0 Gardados para despois

Os estaleiros galegos, a "responder" por 310 millóns de dólares de México

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Agora está nas mans dos estaleiros galegos responder en calidade e prezo ás esixencias dunha das catro maiores petroleiras do mundo". É a mensaxe que un pletórico presidente da Xunta lles enviou á ducia de empresarios do naval que na noitiña deste xoves seguían dende as súas cadeiras do salón nobre do Pazo de Raxoi a sinatura do acordo entre o Goberno galego e a petroleira estatal de México, Pemex, para a construción de catorce barcos remolcadores, sete deles integramente en Galicia e outros tantos en colaboración con estaleiros do país americano. Rebordante de "orgullo" e de reiteradas "grazas" Alberto Núñez Feijóo desfíxose en eloxios cara á compañía na persoa do seu director xeral, Juan José Suárez Copell, acabado de chegar a Compostela da outra beira do Atlántico. "Os traballadores e emprendedores" do naval son, asegura, "os grandes beneficiarios" e tamén a "principal garantía" dun pacto ao que lle pon tres cifras: 310 millóns de dólares -uns 247 millóns de euros-, "máis de 2,6 millóns de horas de traballo" e 2.500 empregos "entre directos e indirectos, na industria auxiliar".

Feijóo asegura que o acordo suporá ata 2.500 empregos, entre directos e indirectos

Con interrogantes tan destacados como cales serán os estaleiros beneficiados dos encargos -que non se puideron despexar na comparecencia pública, pola ausencia de quenda de preguntas para a prensa-, se serán para os privados ou para a pública Navantia, Feijóo ve no asinado a "esperanza para un dos nosos principais sectores produtivos" e, ademais, unha "mensaxe de confianza en Galicia que nos abrirá outras portas" para "aproveitar o enorme potencial do noso sector naval e portuario" porque os acordos con Pemex tamén se poderían estender á instalación dunha base loxística da petroleira no porto exterior de Punta Langosteira. O sector, promete o presidente, "non lle fallará" á empresa mexicana porque "conta cunha valía profesional que resiste calquera comparación con calquera sector naval do mundo". "Non é a primeira vez que Galicia atopa esperanza en terras mexicanas", xa que "moitos paisanos tiveron que embarcar e atoparon naquel país a posibilidade de iniciar unha nova vida", evocou Feijóo, que se esforzou en reiterar o papel de Mariano Rajoy na xestión, así como do conselleiro de Industria e dun dos membros do seu equipo sen apenas presenza pública, "o meu asesor Francisco Conde".

"Vostedes son máis que recoñecidos a nivel global pola capacidade dos seus estaleiros"

Pero, por que elixiu Pemex a Galicia? O seu sorrinte e cerimonioso director xeral apenas bosquexou as razóns, se ben, como Feijóo, tampouco aforrou eloxios. "Vostedes son máis que recoñecidos a nivel global pola capacidade dos seus estaleiros, pola calidade do seu traballo", gabou Suárez Copell. "A nosa lei é tratar de maximizar o contido nacional nas nosas adquisicións", pero "as necesidades da frota son tales que, afortunadamente, non abonda cos recursos que temos". "En colaboración coa Xunta de Galicia e co presidente Alberto Núñez Feijóo negociamos este acordo para utilizar a súa capacidade e buscar a colaboración entre os estaleiros galegos e os estaleiros en México", expuxo. 

Os sorrisos, apertóns de mans e agradecementos entre políticos e empresarios multiplicáronse ao remate do tardío acto. Resta agora saber quen serán os agrazados cos encargos e agardar que os posibles avatares electorais mexicanos non muden o rumbo dun acordo entre gobernos que agora terán que xestionar, con toda probabilidade, compañías privadas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.