A fenda de crecemento económico entre Galicia e España é a maior dende o inicio da crise

Crecemento interanual do PIB galego e español CC-BY-SA Praza Pública

O "plus de resistencia", primeiro. O "adianto" na austeridade para ser "primeiros" en saír da crise, despois. Os dous últimos gobernos galegos ilustraron deste xeito un suposto feito diferencial galego a respecto da economía da súa contorna máis inmediata e, nomeadamente, no que atinxe ao crecemento económico en relación co Estado. Cando picou a burbulla e o Estado español se encamiñou á recesión dende a Xunta asegurouse que Galicia "resistía" mellor, aínda que despois se observou que a crise, simplemente, chegou un chisco máis en chegar. O que despois se publicitou como adianto na saída revélase agora, cando menos, como retardo. Mentres, a fenda no crecemento económico entre Galicia e o Estado é a maior dende o inicio da crise.

O IGE e mais o INE fixeron públicos este xoves os datos de evolución do Produto Interior Bruto (PIB) do segundo trimestre do ano e deles cabe tirar, cando menos, dúas conclusións: que en termos intermensuais o estancamento continúa, cun 0,6% de crecemento que chega tras o 0,5% do trimestre anterior, e que interanualmente se produce un lixeiro despegue o cal ratifica a fenda a respecto do Estado.

A economía galega medra un 1,8% a respecto de 2014, mentres que o crecemento do PIB español supera o 3%

Segundo o último cálculo a economía do país avanza un 1,8% a respecto do mesmo trimestre de 2014, mentres que o medre estatal supera o 3%. No inicio do ano Galicia medraba ao 1,3% e España, ao 2,66% tras rematar 2014 cun crecemento galego do 0,8% mentres que o español superaba xa o 2%. Cómpre remontarse á segunda metade de 2013 para atopar un dato galego mellor que o español. Daquela, con ambas economías en recesión, a de Galicia retrocedía un 0,6%, mentres que a de España caía máis dun 1,6%.

Con estes datos sobre a mesa cabe concluír que, botando a vista ata antes do inicio da crise, a fenda do crecemento galego a respecto do español aséntase no seu nivel máis alto, por riba dos 1,3 puntos porcentuais. O PIB galego compórtase peor que o español na primeira metade do 2015 despois de facelo xa durante todo 2014. O mesmo veu acontecendo durante 2011 e 2012, en plena recesión, aínda que a diferenza non era tan acusada como na actualidade. 

Atendendo aos datos do IGE o escenario neste ámbito é xustamente o inverso ao dos trimestres inmediatamente anteriores ao inicio do máis profundo da crise. No terceiro trimestre de 2007 España medraba ao 3,6% e o PIB galego acadaba un crecemento do 5%, o que daba lugar a unha diferenza de algo máis de 1,3 puntos a prol da economía galega, case exactamente o contrario do escenario actual.

Estes datos danse nun escenario no que a Xunta, á hora de prever o marco macroeconómico para 2015, foi máis optimista. Así, os Orzamentos Xerais do Goberno galego prognosticaban que o país medraría neste exercicio ao 2,6%, case un punto máis do crecemento actual. Se esta previsión non se cumpre sería o quinto ano consecutivo no que o Executivo galego se trabuca á hora de prognosticar o dato de crecemento económico.

Billetes de diversos valores © FNMT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.