargado por Pemex tres anos despois de que Feijóo anunciase o acordo coa firma mexicana

Foi un anuncio que chegou pouco antes das últimas eleccións autonómicas e que non acabou por confirmarse varios meses despois e logo de que a propia Pemex negara que o acordo coa Xunta fose definitivo e seguro. En xaneiro de 2014 concretouse o acordo, despois de que a petroleira anunciase o gañador da licitación internacional: a oferta presentada por PMI, brazo internacional da firma estatal, xunto a Navantia e Barreras. O contrato asinaouse en febreiro e incluía a construción dos dous buques, duns 130 metros de eslora por cadanseus 150 millóns de euros e un prazo de execución de 29 meses que se adiantará un chisco. 

Daquela, Feijóo prometera que a construción dos famosos floteis xerarían 3.000 empregos durante 30 meses en Galicia e desde Navantia chegouse a asegurar dous milleiros tan só na ría ferrolá. O resultado final non foi tan satisfactorio. 

Feijóo prometera 3.000 empregos durante 30 meses en Galicia e Navantia falou de 2.000; en Navantia traballan 500 e en Barreras, 600

En Ferrolterra, foron uns 500 as persoas empregadas, a cifra máxima e a pleno rendemento de traballo, segundo aseguraron en varias ocasións os representantes dos traballadores no comité de empresa. A maioría dos operarios pertencen ás auxiliares -máis de 200-, as mesmas nas que nos últimos anos se despediron unhas 4.000 persoas e onde as condicións laborais, segundo os sindicatos, empeoraron moito en plena crise. En Barreras (Vigo), son uns 600 os operarios que constrúen o outro buque hotel que se leva a cabo en Galicia e que celebrará a súa botadura algo máis tarde. En total, case 2.000 empregos menos dos prometidos por Feijóo no país e, no caso de Ferrol, 1.500 menos dos que asegurara a propia Navantia. 

Nada se sabe tampouco daquela base loxística que Pemex ía instalar no porto exterior da Coruña, e cuxa data se atrasou xa, nin dos catorce remolcadores, dous quimiqueiros e a segura construción da frota menor da petroleira mexicana por parte de empresas de Galicia que prometera Feijóo. Máis de 20 embarcacións. A crise da compañía e o baixo prezo do cru non trouxeron boas expectativas para os estaleiros do país e mesmo o ruxe-ruxe chegou a falar xa do interese dunha empresa chinesa en Barreras, agora controlado pola firma estatal mexicana. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.