0 Gardados para despois

Leite Río ameaza con levar a Madrid a súa factoría declarada ilegal en Lugo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado setembro, en plenas mobilizacións gandeiras polos baixos prezos do leite, o propietario de Leite Río avanzaba a súa inminente aposta por implantarse en Madrid. Nunha entrevista co xornal El Progreso Jesús Lence anunciaba a negociación "da compra dunha nave duns 30.000 metros cadrados" nun polígono industrial madrileño. Facíao, aseguraba, para evitar "folgas salvaxes", pero tamén para poder recibir "materia prima de Portugal, Asturias ou Castela e León sen problema ningún". Naquela intervención pública Lence avanzaba que esta operación "podería acarrear ou non deslocalizar" unha das súas catro fábricas galegas. Agora retoma a ameaza, pero poñendo a presión non nos gandeiros, senón no Concello de Lugo, a quen lle esixe a legalización inmediata dunha planta ilegal.

O Tribunal Supremo vén de ratificar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que en 2014 ordenou a demolición da factoría Ceao II do grupo lácteo por non axustarse á legalidade urbanística. O alto tribunal galego referendaba así unha resolución da Xunta, que no ano 2007 ditaminara o derrubamento polos mesmos motivos, e o Supremo rexeita agora o recurso de casación presentado pola empresa. As obras, sentenzan os tribunais, foron realizadas sen licenza municipal e sen autorización urbanística da Administración autonómica.

Lence esgrimiu xa a deslocalización a Madrid durante a folga gandeira

Con este pano de fondo, Lence recicla o anuncio de deslocalización. Seis meses despois de declarar a intención de "contar o máis pronto posible cunha planta en Madrid", o empresario sinalou, en declaracións a varias axencias de noticias, que se a súa factoría non é legalizada de inmediato, procederá ao seu peche e traslado á nave madrileña. Lence admite que acometeu, hai máis dunha década, as obras malia aos informes desfavorables dos servizos xurídicos do Concello de Lugo. "Como xa estaba contratada a maquinaria e a nova, fomos poñendo todo a funcionar", explica, ao tempo que admite que a parcela en cuestión ficou fóra do ordenamento do vixente PXOM lucense. 

Fontes da contorna da empresa aseguran que a decisión do peche e traslado está xa tomada

"Acábaselles de presentar un proxecto novo, coas recomendacións da Consellería de Medio Ambiente para que, se o cre oportuno, o Concello decida que a finca é urbanizable", di Lence, quen afirma que se o consistorio toma esta decisión, "automaticamente pedimos a licenza de obra". "A parcela é urbanizable, a licenza de obra pode conseguirse", reitera. E se esa autorización non chega, di, o automatismo será outro: "ver a forma de deslocalizar a nave e as máquinas", decisión que abordará, di, en canto teña "resposta oficial ou oficiosa" do goberno local. No entanto, fontes da contorna da empresa consultadas por Praza.gal aseguran que a decisión do peche e traslado está xa tomada.

O impacto na zona rural de Lugo

"As obras ilegais da factoría supuxeron a desturción total dunha carballeira e dunhas oito hectáreas de terreos agrícolas e fértiles"

O intento de legalización desta planta non é, nin moito menos, un asunto novo, e o seu rexeitamento vai alén do ámbito político e xudicial. Así, por exemplo, na primavera de 2015 a asociación ecoloxista ADEGA presentou alegacións ante a Xunta contra o proxecto de Lence sobre o que, lembraba, pesaba unha orde de demolición da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística dende febreiro de 2014. "As obras ilegais da factoría -lembraba daquela a entidade- supuxeron a destrución total dunha carballeira e recheos, nalgúns puntos de máis de 10 metros de altura, sobre unhas oito hectáreas de terreos agrícolas e fértiles cualificados como solo rústico de especial protección".

A proposta de Leite Río, advertía a entidade, era "reclasificar o solo rústico como urbanizable" e ademais, ampliar a superficie do "ordenamento", afectando "de novo a áreas de elevado valor agrario e ecolóxico, alén de núcleos rurais, vivendas tradicionais, camiños, peches e toda sorte de elementos patrimoniais e paisaxísticos". Alén deste impacto, subliñaban, este plan para legalizar a fábrica "fundaméntase no ordenamento urbanístico municipal de 1992, o cal non está adaptado á lexislación vixente".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.